Mostrando entradas con la etiqueta CULTURA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CULTURA. Mostrar todas las entradas

viernes, 31 de enero de 2020

ENTROIDO "O OSO DE SALCEDO" - A POBRA DO BROLLÓN

ENTROIDO
"O OSO DA POBRA"
SALCEDO
A POBRA DO BROLLÓN


Oso de Salcedo
     O Oso de Salcedo é unha máscara característica do entroido de Salcedo, celebrado o luns de entroido na parroquia de Salcedo, no concello da A Pobra do Brollón (Lugo).


     Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. 
 

     Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.



A festa
     A máscara, un veciño disfrazado con peles de animal, a semellanza dun oso, percorre as rúas e corredoiras de Salcedo na compaña de "criados", asustando os viandantes, ós que intenta mancharlles coas potas cheas de feluxe.    


     Ten así bastantes semellanzas coas tradicións ourensás do entroido, como os peliqueiros de Laza, pero actúa en solitario, agás a compañía dos seus "criados", e non en grupo como a maior parte destas máscaras máis meridionais.


      Festas similares baseadas na figura dun oso celébranse tamén noutros puntos de España (como no País Vasco) e Europa (Cataluña francesa, Alpes italianos, Romanía, Alemaña). Tamén se coñece no Xapón. 


     De feito, a celebración desta festa mitolóxica primaveral na Pobra do Brollón foi unha sorpresa para os etnógrafos, que a descubriron e estudaron a partir do 2000. En Galicia esta é a única máscara semellante.


     Dende febreiro de 2008, un disfrace do Oso de Salcedo forma parte do Museo Internacional da Máscara e o Entroido de Binche (Bélxica), o museo do entroido máis importante do mundo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.


Historia
     Descoñécese a data do comezo desta tradición, pero a súa raigame local é clara. 


     O Oso de Salcedo saíu ininterrompidamente malia as prohibicións de celebrar o entroido que se sucederon durante a ditadura.


     O entroido de Salcedo tamén conservou ata non hai moito o domingo corredoiro, durante o que os veciños e veciñas facían, e fan, representacións en mímica de feitos da aldea. 


     A partir dos anos cincuenta o entroido acompañouse tamén dalgunha obra de teatro afeccionado, representada polos veciños, así como unha danza de donas e galáns, semellante a outras que hai no país.

VIDEO
VIDEO
VIDEO
VIDEO
VIDEO
MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 16 de marzo de 2019

ENTROIDO RIBERAO - SANTIAGO DE ARRIBA - CHANTADA

ENTROIDO RIBEIRAO
SANTIAGO DE ARRIBA
CHANTADA


Entroido Ribeirao
     O Entroido Ribeirao celébrase nas parroquias das ribeiras do río Miño, no concello de Chantada. No século XX facíase en Vilaúxe, Líncora, Nogueira de Miño e Santiago de Arriba. Nas primeiras décadas do século XXI só se mantén en Santiago de Arriba, organizado pola Asociación Entroido Ribeirao.


     Outras manifestacións semellantes tiñan lugar en Ribeiras de Miño, parroquia do concello de Pantón situada na ribeira oposta do Miño. Tendo paralelismos cos entroidos rurais de Salcedo (A Pobra do Brollón) e da Provincia de Ourense (O Bolo, Verín, Xinzo de Limia ou Laza).


     O tempo do Entroido comeza co domingo lambedoiro, segue o domingo corredoiro, e o domingo de Entroido, rematando co luns e martes de Entroido, co testamento, antes da desaparición da máscara.


     Nos personaxes destaca o volante, vestido con faixas alternas de cores, amarelas e vermellas, e cun cinto que leva penduradas dúas ducias de campaíñas do gando. Na cabeza leva o pucho, unha estrutura cuberta de cintas e flores de papel, entre as que se coloca unha boneca. Acompañan o volante o peliqueiro, o meco e o maragato, personaxes descoidados na vestimenta, que tratan de protexer e abrir o camiño do volante.


     No Entroido da ribeira tamén se representan pequenas pezas teatrais, coñecidas como oficios, obras satíricas realizadas polos propios veciños da ribeira.



Santiago de Arriba
     Santiago de Arriba é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 57 habitantes distribuídos en 2,96 km², segundo datos do INE e do IGE, deles 30 eran homes e 27 eran mulleres. 


     En 2007 tiña 76 habitantes, deles 40 eran homes e 36 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 90 habitantes.


Patrimonio
    Igrexa de Santiago de Arriba, do último cuarto do século XVIII.



Lugares de Santiago de Arriba
     Arriba, Bacelares, Guxeva, A Igrexa, O Pedroso, A Proba, O Reguengo, Vilar de Outeiro, Vilar do Mato, Viñás



Chantada
     Chantada (do latín plantatam, en alusión a unha pedra chantada no chan. Hai topónimos parecidos como Chanto ou Chanteiro) é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Chantada e á Ribeira Sacra. 


