sábado, 30 de abril de 2022

GRAZAS AA,VV DE LAXEDO - A LAMA - CULT- LAXEDO 2022

 GRAZAS A AA.VV. DE LAXEDO

CULT - LAXEDO 2022

A LAMA

       O meu agradecemento  a Asociación Veciñal de Laxedo - A Lama,  por convidarme participar nas xornadas de CULT - LAXEDO -22
     Foi un privilexio compartir faladoirodo con Manuel A. Bugallo e Xosé Henrique Silva e con Iñaki o presidente da Asociación.

     So dicir que me sentin moi a gusto e felicitar as xentes que organizaron o acto, estivo increiblemente ben feito
      Poden contar connosco para o que poidamos axudar, e xa con ganas de asistir a outra actividade para non esquencer o noso patrimonio " material e inmaterial".

VIDEO

MAPA

 

Fotos: Rosana Comesaña

XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 25 de abril de 2022

PONTE ROMANA DE BERMAÑA - RÍO BERMAÑA - CALDAS DE REIS

 PONTE ROMANA DE BERMAÑA

RÍO BERMAÑA

CALDAS DE REIS

      A ponte Bermaña data do século I, é unha ponte de sillería granítica que tivo a súa orixe na época romana. Está formada por tres arcos de medio punto e traxamares de forma triangular.

     Anteriormente formou parte dun antigo camiño militar romano, que pasaba por Aquis Celenis.

    Por esta ponte pasa o Camiño Portugués a Santiago e constitúe un dos lugares máis fermosos da vila

Caldas de Reis
       Caldas de Reis é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE no ano 2015 tiña 9.834 habitantes. O seu xentilicio é caldense.

Localización
     Limita cos concellos de Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga, Cuntis, Moraña, Portas e Vilanova de Arousa.

      Está situado na depresión que cruza Galiza de norte a sur desde Santiago de Compostela até Tui, a 21 km de Pontevedra. Trátase dun concello densamente poboado que constitúe un dos centros comarcais de máis tradición e cuxa influencia se estende até Pontecesures, Cuntis e Campo Lameiro.

      É cabeceira de Partido Xudicial desde 1988 (antes pertencía a Pontevedra). Pertence ao arciprestado de Moraña e á diocese de Santiago.

Historia
     Os primeiros poboadores coñecidos foron os cilenos. Os romanos establecéronse atraídos polas fontes termais (de onde procede o nome da vila: Aquae Celenae. A vila aparece no itinerario de Antonino, dentro da vía XIX, que unía Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga).

     Caldas foi sede episcopal até 569, ano en que esta pasou a Iria. Durante este tempo viuse axitada polo priscilianismo e foi sede dun concilio de bispos galegos.

      Caldas denomínase "de Reis" porque acolleu a Afonso VII (fillo de dona Urraca e de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza). O castelo que a raíña tiña foi derrubado para, coas súas pedras, construír a igrexa de San Tomé. Esta igrexa disque se dedicou a San Tomé de Canterbury, que pasou pola vila facendo o Camiño de Santiago, que transcorre por ela desde Portugal.

        Caldas de Reis foi declarada vila de reguengo por Filipe II.

Patrimonio histórico-artístico
      O principal achado arqueolóxico no concello de Caldas está representado polo tesouro de Caldas, valiosísimo conxunto de pezas datadas entre o 1500 e 1600 a.C. e descubertas casualmente en 1940. Suponse que o tesouro estaba formado por un total de 25 kg de ouro, dos que só se conservan 14,9 kg, no Museo de Pontevedra, formado por un peite, tres vasos, 31 lingotes (28 curvos e 3 barras) e 6 anacos dunha lámina de tiras, todo o cal constitúe a maior acumulación de ouro de toda a Prehistoria europea. No Auditorio de Caldas de Reis consérvase unha reprodución. Museo de Pontevedra.

     Hai varios castros (Santa María, Bemil, Follente, Outeiro e Castelo), pazos (O Monte, Casalnovo) e casas grandes (Santa María de Caldas, Santa María de Bemil, Santo Andrés de Cesar, Santo Estevo de Saiar).

     A ponte de Bermaña, no centro da capital municipal, é de orixe romana (62 a. C. - 409 d. C.) e reformada en época de medieval (século XVI). Está formada por tres arcos de medio punto, con dobre pendente, e posúe catro apartadoiros, nun dos cales levantouse posteriormente un cruceiro. Outras pontes medievais son as de Castaños e de Segade.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

MUIÑO DA GALLARDA - REGO DO POBO - TOMEZA

MUIÑO DA GALLARDA

REGO DO POBO

TOMEZA

Tomeza
     San Pedro de Tomeza é unha parroquia situada no suroeste do concello de Pontevedra.

     Segundo o padrón municipal de 2017 tiña 1000 habitantes (472 homes e 528 mulleres), 104 menos ca en 1999. Ten once entidades de poboación.

