lunes, 8 de octubre de 2012

A PONTE DO PORCO - LENDA

A PONTE DO PORCO
LENDA



     Roxín Roxal era un doncel do señor de Pontedeume, Nuno Freire de Andrade; lanzal de corpo, loiro ou roxiño, ledo e sorrinte, destemido e sinxelo.
 
      Don Nuno tíñao en moita estima e, abofé que o mozo o merecía.
 
     Mais aquel carácter aberto e chusqueiro do rapaz comezou a mudar. Deixou os enredos e brinquedos con outros rapaces e gostaba de se deitar no campo, baixo a sombra do arboredo e, alí, senlleiro, deixar voar a súa fantasía ou a cantar a media voz tenras cantigas saudosas. Outras veces, nunha das torres do castelo, asomábase á fiestra que abría cara á ría e fitaba o seu ollar ó lonxe, onde o mar se xuntaba co ceo como nunha aperta de dous elementos tan desemellantes.
 
     Era que nos seus vinte anos abrochara un amor.
 
     Tiña don Nuno unha fermosa filla, Tareixa, menina inqueda, que, coma unha bolboreta buligadora, tan axiña estaba no pazo de Pontedeume coma subía deica o castelo de Nogueirosa; montaba a cabalo o mesmo que unha amazona céltica e disparaba a frecha mellor que algúns arqueiros do seu pai.
 
     Algunhas veces acompañábaa, servíndolle de escolta, o doncel Roxín Roxal, respectuoso e baixado coa súa doniña, e disposto a defende-la ara dar por ela a súa propia vida.
 
     Un será que o doncel, melancólico, cantarolaba unha cantiga de amigo que aprendera dun xograr da bisbarra, chegouse súbitamente a pé del dona Tareixa, a filla do seu señor, e, ollando para el, díxolle:
 
     — Observo, Roxín Roxal, que dende hai unha temporada estás descoñecido. ¿Que fixeches co teu ledo carácter? ¿Por que andas agora decote tristeiro e saudoso?
 
     — ¡Oh, señora..! —limitouse a murumar o doncel, corando ó se ver sorprendido po-la rapariga.
 
     — ¿É que estás namorado? —seguiu demandando a diniña.
 
     — ¿E se así fora? —dixo el coma un suspiro que lle fuxía do peito.
 
     — Nada tería de estraño, posto que xa es un home 
     —retrucou a nena, que aínda non atinguira os dezaoito anos. E continuou— ¿Quen é ela, de Pontedeume?
 
      Roxín Roxal fixo coa testa un aceno afirmativo.
 
     — ¿Da nosa casa? —insistiu Tareixa; e as súas faceiras puxéronse rubias, e os seus ollos adquiriron unha expresión de dozura e ansiedade.
 
     — ¡Por Deus, señora! ¡Por favor, amerceádevos de min, non preguntedes máis!
 
     Mais, dende aquela, Tareixa amiudou os paseos. Xa quería ir ás areas da ría ou camiñar po-las ribeiras do Eume; chamaba por Roxín Roxal para que lle aprendera a taxe-lo laúde, ou pedíalle que lle cantara aquelas cantigas de amigo ás que o mozo lles daba unha expresión tan apaixoada.


     Don Nuno decatouse daquela intimidade que ía medrando e unindo cada vez máis os dous rapaces, e decidiu corta-la. Poida que as confidencias dalgunha das donas da súa filla contribuiran a move-lo para tal actitude.
 
     Un día chamou a Roxín Roxal e díxolle:
 
      — Xa es un home, e non quero terte a pé de min coma un rapaz en prexuízo do teu porvir. Vaite e que Deus te axude. O mundo é largo e tes condiciós e saber para triunfar. ¡Así cho desexo!
 
      E entregoulle unha bolsa de dobras de ouro.
 
     — Estímolle máis se me deixa seguir no castelo 
     — replicoulle o mozo sen colle-la bolsa.
 
     — Ti agora era coma se estiveras ó servicio exlusivo de dona Tareixa —repuxo o señor de Andrade—; e, como dona Tareixa vai casar, xa é imposible que sigas a carón dela.
 