     Segundo o IGE no ano 2017 tiña 8.371 habitantes (8.897 no 2011,8.951 no 2010,9.249 no 2006, 9.366 no 2005, 9.463 no 2004, 9.650 no 2003). O seu xentilicio é  «chantadino» ou «chantadés».


Xeografía
     O concello de Chantada ten unha superficie de 176,7 km², e está situado no suroeste da provincia de Lugo, sendo a capital do partido xudicial que leva o seu mesmo nome. Linda ao norte con Taboada, ao sur con Carballedo, ao leste co Saviñao e Pantón, e ao oeste co concello de Rodeiro, na provincia de Pontevedra.


     O seu cumio máis alto é o monte Faro (1.187 m). Outras altitudes importantes son o monte Sabadón (679 m), San Sebastián (745 m), Santa Rosa (586 m), Penedo de Riba da Zanca (750 m) e Igrexa (575 m).


     A zona está atravesada polo río Miño, no que se construíu o encoro de Belesar. Outros cursos importantes son o río Asma e o río Enviande.



     No concello hai restos dos poboados castrexos de Líncora, Centulle, San Sebastián, Nogueira e Castro Candaz. Con todo, queda a disposición defensiva dos mesmos nos lugares nos que posteriormente foron construídos o mosteiro de San Salvador de Asma, a fortaleza de Paderne, a Torre de Arcos, a Torre de Pereira, a Torre de Quinteliña, a Torre de Teixeiro, a Torre de Vilaúxe e a Torre de Merlán.


Patrimonio
     No concello hai varios monumentos declarados Ben de Interese Cultural: A igrexa de Santa María de Pesqueiras (RI-51-0001222) foi recoñecida como tal o 6 de outubro de 1950. 
 

     A Torre de Pacio (RI-51-0008892), a Torre de Arcos (RI-51-0008893), a Torre de Vilar de Eiriz (RI-51-0008894), a Fortaleza de Pereira (RI-51-0008895) e a Torre de Vilaúxe (RI-51-0008896) recibiron esta declaración o 17 de outubro de 1994.


     As sepulturas antropomorfas de Fornas están na parroquia de San Cristovo de Fornas, na parte superior dunha gran peneda. Teñen 2 m de longo e entre 1 e 0,6 de ancho. Arredor das sepulturas hai un canto labrado, moi desgastado, para colocar unha tapa. Xa aparecen mencionadas no documento de fundación da capela de Santa Xertrude, de 1607, construída onde está a actual igrexa parroquial de Fornas.


     O castro de Centulle está na parroquia de San Xurxo de Asma, e atópase en mal estado de conservación. Nel construíuse o santuario da Nosa Señora de Fátima, e o territorio anexo está destinado a uso agrícola. Pénsase que tiña unha configuración do modelo espiral, con dous corpos posuíndo tramos de tres. No recinto atopáronse restos de vaixela e de muíños de man. Diversas hipóteses defenden que aquí estaba a fortaleza dos Circa, arrasada polos normandos e máis tarde pertencente á casa de Altamira.
  

     O castro San Amaro está na parroquia de San Xián de Mato, e está en mal estado de conservación. Nel foi construída unha capela, que lle deu o nome no pasado (actualmente dedicada a San Lucas).


     O castro de Abeleda está na aba da serra do Faro, preto xa do concello de Carballedo, xunto á lugar de Abeleda (A Grade). Nel atopouse un torque de ouro, conservado no Museo de Pontevedra. Nun lugar próximo apareceu un poboado romano, do que apareceron varias paredes e un cofre con moedas romanas.


     No castro de San Pedro de Líncora aprécianse restos de dous poboados anexos, pero con diferenzas estruturais. Un estaba pegado á antiga igrexa parroquial, trasladada a comezos do século XIX. O outro era máis pequeno.


Castro Candaz
      O castro Candaz atópase xeralmente anegado polo río Miño trala construción do encoro de Belesar. Non se atopa en bo estado de conservación por este factor e porque os terreos foron ocupados para o cultivo da vide.


     Está situado nun lugar estratéxico do paso do río, con pouca visibilidade e lonxe de núcleos de poboación, nun outeiro xunto á desembocadura do río da Lama e do río Enviande. No acceso ao recinto hai tres chairas que fan de defensa natural. O recinto estaba amurallado.


Castro de San Sebastián
     Está situado na parroquia de San Salvador de Asma, nun outeiro a 745 m de altitude. Na idade media foi construída no lugar unha ermida (que dá nome ao recinto), da que quedan algúns restos. Na actualidade o lugar está cuberto por vexetación baixa.


     Foi estudado por Manuel Formoso Lamas a comezos do século XX, quen defendía a posibilidade de que este castro fose a residencia dos xefes brigancios, acollendo tamén a un gran número de habitantes.


     O poboado estaba rodeado por unha muralla duns 4 m de grosor, de forma irregular pero similar a unha circunferencia. Na zona sur e oeste había un foxo de 6 m de profundidade e uns 8,5 de ancho, e un contrafoxo de 5 m de lonxitude. Na zona leste había outra muralla de 2,2 m de alto e 3,3 m de ancho. No castro atopáronse dous muíños de man, varios anacos de escoura de ferro e dúas láminas de cobre.



