lunes, 8 de octubre de 2012

ROLDÁN E AS TRES COSTUREIRAS

 ROLDÁN
E AS
TRES COSTUREIRAS

 
      En tempos moi remotos, cando viñera Roldán a España, din que había en Vilanuide, do auntamento de Quiroga, tres costureiras que vivían xuntas e soliñas elas tres nun outeiro algo apartado da población. E di a lenda que eran tres mozas moi ben feitas e goapas como hai ben poucas, e que Roldán, un día que as vio ao pasar no seu cabalo, foi tan gustante delas, que, de alí endiante, todo era vir a apresentarse ao pe da casa do outeiro, pra poder velas e falarlles.
    

     E din que tanto era o seu namoramento que chegóu a faguerlles moita cirimonia e regalía, e hasta a velalas polos camiños cando tiña ocasión.

    Pero elas veña a fuxir e decir que non querían escuitalo, pois creían que Roldán non viña con boas intenciós, e que o que il pensaba era rirse e burlalas. Pero il non se apuraba por tan pouco, e todas as tardes viña a cortexalas e namoralas pola porta, e Ave María, que hasta pensaba de levalas consigo ás Francias.
    

     I entón elas, xa algo cansadas de velo rondar a casa día tras día, unha tarde que viñan da súa aldea, que se chamaba Puxares, enfrontáronse con il, e dixéronlle que non se cansase máis en seguilas, que non había de conseguir nada, que non querían tratos con ningún francés, que se fose de alí prá súa terra e as deixara en paz dunha vez. Pero il nunca se daba por vencido, e porfióu que, se non se lle entregaban polas boas, había de ser polas malas, e aínda tuvo atrevemento pra preguntarles cándo podía vir buscalas. E van elas e dícenlle: 


   Hemos de ir contigo ás Francias

cando veña o río Xares

por diante da nosa casa.

 

     I eso llo dixeron elas porque pensaban que era cousa imposible que tal acontecera, que o río Xares -que hoxe en día é o Bibéi- pasaba naquiles tempos por outro sitio moito máis pra diante.
    

     Pero roldán, ao sentirlles decir aquelo, non perdéu os ánimos, todo o contrario, pois o caso é que, valéndose de non sei qué meigallo ou demo, foise pola noite, e tornóu sin máis ni máis o curso do río. E, aló pola mañanciña, déronse de conta os veciños do que pasaba, e viñeron todos berrando mismo hasta a porta das tres mozas.
 
Costureiras de Puxares
vinde lavar as perniñas
ás augas do río Xares.
 
 
    E elas despertaron, e tomaron moito medo ao ver o río pola súa porta, e, con esto, saliron correndo como ánimas en pena, sin que as vise roldán, que estaba agardando, e colleron por un atallo, e salváronse de ser presas polos franceses ou polos mismos veciños, e de ter que cumplir aquelo que tiñan prometido.
    

     I entón fóronse a todo correr cara o val de Valdeorras, a seis ou sete kilómetros de Vilanuide. E os soldados viñéronlle coas novas da fuxida a Roldán, seu señor, que andaba todo contento no seu branco corcel.
    

     I así que sintíu aquelo, botóu o "nombre del Padre", e foise a escape en seguimento delas, a canta presa lle deu o cabalo e moi enrabechado polo feito. a tanto, que botaba el pola boca tantas chispas coma o cabalo polas ferraduras.


    E mais elas puideron pasar o río, non se sabe se voando como meigas ou se coa axuda do diaño. E así Roldán quedóu nunha veira i elas na outra. E, pra máis, o cabaleiro francés, dende a súa banda, non sabía que as tres costureiras seguían corre que te corre cara os poblados que alí había, no que hoxe se chama a Rúa.
    

     E, busca de aquí, busca de alí, marchóu solo no seu cabalo branco, sin avistalas nuca, e pensando que xa as tería tragado o río, hasta que, ao fin, chegóu á altura de Valencia do Sil, e descubríunas ao lonxe, a uns tres kilómetros, e co río Sil polo medio.
    

     I entón vai el, con tanta rabia como lle dera de ver fuxir aquilas condenadas costureiriñas, e que non lle foran de lei e faltaran á palabra dada, comenzóu a esporear no seu corcel que daba xenio, e a arreminalo pra saltar o río, e, de repente, ¡bumba!, o cabalo deu un brinco tan grandísimo que se plantóu namais que a unhos cen metros das costureiras, de maneira que deixóu pra sempre na pedra as pegadas das ferraduras, que aínda hoxe se poden ver, mismo ao pe dun camiño que vai prá serra. 


     Logo, as costureiras, que se viron perdidas sin remedio ao ter xa case enriba delas a Roldán, bótanse ao chan e comenzan a chamar ao demo, e pedirlle que antes querían ser convertidas en mármores que verse conseguidas por Roldán. I o demo acodío de contado, e nun periquete, volvéunas tres pedras coma tres cabezos nas barbas de Roldán, que daquela debeo de tolear para sempre.
    

     I esas tres pedras aínda hoxe é día que se poden ver, anque están xa desgastadas polas cuivias, e tamén polos rapaces que por alí andan a xogar e a gardar o gando. 

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
 XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901