HERBIÑAS DE SAN XOAN
Contan que a noite de San Xoán é meiga.
Un dos ritos mais feiticeiro é deixar, ao relente da noitiña, un feixe de herbas nun caldeiro de agua, para na mañá, lavarse.
Non calquera herba, non.
Ao tempo que arrecemos, espantámolos males.
Algunhas delas son:
Roseira.
(Rosa
canina),tamén chamada silva macho, roseira brava ou roseira do demo.
Ademais do arrecendo, ten propiedades tónicas e astrinxentes para a pel.
Fento macho.
(Dryopteris
filix-max), fieito, dentebrun ou dentabrón. Cóntase deste fento que
bota flores á media noite. Estas servirán para facer feitizos. No Libro
de San Cipriao (o máis famoso libro de esconxuros) pódese ler que
poñendo un lenzo baixo do fento, á mañá estará cheo de demos pequenos.
En calquera caso,lembrade que este fento é velenoso, xa que actúa como
paralizante muscular.
Fiúncho.
(Foeniculum
vulgare), fiollo . Protexe do mal de ollo. Un saquiño con sementes
axuda a conservar a saúde. Para manter lonxe as carrachas hai que levar
unha poliña no zapato esquerdo. Ten propiedades diuréticas e dixestivas.
Úsase para lavar os ollos e axuda á secreción do leite.
Herba Luísa.
(Lippia
triphylla), ou verbena olorosa. Din que foi o costume de recoller esta
planta ás doce da noite de Sanxoán (as mozas casadeiras) a que fixo que o
nome de "verbena" se esténdese a todas as celebracións nocturnas.
Utilizábase para facer moitos ritos e feitizos amorosos. Ten propiedades
dixestivas.
Herba de Sanxoán
(Hypericum
perforatum), pericon, abeluria ou espántademos. A crenza popular era
que ao queimala na casa, espantaba os demos. Disque a herba de Sanxoán
limpa a cara de grans. É cicatrizante, antiséptica, astrinxente,
diurética e antidepresiva.
Malva.
(Malva
silvestris), as propiedades desta planta pódense escoitar en moitos
ditos populares: "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar",
"Cun pozo e un malvar, boticario dun lugar". Serve para a tose,
queimaduras e picaduras de abellas.
Xesta.
(Cytisus
purgans), piorno, codeso ou retama. Ten un arrecendo semellante ao do
mel. Atribúenselle propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o
corazón. Era planta sagrada para os druídas celtas. Coas súas pólas
várrese a casa para purificala e protexela.
Alecrin.
(Rosmarinus
officinalis), romeu ou rosmariño. É unha das plantas máxicas que se
utiliza para purificar e protexer. Hai tempo queimábase cando había
enfermos na casa. Cheirar a súa madeira conserva a xuventude. A súa
esencia é tónica, estimulante, cicatrizante, boa para o reuma e fai
medrar o cabelo.
Sabugueiro .
(Sambucus
nigra), sabugueiro, bieiteiro ou sauco. Os froitos chámanse tamén uvas
de bruxa. É bo para as inflamacións, é sudorífico e calma a tose. As
propiedades intensifícanse cando San Xoán os bendí nesta noite. É moi
usado para espantar os sapos e serpes.
Hai moitas mais. O divertido é atopalas.
¡Arrecendede moi ben!. Boa noite de San Xoán.
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Lourizán - 2013
XOAN ARCO DA VELLA
Vaia fotos! Canto teño disfrutado cos videos de Arco da Vella...
ResponderEliminarGRACIÑAS
Eliminar