Parroquias de Chantada    
Adá (Santa Baia), Arcos (Santa María), Argozón (San Vicente), Belesar (San Bartolomeu), Bermún (Santa María), Brigos (San Salvador), Camporramiro (Santa María), Chantada (Santa Mariña), Esmeriz (Santa Mariña), Esmoriz (San Xillao), Fornas (San Cristovo), A Grade (San Vicente) | A Laxe (San Xoán), Líncora (San Pedro), Mariz (San Martiño), O Mato (San Xillao), Merlán (San Tomé), O Monte (San Miguel), Mouricios (San Cristovo), Muradelle (San Paio), Nogueira de Miño (Santa María), Pedrafita (Santa Baia), Pereira (San Mamede), Pesqueiras (Santa María), Requeixo (Santiago), Sabadelle (Santa María), San Fiz de Asma (San Fiz), San Pedro de Viana (San Pedro), San Salvador de Asma (San Salvador), San Xurxo de Asma (San Xurxo), Santa Cruz de Viana (Santa Cruz), Santa Uxía de Asma (Santa Uxía), Santiago de Arriba (Santiago), A Sariña (San Vicente), Veiga (San Xoán), Vilaúxe (San Salvador)

VIDEO
VIDEO 
MAPA 

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

miércoles, 18 de octubre de 2017

FESTA DO MUIÑO DE FAUSTO - COIRO - CANGAS

 FESTA DO MUIÑO DE FAUSTO
COIRO
CANGAS
O MORRAZO


 O muíño volve a xirar en Coiro
    Charlas, arte, gastronomía, música e baile tradicional... Son parte dos ingredientes das XXVIII Xornadas Culturais-Festa do Muíño de Coiro, que se celebran no entorno do recuperado muíño de Fausto. 



    Este ano foi entre o 5 e o 7 de maio e a organización, que corresponde a Asociación Cultural Cacarexo, acaba de desvelar quen será o encargado de ler o pregón deste ano: o músico popular Luís O Caruncho. Como é habitual a lectura foi na xornada do domingo, a partir das 13.00 horas no propio entorno do muíño, situado no lugar da Rosada.


     Vai xa para case tres décadas que a parroquia de Coiro leva festexando e poñendo en valor un dos elementos máis singulares da cultura e da tradición galega: o muíño. Este ano foi novamente fiel a súa cita coa celebración das XXVIII Xornadas Culturais-Festa do Muíño, que terán lugar entre o 5 e o 7 de maio. Unha nova ocasión para desfrutar dunha ampla oferta cultural, lúdica e gastronomica ao redor do muíño.


    A apertura das xornadas deste ano comenzou o venres 5 de maio cunha charla do profesor e investigador Arturo Sánchez Cidrás, profesor xubilado do colexio de A Pedra (Bueu). Foi no Centro Cultural de Coiro a partir das 20.30 horas e a súa conferencia estuvo centrada na posta en valor do patrimonio coas novas tecnoloxías.


    O sábado 6 de maio a programación chegou ateigada de actividades. A Asociación Cultural e Folclórica Tromentelo organiza no pavillón deportivo do colexio de Castrillón unha gran festa infantil, na que haberá xogos, atraccións... e que comezará a partir das 11.30 horas. Na mesma xornada do sábado inaugurouse a exposición do escultor Henrique Prado, que este ano leva por título "A carón do muíño" e que estará situada no entorno do recuperado muíño de Fausto.


     Este mesmo entorno encheuse de música durante a tarde e a noite. Primeiro foi ás 18.00 horas co Festival Infantil de Baile Tradicional, no que participarán os pequenos das agrupacións Pais de San Roque, Tromentelo, Peis D'Hos, Ximalveira e Lembranzas da Ría. Pola noite, a partir das 22.00 horas, foi a quenda do folc tradicional coa presenza dos grupos Demos do Buraco e Virandeira Folc.


     O día grande da festa foi o domingo 6 de maio. A mediodía entrou no lugar a Banda de Gaitas Tromentelo, dirixida por Sara Malvido, e ao redor das 13.00 horas foi o momento do pregón, unha honra que este ano correspóndelle ao músico popular Luís O Caruncho. Pola tarde, a partir das 17.30 horas volveu a música popular coas pandereteiras Lagharteiras e o co grupo musical Diese.


     Os asistentes á Festa do Muíño puderon desfrutar dos elementos tradicionais desta celebración, como o pan de millo, empanadas, ovos con migas, comida campestre e degustación de produtos tradicionais. Dende a organización apuntan que ademais este ano haberá no lugar postos de venda de produtos naturais elaborados na parroquia.


     A organización volveu a correr a cargo da Asociación Cultural Cacarexo, coa colaboración da Xunta de Montes de Coiro, Tromentelo, Concello de Cangas, Deputación de Pontevedra, colexio Castrillón de Coiro e a empresa Pescados Marcelino.

MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: Faro de Vigo
David García
XOAN ARCO DA VELLA