sábado, 6 de octubre de 2012

¡ ACUDIDE DEFUNTOS ! - CONTO


¡ ACUDIDE DEFUNTOS !
CONTO
    
      Era un matrimonio que debía moitos cartos e non sabía como había facer para pagalos. Despois de pensalo moitos días acordaron de que o home fixese o morto, e que así seguramente lle perdonarían todas as débedas ao quedar ela soa, viúva e pobre. O caso foi que o home meteuse na cama un par de días e despoixas pintou o morto.

    Amortallárono e levárono para a igrexa no escano dos defuntos.

     A muller, entre choros e queixas, íalle dicindo aos que lles debía cartos segundo ían entrando a consolala:

     -¡Ai!  ¿Cando che pagarei o que che debo? ¡Tan desamparadiña como eu quedo!

     Todos lle ían respondendo o mesmo:

     -¡Deus lle perdoe ao teu home, que eu tamén lle perdoo o que me debe!

     Pero un zapateiro ao que lle debía un real pensou que o podía cobrar indo traballar na igrexa á luz que lle pouxeran ao morto. Estaba alí cose que cose cando sentiu que andaban na porta da igrexa para entrar e, polo si ou polo non, meteuse debaixo do escano dos defuntos.

     Entro na igrexa unha gavela de ladróns que acababa de facer un roubo. Os ladróns tenderon unha capa no chan, botaron o diñeiro por riba e emprincipiaron o reparto.

     O zapateiro, por ver se os facía escapar e lle deixaban os cartos para eles, empezou a berrar:

     -¡Acudide defuntos!

     O que fixera o morto entendeu o que quería o zapateiro e respondeulle:

     -¡Aló vamos todos xuntos!

     Os ladróns non se pararon a mirar quen era e quen non era. Botaron a escapar cada un por onde puido e fóronse xuntar case a unha legua de alí. O capitán dos ladróns dixo que sería benque fose un alá para ver o que pasaba e pediu un voluntario. Ofreceuse un, que se foi achegando á igrexa moi pouquerrechiño a pouco, coa intención de guinchar polo buraco da pechadura, pero cando chegou estaban o zapateiro e o outro discutindo polo real que o que pintara o morto lle debía ao zapateiro. Este dicíalle naquel intre:

     -¡Eu quero o meu real! ¡Eu quero o meu real!

     O ladrón, ao oír aquilo, escapou para onde os outros e díxolles:

     -¡Fuxamos!¡Tantos son que nin a real tocan!

     O caso é que o zapateiro e o outro repartiron os cartos e marcháronse para as súas casas vivindo ricos de alí para diante.


XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901