Xeografía
     Limita coas parroquias de Salcedo, Marcón, Mourente e A Canicouva, á que pertenceu cando era concello de seu.

     A parroquia está atravesada pola ruta portuguesa do camiño de Santiago, que transcorre paralela ao río dos Gafos.

Historia
     No seu momento pertenceu ao concello de Mourente.

Festas e Romarías
     A ermida de San Cibrán está situada no monte do mesmo nome. O luns de Pascua celébrase unha romaría na honra do santo. Segundo a tradición, para afastar o meigallo cómpre dar sete voltas á capela tirando sete pedras no seu tellado. No templo hai unha imaxe da Virxe da Peregrina.

     As festas parroquiais de San Pedro celébranse o 28 e 29 de xuño no lugar de Lusquiños.

     A parroquia é terra de canteiros. O mestre Daniel, célebre canteiro de Tomeza, autor entre outras pezas das escaleiras da Casa do Concello de Pontevedra.

      O primeiro domingo de agosto celébrase a Festa do Canteiro, homenaxeando cada ano o labor dun escultor da pedra. Entre outros, un dos homenaxeados foi Sebastián Casalderrey, autor da imaxe da Virxe da Peregrina do Albergue dos Peregrinos e das figuras representadas na fonte da praza de Compostela, en Pontevedra.

Lugares de Tomeza
     O Alcouce, A Carballa, O Casal do Río, Lusquiños, O Marco, O Pobo, O Pombal, Pumariño, San Pedro, A Valadiña  

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 24 de abril de 2022

PONTE-PASARELA DO ULLÓ - RÍO ULLÓ - PONTE SAMPAIO

 PONTE-PASARELA DO ULLÓ

RÍO ULLÓ

PONTE SAMPAIO


Ponte Sampaio
     Santa María de Ponte Sampaio é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra.

     Segundo IGE en 2019 tiña 1031 habitantes (556 mulleres e 475 homes), 80 menos ca en 2008 e 213 menos ca en 1999. Ten catro entidades de poboación segundo o Nomenclátor de Galicia.

     Toma o seu nome da ponte sobre o río Verdugo que a une coa parroquia de Arcade (Soutomaior). Por ela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago, e nela foi librada a Batalla de Ponte Sampaio, decisiva na guerra da Independencia española contra os franceses o 7 e 8 de xuño de 1809.

     Desde 1833 até abril de 1960 foi concello de seu xunto coa parroquia da Canicouva.

Xeografía e comunicacións
      A parroquia sitúase no extremo sur do termo municipal de Pontevedra, na beira norte do río Verdugo, que a separa do veciño concello de Soutomaior, e que verte as súas augas á ría de Vigo neste punto. Percorren esta parroquia, ademais do citado Verdugo, o río Ulló (que desemboca na ría nesta parroquia), así como regos de menor entidade como son o río da Ponte Nova, o rego de Cacheiro (ambos vertentes no Ulló), ou o rego dos Muíños, entre varios outros. Como xa se mencionou, a parroquia ten uns centos de metros de costa na súa zona suroeste, bañada polas augas da ría de Vigo. 

      Nesta parroquia están a illa da Insuíña e o illote do Castelo, na desembocadura do río Verdugo.

     Linda ao oeste coas parroquias de Vilaboa (Vilaboa), A Canicouva (Pontevedra), polo norte coa parroquia de Xustáns (Ponte Caldelas), e polo leste con Taboadelo (Ponte Caldelas) e Soutomaior (Soutomaior). Polo sur, limita coa parroquia de Arcade (Soutomaior).

    Dista uns 11 quilómetros da capital do concello. Outros núcleos próximos son Arcade, a menos dun quilómetro, ou O Toural (Vilaboa), a 4 km.

     A parroquia é atravesada polo Camiño Portugués.

Demografía

     A parroquia conta con 9 núcleos de poboación rexistrados polo Instituto Galego de Estatística, a maioría dos cales se concentran nun continuo rururbán na parte sur da parroquia, onde outrora se situaba a sede do antigo concello de Ponte Sampaio, e onde aínda hoxe se sitúan o groso dos servizos da parroquia.

     Os lugares de Acevedo, O Rañadoiro e O Vilar completan o nomenclátor da parroquia. En 2019, Ponte Sampaio contaba con 1.031 habitantes, cifra que amosa un descenso respecto a rexistros de anos anteriores. Arredor dun 60% vive na área máis urbanizada da parroquia, mentres que o restante 40% reside nos outros tres lugares xa citados.

Patrimonio
     A ponte, de orixe romana, se ben a actual construción é medieval. Consta de dez arcos semicirculares. 

      A igrexa parroquial de Santa María é románica, e data do século XIII. No lugar de Canos da Laxe hai outra ponte medieval sobre o río Ulló e dez muíños de auga en mal estado de conservación, que se viron afectados pola crecida das augas no inverno de 2007.

