Mostrando entradas con la etiqueta SAN XOAN - RITUALES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SAN XOAN - RITUALES. Mostrar todas las entradas

domingo, 16 de junio de 2013

OS BAÑOS NAS FONTES E MAR

OS BAÑOS NAS FONTES E MAR
Noite de San Xoán


     O baño da media noite
     Na noite de San Xoán envivécese e colle maores virtudes que nunca a auga das fontes santas e milagreiras. 

     Polo tanto, esa auga vólvese como un remedio universal que compre aproveitar meténdose nela ou, sinxelamente, lavándose ás doce en punto da noite. 


     O peor é que tamén as bruxas fan usanza da auga destas fontes. 

     Miden e reparten a auga de cada veciño, mais si queren mal a algún bótanlle a auga polo lombo.

     Outras veces lévana pra prepararen os seus meigallos. 


     Tamén din que si, ó romper o día, tocan na auga, descobren os seus segredos e quedan limpas da bruxería.

     Non son somentes as bruxas das que din que andan soltas nesta noite milagreira sinón tamén os encantos, moitos dos cuales non se deixan ver máis que na amañecida de San Xoán .

     Por esta causa, o doente que vai tomar os baños nestas fontes tén que ter coidado de non se deixar levar do medo que lle poñan os aparecidos que pode atopar no camiño.


As nove ondas
     O caracter purificador - e tamén fecundador - das augas ponse de manifesto na tradición do baño das nove ondas, de Ermita da Lanzada forte tradición na praia de Lanzada, en Noalla - Sanxenxo. Ademais de ser un rito manciñeiro e curativo do meigallo, é tamén un rito de fecundidade que fai concebir ás mulleres estériles.

     Hanse bañar compretamente en coiro (segundo outros, en camisón) e as ondas que en realidade teñen valor, asegún dín, non son nove sinón sete. 


     Cóntanas de dúas a nove, contando as nove pra colleren a ola grande, mais, en realidade, son sete as que toman.

     Nun romance popular que data sen dúbida do século XVI, a sabia, que denencanta ás que eran víctimas do sortilexio das meigas, ordénalles a purificación con estas palabras. 

Ide tomar nove ondas
antes de que saia o día
e levarédes con vosco
as nove follas da oliva.


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 15 de junio de 2013

O LUME

 O LUME 
NOITE DE SAN XOÁN






 
     O lume ocupa un lugar moi importante na cultura galega. Foi o protagonista en moitas cerimonias que funden quizais as súas raíces na prehistoria. Ten un carácter sagrado.

     Antigamente o lume debía permanecer prendido todo o ano no lar, procedía do lume da igrexa parroquial prendido o sábado santo á noitiña. O lume presidía as veladas das noites de inverno, a onde podían acudir tamén as almas dos mortos a través da cheminea, momento que se apreciaba nos lixeiros movementos das chamas. Por iso non se podía varre-la cociña cara á fóra, nin cuspir no lume. Debía permanecer aceso a noite do velorio dun cadáver. Prendíanse velas ou lámpadas de aceite na mesa de noite de enfermos graves. 

     A candela traída da igrexa o día da Candeloria ( 2 de febreiro ) prendíase para espanta-las tormentas e para encomenda-la alma dun agonizante. Con tormentas fortes prendíase o lume e queimábanse follas de loureiro, que é árbore protectora.

     En moitas comarcas de Galicia, a noite do 29 de abril ó 1 de maio invocábase o lume recitando himnos para que protexese as sementeiras e dese froito abundante, ó tempo que se esparexían cinzas arredor das leiras e se portaban na man feixes de palla de centeo -fachicos- prendidos.

     Na petición de voda o noivo era recibido no lar da casa da noiva co lume prendido. O día da voda, antes de entrar na casa dos pais do marido, collía este á muller no colo na porta e levábaa ata o lar, onde estaba o lume prendido, para que os sogros lle desen a benvida e lle ofrecesen a casa á nora.

