Phi 22
Penduraba da miña man, preto da xanela. Brillaba, e deixa pasar a luz polos cristaliños de cores. A pulseira que tanto lle gustaba.
Mirábame cos seus ollos cansos, traspasaban a miña alma.
¿Que fas aquí?, estou moi lonxe, ¿sábelo?
Mírote, arrólote. Sei que atopámonos lonxe, moi lonxe, si.
Estirou o seu braciño aos poucos, como xogando a facerme cóxegas.
¿Posma?
E póusenlla. Gardou a súa man baixo as sabas. Man cativa.
Acocheime a súa veira, moi preto, a modiño.
¿Cóntasme un conto sen fin?
Agarda, que abro o cofre das historias bonitiñas, ese que ti sabes, o que está cheíño de maxia, díxenlle mudando a voz.
Pechou os ollos, axeitou a cariña no meu peito e comecei o relato:
Nunha fraga moi, moi cativa, vive unha fada pequechiña, tan pequecha que pode facer os seus sombreiros coas follas das margaridas.
A súa casa é un cogomelo branco, con puntiños da mesma cor, no tellado vermello.
Moi despistada ela, ¡endexamais sabe cando é o tempo de deixar de xogar!.
¿É o seu nome?, preguntoume.
Pois…22, ¡22 Phi !
Os dous patiños, dixo ela, moi seria.
Si, por que é moi “patosa”.
¿E o phi?
O phi, o phi é… é a perfección, e tamén o apelido que tódolos nenos levan, ou deberían levar, é un segredo, chist!.
Miroume cómplice.
¿Onde durme?, preguntou.
Pois 22…uhmmm, nunha cabaza furada, onde os paxaros deixan paliños, como se fora uns dos seus nos niños. Sempre se esperta cantando: “ lelo, lelo, lelolelolelooo”.
Lavábase a cariña con auga que garda nunha cuncha de cadelucha.
No verán pasado foi a praia, aprendeu a nadar. Gústalle, agora vai practicar na presa do muíño, se quenta o sol.
¿E vai á escola?
¡Claro!. No bosque hai moitas. A dela está preto dunha vella laranxeira.
Teñen carrandiolas de cores nas súas polas grosas. As veces voan moi alto, tan alto, que…
Aluquei, e vina case durmir. A febre non a deixaba. Paseille unhas pingas de agua polos seus beizos.
Penso, dóeme aínda ao pensar, co número phi trabucouse, e moito, con ela.
Moitas das súas preguntas quedaron sen responder.
¡Pequeniña!.
As veces recibimos agasallos inmensos, que no tempo son fugaces.
Mi.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901