A COVA DA SERPE
LENDA
A torre de San Paio de Narla ( Friol, Lugo) ten as súas lendas. Unha delas é a que se refire á cova da Serpe, que dá nome a un monte que vai bater na provincia da Coruña, perto de Sobrado dos Monxes.
Tiña un dos señores daquela torre ou castelo unha filla, Berta ou
Benta, que gustaba de se solazar andando dacabalo polas terras achegadas
á torre, costume adoiotado naqueles tempos de ruíns estradas, mais
fallos doutros pasatempos.
Aconteceu certo día que a besta en que ía a fidalguiña gañou medo e
comenzou a correr desenfrenada sen que a rapariga puidese contela. Mais
un membrudo mozo campesiño brincou no camiño dun balo baixo, botoulle as
mans ao bocado da besta e cun rexo esforzo contivo o animal.
A herocidade do mozo, e poida que máis que outra cousa varonil apostura
do lanzal xove, fixo que a doncela se namorara del. Pola súa parte o
rapaz viu na fidalguiña unha meiguiceira fada que o deixou angaiolado,
preso non seus encantos e donosía.
Os dous mozos voltaron a se ver e, sentados á sombra dos carballos
dunha devesa, falábanse namorados e ditosos esquencendo a súa
desemellante condición.
Mais, o señor de San Paio, don Lopo das Seixas, soubo logo daqueles
amores da súa filla co mozo labrego, seu vasallo, e amenazou á rapaza
cun fero castigo se non puña fin a aquela desasisada que era unha
aldraxe para a fidalguía das torres.
Benta, amante e arriscada, puxo en coñecemento do rapaz as ameazas do
seu pai e, entre choros e bicos, ambos determinaron de fuxir a través
dos montes e iren en procura de refuxio noutras terras.
O señor das Seixas, cando se decatou de que a súa filla desaparecera,
ordenou de contado que saísen algúns escudeiros e homes de armas da
torre para perseguiren os fuxitivos, dar morte o galán e voltar para o
castelo coa filla que o tiña deshonrado con aquel feito deshonesto.
Os amantes, ao se sentiren perseguidos, escoitando o catriplinar dos
cabalos, agacháronse nunha cova que atoparon no monte que tentaban
cruzar. Mais ficaron abraiados ao se toparen cunha gran cobra, unha
serpe monstruosa, que se dirixía , erguendo a moxenta testa, cara a
Benta. O mozo, empuñando un puñal, interpúxose e pretendeu cortar a
cabeza á cobra que arredou o ataque e se envolveu lixeira e destemida en
torno do rapaz cutándolle o movemento.
A loita entre o home e a serpe foi témera; a rapariga ollábaos
estarrecida. En cabo o varudo mozo atinxiu a cobra cun certeiro golpe na
testa; mais xa era tarde as trabadelas da serpe e mais o premer do
escorregadío corpo que lle apreixaba o corpo e a gorxa, causáronllo a
morte.
Oíndo os berros salaiantes da rapaza, chagaron as xentes de don Lopo
que recolleron á espavorida Benta e a conduciron á Torre de Narla.
Miraz, Friol - Lugo
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901