domingo, 14 de octubre de 2012

OS CANTEIROS


OS CANTEIROS



     Unha das profesións máis estendidas por Galicia é a dos canteiros, "labradores da pedra da arte popular" e das máis espléndidas e fermosas obras da arquitectura galega. Que o canteiro exista en  todo o ámbito galego débese á abundancia de granito, fundamento da paisaxe galaica. Eles ennobreceron este oficio coa exuberante contribución artística que a súa habilidade deixou na arquitectura á que impregnaron de grandiosa magnificencia.

     Os canteiros, un colectivo de ancestral prestixio social, profesional e económico tal e como demostran os privilexios reais de exención fiscal e protección da facenda outorgados durante os séculos XII ó XIV ós mestres e oficiais da catedral compostelá, a pensión vitalicia concedida por Fernando II ó Mestre Mateo ou as abondosas doazóns e fundacións dedicadas a estes artesáns nos séculos XIV e XV , dexenerou a mediados do XX nunha situación de escasa autovaloración laboral (algúns canteiros avergonzábanse de selo) e de peor retribución salarial (nos anos 60 e 70 cobraban menos ca un albanel, o que facía inviable a dedicación exclusiva).


     A súa propia linguaxe: "Verba dos arxinas"
     A estructura gremial desta profesión foi moi pechada no medievo, onde xorden fenómenos caracterizados polo hermetismo, como a masonería ou a súa propia linguaxe chamada dos "arxinas" .A orixe da lingua ou "verba dos arxinas", tamén chamado "latín dos canteiros" pola imposibilidade de entende-los seus diálogos cando empregaban esta xerga, foi explicada de distintas maneiras e por outros tantos estudiosos.

     Mentres que algunhas teorías consideran que xurdiu do legado dos canteiros de Cuntis e da Mahía, outras, coma a de Filgueira Valverde, explícano coma o resultado, no século XVI, da chegada a Galicia de multitude de mestres e oficiais foráneos, sobre todo cántabros e biscaíños, e esa mestura laboral cos galegos provocou a xerga.


     A súa funcionalidade é a comunicación exclusiva dos suxeitos do gremio de canteiros en calquera tema laboral e vital, e en realidade, trátase máis ben dun numeroso (os estudios chegaron a recompilar ata "5.000 termos de vocabulario") compendio de substantivos e varios verbos que permiten a súa articulación. Os canteiros de hoxe en día case non usan esta linguaxe e só os máis vellos a lembran. 

     O médico e folclorista pontevedrés, Víctor Luís Quibén, realizou a recompilación cuantitativamente máis numerosa de termos desta linguaxe, ademais de varios textos coma oracións e un importante cancioneiro no que destacan os "cantos de erguer", utilizados durante as tarefas profesionais para axudar a ergue-las moles graníticas.


     Co seu traballo os artesáns canteiros, están expresando o espírito do noso pobo que necesitaba e necesita dos deseños que el crea a través dun diálogo reflexivo coa forma, a función e a pedra que está transformando.


A Cantería Actual
     Os descendentes destes traballadores herdaron por imitación a labra da pedra ou senón asumían pola súa conta unha formación autodidacta. A cantería actual conta con profesionais formados en técnicas de volume procedentes das Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, algúns por transmisión familiar e unha boa parte dos máis xoves pola Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra) que contribuíu a evita-la extinción do máis tradicional dos oficios galegos


     A mediados dos 90 apréciase cada vez máis unha preferencia polas edificacións en pedra. Nas últimas tendencias arquitectónicas, en Galicia prevalece o estilo tradicional, incitado por sectores como o turismo, que se ruraliza e demanda a reconstrucción de antigos pazos e casas de aldea nos seus materiais orixinais (pizarra, granito, madeira). O gusto polo tradicional incide tamén nos encargos públicos e privados que reciben os canteiros. A parte do necesario labor de restauración que se está levando a cabo con gran parte do patrimonio monumental, os artesáns continúan na liña máis popular da cantería galega: cruceiros, hórreos, lareiras ou diversas tallas de inspiración relixiosa que recordan o forte vencello entre o gremio e as obras de devoción católica. 


      A materia prima por excelencia segue sendo o granito nas súas distintas variedades: silvestre -que é o máis axeitado para tallas escultóricas pequenas pola irregularidade das súas dimensións-, rosa Porriño -a soada e representativa pedra pontevedresa que se emprega fundamentalmente en construcción-, ou o negro Campo Lameiro, que polas súas calidades cromáticas de seriedade e elegancia é moi solicitado para monumentos e pezas funerarias.




     Aínda que o cruceiro tiña en épocas pasadas un simbolismo marcadamente benefactor que indicaba o camiño ou sinalaba un punto de importancia popular baixo o ícono máis representativo da fe (a cruz), calquera canteiro que desempeñe o seu oficio na actualidade sabe que este elemento constitúe un dos encargos máis reiterados, para colocar como decoración en xardíns e casas particulares, o cruceiro soe acompañar o hórreo, outro dos protagonistas da vida agraria galega. Neste, coa beizón de Deus e os homes convertida en fetiches de fertilidade- a cruz e o falo a ambos os dous lados da construcción-, o millo gardábase a salvo da chuvia e os ratos. Hoxe, perdida a súa funcionalidade, o hórreo de cantería é unha valiosa peza artística, as veces tan impresionante como o de Carnota (A Coruña). As lareiras lembran no seu nome ós deuses primitivos do fogar (lares) e a súa presencia non pode faltar nunha casa galega, a pesar de que agora normalmente se substitúa por unha cheminea ou que, nos tempos do microondas, para cociñar se prescinda do pote. Outras pezas como os "petos de ánimas" ou os reloxos de sol, representan un aspecto da cantería galega que pertence a épocas pasadas e que na actualidade non goza das preferencias dos clientes.

     A estructura da organización profesional dos actuais canteiros en Galicia está caracterizada pola existencia de obradoiros individuais e no mapa da Comunidade Autónoma, a provincia con máis número de artesáns da pedra é, de sempre, Pontevedra, seguida de Lugo. A Coruña e Ourense dispoñen dunha nómina menor.



SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901