     Prendíase lume no curral en caso de morte ou de enfermidade dun animal. Na Candeloria prendíase ó lado dun romeiro tantas velas coma nenos morreran sen bautizar, o romeiro é planta funeraria, que atrae as abellas, que son almas procedentes da lúa. Tamén se acendía na horta no momento de enterrar un animal e en días sucesivos. O lume é bo para escorrenta-los animais que devoran as colleitas.
 
      
     A crenza no lume de san Telmo supón que é unha aparición milagrosa que anuncia bonanza. Os lumes fatuos son almas ouveantes dos mortos. A Santa Compaña tamén porta velas prendidas.

     Habitualmente, prohíbeselles ós nenos xogar con lume por ser perigoso, sen embargo, permitíaselles xogar co lume de certas festas cíclicas: magosto , enterro da sardiña (celebración para concluí-lo entroido e inicia- la coresma) ou San Xoán.

     Nas aldeas hai dous lumes moi importantes: no primeiro período nos días de defuntos-magosto e entroido; no segundo período, o lume de San Pedro Mártir (1 de maio) e o de San Xoán, sen dúbida o máis importante.


     O lume de sábado santo é o lume novo, orixe de tódolos lumes, xa que representa a Cristo resucitado, aínda que sobre aquel existan adherencias pagás alleas ó cristianismo.

     Os momentos fortes do primeiro período son propicios á circulación e comunicación entre os dous aspectos do mundo. Os tempos fortes do segundo período son privilexiados para a convivencia entre ámbolos mundos xa que atraen sobre os vivos a protección dos antepasados.


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA


miércoles, 12 de junio de 2013

HERBIÑAS DE SAN XOAN

HERBIÑAS DE SAN XOAN

 


     Contan que a noite de San Xoán é meiga.


      Un dos ritos mais feiticeiro é deixar, ao relente da noitiña, un feixe de herbas nun caldeiro de agua, para na mañá, lavarse. 

      Non calquera herba, non. 

      Ao tempo que arrecemos, espantámolos males.


Algunhas delas son: 




Roseira.

      (Rosa canina),tamén chamada silva macho, roseira brava ou roseira do demo. Ademais do arrecendo, ten propiedades tónicas e astrinxentes para a pel. 




Fento macho.

      (Dryopteris filix-max), fieito, dentebrun ou dentabrón. Cóntase deste fento que bota flores á media noite. Estas servirán para facer feitizos. No Libro de San Cipriao (o máis famoso libro de esconxuros) pódese ler que poñendo un lenzo baixo do fento, á mañá estará cheo de demos pequenos. En calquera caso,lembrade que este fento é velenoso, xa que actúa como paralizante muscular.


Fiúncho.
      (Foeniculum vulgare), fiollo . Protexe do mal de ollo. Un saquiño con sementes axuda a conservar a saúde. Para manter lonxe as carrachas hai que levar unha poliña no zapato esquerdo. Ten propiedades diuréticas e dixestivas. Úsase para lavar os ollos e axuda á secreción do leite.


Herba Luísa.
      (Lippia triphylla), ou verbena olorosa. Din que foi o costume de recoller esta planta ás doce da noite de Sanxoán (as mozas casadeiras) a que fixo que o nome de "verbena" se esténdese a todas as celebracións nocturnas. Utilizábase para facer moitos ritos e feitizos amorosos. Ten propiedades dixestivas. 


Herba de Sanxoán
      (Hypericum perforatum), pericon, abeluria ou espántademos. A crenza popular era que ao queimala na casa, espantaba os demos. Disque a herba de Sanxoán limpa a cara de grans. É cicatrizante, antiséptica, astrinxente, diurética e antidepresiva. 


Malva.
      (Malva silvestris), as propiedades desta planta pódense escoitar en moitos ditos populares: "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar", "Cun pozo e un malvar, boticario dun lugar". Serve para a tose, queimaduras e picaduras de abellas. 


Xesta.
      (Cytisus purgans), piorno, codeso ou retama. Ten un arrecendo semellante ao do mel. Atribúenselle propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Era planta sagrada para os druídas celtas. Coas súas pólas várrese a casa para purificala e protexela. 