     — Estarei decore no castelo de Nogueirosa — suplicou Roxín Roxal—, e non vieri endexamais ó pazo de Pontedeume.
 
     — Sexa —caudaceu don Nuno.
 
     Don Nuno falou tamén coa súa filla e anuncioulle o seu casamento con don Enrique de Osorio.
 
     — ¡Oh, meu pai! —exclamou a doncela chorando—. ¿Por que casar? ¡Aínda son moi nova!
 
      — ¡Es unha muller! E o señor de Osorio é un cabaleiro prestixioso e rico, de nobre familia, con alongadas terras e fartos vasalos. ¿Non quererás que por cousa túa poida morrer o pobre Roxín Roxal?...
 
      — ¡Oh, non!
 
      — Entón compre que cases.
 
      E casou dona Tareixa con don Enrique de Osorio, mais non se sentía ditosa. Suspiraba adoito, sentábase no poial da fiestra da torre da homenaxe e, alí amorriñada, poñía o pensamento en Roxín Roxal, o bo compañeiro, o bo amigo, que soñaba a súa vez con ela.
 
      Por entón comezou a falarse en Pontedeume en como po-los arredores aparecera un grandísimo porco bravo que facía moita estragueira. Algúns vasalos e labregos tencionaran darlle morte, mais non o lograban, morrendo en troques máis dun derrancado po-la fera.
 
      Don Nuno imaxinou unha cazada para darlle morte ó xarabín aquel, e outros máis que puideran roldar por aqueles arredores fraguentos, pois por todos aqueles montes habíaos a vau. Don Enrique Osorio aceptou con ledicia a idea, pois era grande cazador, e alentou a dona Tareixa para lle facer compaña. Mais ela non se sentía con vontade e negouse. En baluto, don Enrique fíxolle ver que debía ir de par del, e apoiou o seu discurso dicíndolle que andaba moi morriñenta e que era ben que se esparexera. ó cabo, logrou que dona Tareixa caucedera.
 
      Celebrouse a cazata e deron morte a dous xabarís, mais o grande, aquel que tiña amedoñadas ás xentes, non aparecía. Ata que á derradeira resoaron os cornos, maticaron os cans e a troupelada de cazadores foron pechando o cerco ó porco bravo e acurrunchándoo cara ó mar, por onde non podería fuxir.
 
      Don Enrique, a carón da súa dona, foi correndo po-la ribeira do río Lambre ata chegar á ponte que, xa na foz, o atravesa. E alí descabalgaron, e na mesma ponte dispuxéronse a agardar o sinal da morte do xabarín. 
     Píanse os ladros dos cans, os berros dos peóns, o catropear dos cabalos...
 
      Mais nesto viron sair da touza ó animal, correndo fronte á ponte, único camiño que tiña, ó parecer, libre para fuxir da persecución.
 
      Un pouco apresadamente po-la sorpresa, don Enrique lanzoulle un venabro que se foi espetar no lombo do animal, mais este nin se detivo ni recuou, que, po-la contra, acometeu alporizado cuinchando de dor.
Instintivamente, don Enrique, salvando o petril da ponte chimpouse no río e a nadar dirixiuse para a ribeira. Mais dona Tareixa, estarrecida, indefensa e espavorida, viu chegar á fera e sentiu as súas carnes entrilladas, esgazadas, franxidas...
 
      Cando chegaron á ponte don Nuno e mais os outros cazadores, puideron recoller soamente un cadabre.
 
      Poucos días despois, na mesma ponte, apareceu, morto, cunha daga chantada na gorxa, aquel medoñento e terrible porco bravo.
 
      Don Nuno recoñeceu a daga: era a mesma que el lle tiña doado a Roxín Roxal había tempos.
 
      — ¡El non tería abandonado a Tareixa! —pensou o triste pai.
 
      Disque po-lo episodio derradeira desta lenda chámanlle á ponte "Ponte do Porco".



SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
 XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901