domingo, 14 de octubre de 2012

O LIÑO

O LIÑO



 
     Os oficios téxtiles artesanais en Galicia tiveron unha enorme importancia socioeconómica no pasado, e toda a xeografía da Comunidade Autónoma está pragada de referencias ó liño (os topónimos: Liñares, Liñeiro, Liñariño, etc. existen en numerosos lugares das catro provincias).

     Actualmente sobreviven algúns obradoiros onde se producen tecidos tradicionais con fío de liño e la, mantas, colchas, farrapeiras (mantas ou alfombras feitas de trapos), teas, toallas, chales, alfombras (entre elas as de pluma, practicamente desaparecidas), etc.

     Nalgúns lugares (Baio-A Coruña, Manzaneda-Ourense, Lourenzá-Lugo, etc.) xurdiron iniciativas recentes para intentar recupera-lo cultivo do liño e a súa transformación, mobilizándose pobos enteiros nesta iniciativa.





A SÚA HISTORIA
     A industria do liño en Galicia ven dende moito tempo, aínda que os datos documentados e atopados do seu cultivo son da Idade Media. En Galicia non existiu unha industria de la de relevancia, sen embargo, a artesanía do liño tivo un desenvolvemento moi notable, sobre todo nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior.

     A época de maior apoxeo desta industria artesanal comprende dende mediados do século XVIII ata os primeiros anos do seguinte século, período no que, ademais do liño que se sementaba no país, tecíase liño de fóra, que era procedente dos países do Mar Báltico e entraba a través dos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, exportábase cara a terras de Castela ou América. 



     
     Coa chegada do liño foráneo prodúcese un descenso nas colleitas de liño autóctono, que co paso do tempo foi perdendo calidade pola falta da renovación da semente. Sen embargo, como di este refrán: "O liño de Holanda, pesa e non anda" ( é dicir , non rendía moito ó tecelo ). O liño de Galicia estaba mellor valorado.

     A partir do segundo tercio do século XIX este tipo de artesanía comeza a entrar en crise coma consecuencia do elevado aumento dos impostos arancelarios sobre o liño importado e a competencia dunha puxante industria téxtil inglesa e catalana. A pesar de que esta actividade continua en Galicia ata mediados do século XX, a súa función ficou reducida ó autoconsumo familiar en épocas de escaseza económica como aconteceu despois da I Guerra Mundial ou nos anos da posguerra. 



    
     Nestes últimos anos algunhas asociacións estanse a interesar en recupera-la artesanía do liño, que noutros tempos estaba moi estendida na maior parte do territorio galego. Na bisbarra da Costa da Morte, sobre todo en Bergantiños e Soneira, ten un grande desenvolvemento.

     A Asociación Amigos do Liño, do Concello de Zas, leva varios anos realizando unha importante labor neste campo, levando a cabo varias actividades para dar a coñecer o que foi esta importante artesanía: a través da participación en exposicións, a apertura do Museo do Liño, así coma a celebración cada ano, durante o inverno, dunha comida tradicional, do mesmo xeito que se facía nas antigas fiadas, a base de migas, bacallao e patacas de arroz. 




O LIÑO 
     Denomínase así a varias especies de plantas do xénero "linum";, das que a máis coñecida é o liño cultivado, planta anual que pode chegar ata un metro de altura, coa flor de cor azul vivo. Esta planta ten a propiedade de ser utilizada na industria téxtil, ademais a de extraer do seu froito aceite de liñaza e ter propiedades curativas.

     As labores do liño comezan coa sementeira a finais de abril, pois xa o di o refrán: "O 25 de abril, nin non nado, nin non saco". 





Artesanía do liño
     A preparación da terra consiste en arala e gradala. Seméntase a liñaza ó voleo, despois de preparada a terra, grádase sete veces coas vacas, pasáselle un anciño por encima para que a terra fique ben aplanada. Mentres medra, non se fan máis traballos que quita-las malas herbas polo mes de xullo.

     Cando se pon amarelo, xa está preparado para ser arrincado. O liño arríncase coas mans, apañándoo en mañizos. No mesmo lugar, extraéselle a semente, para o cal, é utilizado un banco chamado "ripo";. Despois disto, átase en mollas con rellos de xesta e lévase ó río. Dúas ou tres persoas métense na auga e colocan o liño no fondo do río, operación que se denomina enlagar o liño, poñéndolle por riba unhas pedras para que non flote e non o arrastre a corrente. 
      Ós oito días de submersión bótase a secar, e para iso, é estendido no chan. Unha vez seco, transpórtase para casa e nun día de bo tempo, tríllase coas vacas, que pasan por riba do liño. Xa trillado fanse as estrigas

      O liño táscase co tascón (tamén chamado espadela ou mazote) que é un banco que ten no centro unha táboa vertical afiada por un dos seus lados. Esta tarefa consiste en sacarlle as arestas ou casca e deixarlle a fibra. 



     
     Durante as noites de inverno é anciñado, é dicir, pásanse as estrigas por unha especie de peite con dentes de ferro denominado rastro

      Para fiar utilízanse dous instrumentos: a roca e o fuso.

       Apáñase un mañizo de fibra de liño, desenvólvese e colócase o redor da cabeza da roca; entón, átase para que non se desfaga. Métese a vara da pena pola fita do mandil, na parte esquerda. Con esta mesma man apáñanse as fibras e coa man dereita retórcense ata quitar un fío longo. Entón suxéitase ó fuso e o fío envólvese nel. Cando o fuso está cheo de fío quítase pola parte estreita, sen o desfacer , e fórmase o que se chama "mazaroca";. 



     
     Para fiar xuntábanse nas noites de inverno varias mulleres nunha casa, dando lugar a unha fiada, onde acudían outras persoas a cantar ou a contar contos. Os fiadeiros, despois da xornada de traballo, convertíanse nun lugar de diversión para a xente nova; neles facíase baile de pandeireta e cantos.

     Esta canción popular fai alusión ó murmurio que se facía nos fiadeiros.

Quen queira saber as cousas,
vaia á forxa do ferreiro,
dea a volta polo forno
e veña polo fiadeiro.
 


     Despois que o liño está fiado hai que desatalo co sarillo. Con varias mazarocas ensarilladas fórmase unha madeixa ou tamén chamada "mea" e que é atada cun cordel para que non se desfaga. 





     Para que o liño teña cor branca, póñense a coce-las meas nun pote durante todo un día. Antes de mete-las meas no pote hai que preparar unha bañeira con auga, cinza de piñeiro ou toxo, ben peneirada e xabón. Entón, enchóupase unha a unha e cada mea e posta dentro do pote. Despois de cocidas, lávanse no río, peitándoas ben para que lles saia a cinza e póñense no campo á luz do sol para que se branqueen.

     Cando o liño está branco fanse os nobelos na debandoira. Os nobelos, xa fiados, son levados á tecedeira para que teza o lenzo, que despois será utilizado para facer roupa de cama ou de vestir.


XOAN ARCO DA VELLA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901