MUIÑO NA FREIXEIRA
CACHAFEIRO
FORCAREI
FORCAREI
TERRA DE MONTES
Entre os ríos Lérez, Umia, Avia, Verdugo e Grobas podemos estimar, sen temor a esaxeracións, que existen máis de cincocentos muíños na Terra de Montes, aínda que unha parte deles estea en condicións ruinosas e case irrecuperables. A densidade destes outrora socorridos enxeños é tal que nalgúns tramos de río podemos tropezar con tres exemplares practicamente pegados, como sucede entre os lugares de Castrelo e Gaxín, na parroquia de Forcarei, ou atopar dezaoito entre Salgueiro e Sorribas, no regato de Chamosa, nunha extensión de apenas dous quilómetros.
O Concello de Forcarei tamén ten afrontado algún proxecto de recuperación de muíños, pero a complexidade deste tipo de accións radica en que han ser cedidos ó uso público durante 25 anos polos propietarios para a súa restauración e posta en valor, xa que a estes efectos sóese traballar directa ou indirectamente vencellados a subvencións de organismos que esixen tal cesión, como pode sé-lo caso das escolas-obradoiro ou dos obradoiros de emprego. Podemos citar coma exemplo o muíño do Foxo Vello que se empraza a carón do acampamento de Ponte Maril, en Forcarei, rehabilitado pola Escola-obradoiro Terra de Montes, coa axuda dun Campo de Voluntariado Internacional.
A fórmula de propiedade predominante en Montes era a do muíño de herdeiros, co 60 % aproximado. A porcentaxe de particulares rondaba o 35, e apenas un 5 % estaba constituído por muíños maquieiros.
Os materiais de construcción eran os mesmos utilizados para outras edificacións, o granito, a lousa ou a tella e, loxicamente, a madeira e o ferro no tremiñado e no inferno. E polo que respecta á tipoloxía básica, o modelo máis extendido era o de roda motriz horizontal, é dicir, de rodicio, nas dúas variedades máis comúns: de canle, cuberta e descuberta, e de cubo, vertical e de balsa.
Ramiro Barros Justo, no seu recomendable e exhaustivo “Muíños de río na provincia de Pontevedra” describe e analiza tamén dous exemplos de muíño de dorna en Montes: o muíño de Riba, en Cerdedo, e o muíño do Batán da Ponte (Forcarei), do que incluso aporta unha reproducción conxectural a partir dun coidado estudio e recollida de datos. Móstrao coma exemplo de muíño de dorna con vivenda no andar.
A lenta degradación e o desuso actual dos muíños contrasta co feito de que, ata a década dos setenta, aínda estiveran en activo 118 dos 287 que agonizan hoxe no concello de Forcarei, na espera de seren recuperados ou definitivamente desafiuzados e devorados pola espesura.
Na senda das Pontes do Lérez, e ó longo dos 24 quilómetros do seu percorrido, pode o visitante contemplar o prolífico número de muíños, así coma os diferentes estados nos que se atopan dependendo dos coidados ou do desleixamento ó que foron sometidos polos propietarios a raíz da inutilización deste tipo de enerxía.
VIDEO
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901