     Consérvanse petróglifos no monte de Chan da Cruz, restos dun poboado castrexo e tramos dunha calzada romana. Amais, na parroquia atopouse un machado da Idade de Bronce.

    No Rañadoiro está o acueduto do Paredón, destinado a regadío. O cruceiro da Bica, no mesmo lugar, é de pedra policromada e na Semana Santa é decorado cun dosel vermello. A antiga escola unitaria para a rapazada de Rañadoiro, Vilar e Acevedo acolle actualmente un centro cultural. No lugar celébranse festas adicadas á Nosa Señora do Rosario.


    En Acevedo hai un cruceiro (A Cruz) construído sobre un antigo petróglifo. No lugar está tamén a capela de San Xosé da Landreira, as ruínas dun pazo, vivendas de comezos do século XVII, unha fonte, e cinco muíños no río dos Muíños, destacando o Muíño de Riba, cunha característica cuba cilíndrica á que chega a auga a través dun acueduto. Segundo a tradición, a Pedra dos Ladróns servía de acubillo a perseguidos en varias guerras.

    Nesta parroquia, a carón da N-550, está un dos cinco touros de Osborne existentes en Galicia: valados publicitarios colocados á beira das estradas por toda España na segunda metade do século XX e declarados patrimonio cultural e artístico. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

 

RUINAS DO PSIQUIATRICO DE MOZELOS - PAREDES DE COURA

 RUINAS DO PSIQUIATRICO DE MOZELOS

MOZELOS

PAREDES DE COURA


 Ruinas do hospital psiquiátrico de Mozelos
     Situado en Mozelos, parroquia de Paredes de Coura, podemos atopar un sanatorio abandonado, que é o Sanatorio de Paredes de Coura.

      A principios do século XX, Portugal viuse afectado por unha pandemia de tuberculose e en varios puntos do país creáronse varios sanatorios, e en 1919, en Paredes de Coura, iniciáronse as obras de construción dun novo sanatorio, que se encargou de construír, por iniciativa de Carlos Augusto Coelho de Vasconcelos Porto coa axuda do seu irmán Nuno Vasconcelos Porto e antigos ferroviarios portugueses.

      Pero as obras non continuaron por falta de recursos económicos, só no ano 1934, 15 anos despois do comezo das obras, se inaugurou o sanatorio, sendo o maior sanatorio do norte.


     A principios de 1935, o sanatorio albergaba 20 pacientes, a metade da capacidade total, que era de 40 pacientes.

      Uns anos máis tarde realizáronse obras para aumentar o número de pacientes.

     En 1954, todos os sanatorios de Portugal pasaron ao Ministerio de Facenda, co obxectivo de trasladalos ao Instituto de Asistencia Nacional de Tuberculosis.

     En 1955, o sanatorio alcanzou os 70 pacientes e en 1962 acadou o máximo de persoas aloxadas, que foi de 200 pacientes.

     A partir de 1974, os servizos para enfermos de tuberculose pasaron ao Servizo Nacional de Saúde.

     A partir dos anos 80 e cos avances da medicina, os sanatorios de todo o país foron pechando e en 1990 este sanatorio tivo a mesma sorte que os demais.

     Despois de pechar o sanatorio converteuse nun hospital psiquiátrico que chegou a 60 pacientes permanentes.

      No ano 2002 o hospital pechou as súas portas, deixando no edificio mobiliario, camas e padiolas, a partir desa data o Sanatorio de Paredes de Coura quedou abandonado.

      En 2008, o Centro Hospitalar do Alto Minho revelou a súa intención de vender o inmoble, pero só en 2014 revelou que o edificio pertencía realmente ao Ministerio de Facenda.

     En 2012, a GNR detivo tres homes que roubaban material do lugar.

      Dende 2014, o concello de Paredes de Coura comezou a preparar as negociacións para comprar o edificio, pero a día de hoxe non se fixo nada.


Paredes de Coura
      Paredes de Coura é unha vila portuguesa no Distrito de Viana do Castelo, rexión Norte e subrexión do Minho-Lima, con cerca de 1 500 habitantes.

     É sede dun municipio con 138,02 km² de área e 9 571 habitantes (2001), subdividido en 21 freguesías.

     O municipio está limitado o norte polos municipios de Valença e Monção, o leste por Arcos de Valdevez, o sur por Ponte de Lima e o oeste por Vila Nova de Cerveira.

As freguesías de Paredes de Coura son as seguintes:
    Agualonga
    Bico
    Castanheira
    Cossourado
    Coura
    Cristelo
    Cunha
    Ferreira
    Formariz
    Infesta
    Insalde
    Linhares
    Mozelos
    Padornelo
    Parada
    Paredes de Coura
    Porreiras
    Resende
    Romarigães
    Rubiães
    Vascões

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Canal M87

XOAN ARCO DA VELLA