sábado, 6 de octubre de 2012

VOSTEDE VAINA PERDER TODA



VOSTEDE VAINA PERDER TODA
CONTO



     
     O señor abade chegou á ribeira porque seica tiña unha viaxe na outra banda. A lancha de paxase levárana para gobernar e, daquela, tivo que chamar por un homiño que andaba a pescar no medio da marea.


     Seica o homiño non oía ou facia como quen. Mais tanto foi o que berrou o señor abade que o outro pasouno para alá.


     -¡Estarás aquí cando volva!

     -Se non é moito o que tarda....

     -¡Estate que che pagarei o tempo que sexa!

     -¡Non lle é ese o asunto! Despache logo e veña decontado porque o tempo estase poñendo malo.

     Foise o señor abade e o home da lancha volveu ao seu traballo. O vento saltou e comenzou a bater con forza tomando moi mal cariz o dia.

     -Se non fora polo señor abade, brincaba en terra - cavilou o mariñeiro.

e como non pillaba nada, foise á outra banda agardar polo viaxeiro e, como tardara tanto o crego, foise enrabiando a cada vez máis o mariñeiro.

     -¡Non imos poder pasar o mar! -dixo cando viu ao outro.

     -¡Home, pois eu teño que estar na casa pola noite!

     -¡Pois non lle vai poder ser!

     -¡Habemos pasar sexa como sexa! ¿Ou seica tes medo?

     -¿Medo' ¡Ai, señor, non sabe o que di! Eu fíxenme vello na marea e a marea e máis eu sómoslle bos amigos pero, como son un pouco rebelde, seica non me quere. 


     Xa por máis de tres veces perdín a lancha e a min botoume sempre fóra. Se non vou é por vostede, que non é mariñeiro.

     -Lévame e dareiche unha boa presa de cartos.

     -Veña logo, pero despois non diga......

     E botáronse ao mar. O vento facía moita forza, a lancha ía mar afora e o mariñeiro comenzou a resmungar e a botar algún xuramento de cando en vez. O mariñeiro facía moita forza co remo mais a lancha era pouco o que avantaba.   En troques, andaba máis a présa mar a fóra.

     O señor cura, cheo de angustia, pediulle ao mariñeiro:

     -¡Reza ti tamén, hom!

     -Non teño tempo -dixo o mariñeiro-. ¡nin sei para que!

     -¡Desgraciado! -fixo o señor abade-. Perdiches a metade da túa vida.

     A lancha deu un brinco e despois un bandazo como para se mergullar no fondo das augas. O señor abade berrou:

     -¡Ah!

     É daquela díxolle o mariñeiro:

     -Señor abade, ¿vostede aprendeu a nadar?

    -Non -respondeu o outro.

     -¡Pois daquela, eu perdería a metade da miña vida, pero seica vostede vaina perder toda!


XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901