Alecrin.
      (Rosmarinus officinalis), romeu ou rosmariño. É unha das plantas máxicas que se utiliza para purificar e protexer. Hai tempo queimábase cando había enfermos na casa. Cheirar a súa madeira conserva a xuventude. A súa esencia é tónica, estimulante, cicatrizante, boa para o reuma e fai medrar o cabelo. 


Sabugueiro .
      (Sambucus nigra), sabugueiro, bieiteiro ou sauco. Os froitos chámanse tamén uvas de bruxa. É bo para as inflamacións, é sudorífico e calma a tose. As propiedades intensifícanse cando San Xoán os bendí nesta noite. É moi usado para espantar os sapos e serpes. 

      Hai moitas mais. O divertido é atopalas.

      ¡Arrecendede moi ben!. Boa noite de San Xoán.


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

Lourizán - 2013
XOAN ARCO DA VELLA


martes, 11 de junio de 2013

AS HERBAS E OS CACHOS

AS HERBAS E O CACHO
Noite de San  Xoán


     As tradicións populares non asumidas polo cristianismo foron combatidas por Martiño Dumiense, obispo de Braga no s. VI, máis non puido impedir que herdáramos costumes como a de ir a por auga emanada de sete fontes para face-lo  cacho.

    O cacho consiste en recoller herbas e plantas de eficacia mediciñal e aromáticas, o seu agradable cheiro e repudiado polos espíritus maléficos. A tradición oral insiste en que o cacho sirve para quitarnos o demo do corpo, alonxa as bruxas e cura a envexa.


     Hai varias clases de herbas que se utilizan para isto, sendo as máis recoñecidas as seguintes: Tromentelo, folla de cana, choupo (ollo de prata), ruda, herba luisa, manzanilla, ortelán, mildrastes, fiunchos (anises), herba de san Xoán, espadaina, puenso, herba lemona, lirio, romeo, ourego, loureiro, allo, rosas, follas de nogueira con tres noces, fento rizado (peineta), herba do Carme, silveira, folla de figueira, folla de olmo, folla de laranxeira, malva-rosa, hortensia,folla de viña blanca e outras.

      Seleccionadas as herbas, amárranse nun feixe ou mollo e colócanse nunha tina, caldeiro ou palangana cheas de auga. Déixanse fora pola noite, segundo crencias cristianas, para que San Xoán os bendiga, pero iso non é óbice para colocar uns cardos ou silveiras enriba do cacho e así evitar que o demo cague nel. Tamén hai quen lle votaba toxos.

      Na parroquia de Lourizán tamén se puñan nas fiestras, portas, tellados e chimeneas para impedi-la entrada das bruxas. 

     Tradicións parecidas falan de colocar toxos nas portas, cruces de madeira ou pintadas de negro para rexeita-la Santa Compaña.

     Ó erguerse pola mañá, sácase un pouco de auga verde e de bo cheiro. Lávase a cara, pés ou todo corpo, purificando a pel, e a veces protexe das enfermidades pulmonares.

    A herba sécase durante varios dias ó sol para ser utilizada logo en múltiples remedios caseiros. 


     Deses remedios seleccionamos a seguinte mostra ilustrativa: 

     A ruda, herba luisa e manzanilla, contra os dores de barriga. 

     A hortelán e mildrastes contra os picores das estrugas. As follas de nogueira con tres noces, cura as chagas do corpo.

     O romeo cocido con viño curaba as dores de gorxa, barriga e tamén as dores do gando, e sin o viño era boa para o reuma, nervos e resfriados. 

     Loureiro e allo tríllanse para limpa-las aireadas e contra o reuma.

      Contra as aireadas tamén se usaba o fume das hebas do cacho. 


     A herba de San Xoán  limpa a cara de grans. 

     O tromentelo era bo antídoto para evitar a caída do pelo.

     Respecto a esta última, recolleuse na parroquia de Lourizán a seguinte estrofa:




"Dime rapaza bonita
¿Con que te lavas o pelo?
Cunhas herbas do monte
Qué fío chaman tromentelo!. 



SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Lourizán - 2013


XOAN ARCO DA VELLA