viernes, 5 de octubre de 2012

CADEIRA PEQUENA, TRES PATAS - CONTO DE MI


CADEIRA PEQUENA, TRES PATAS


     Mergullábase nos seus pensamentos, coa facilidade que ás veces as persoas  viaxan ao mundo que non se ve. Sinxelamente, recreándose. Sorrindo sen sabelo.
 
     Atopábase sentada na cadeira pequena, aquela que polo paso do tempo perdera unha pata e ela igualara as outras tres.
     ¡Ris-ras, ras-ris e fóra!, cadeira baixiña, cadeira pequena.
     Ás súas costas a parede,  aos anacos descunchada.
O retrato, gris, marrón.
     Moito gris, augado, diríase que case afogado,  a humidade deixara as súas  marcas, o tempo, a falta do ar. 
     Nel a súa avoa, moza, case unha nena, con vestido escuro, unha trenza grosa de cor ben negra. Seu avó, con traxe e chaleco, do que, por un pequeno buraco asoma un reloxo con cadea. Sombreiro e xesto altivo.
     E os fillos del, vestidos de domingo, catro. 
     Ao serrar a cadeira pensou que a casa era unha desfeita, soamente a cociñade  ferro e o baño francés, quedaban en pé. 
     Mentou  tamén, o patín de baixada á horta.
     Esa hortiña chea de verzas ás veces, para as galiñas. 

     Ou outras, no tempo tomateiras, leitugas e cebolas.
     Nun recuncho, flores, dalias, dicía ela, que polos Defuntos levaba  aos seus , ao cemiterio. 
     Sentada alí  asemellábase á rapaza que fora, aquela que espallaba  ás veces a casa as risas. 
     Despistada, soñadora.
     E pensaba nela, case a podía tocar, ¡xa quixera!.
Tan branquiña ela, tan pequena, tan grande. A avoa

     “As patacas fríteas ben  no aceite fervendo, e cando muden a cor, baixa o
lume e lentamente , ten calma, espera”.
     Os tomates de pel grosa escáldanse, pois  non cae ben comelos  enteiros… , ¿ves?. Así.
     Tiña o tempo lento, sabio. Ese tempo que as persoas  que non respiran con xeito, que o seu ar devecen toda unha eternidade.  Asmática, ela.
     O seu pelo longo, branco. 
     Avoa ti sabes?.
     ¿Sabes que en min as mulleres que ti levas veranse?. 

     Unhas con máis forza,outras miudiñas, veranse avoa, as mulleres.
     Rebule filliña, dálle, segue falando.
     Mulleres que deron vida parindo, dando a mamar. Sen cuestións, sen pensar que os seus peitos puideran perder a beleza. A despensa do mundo, o mellor acougo, onde me quero durmir. Esas veranse.
     Sen pensar no fluxo e no refluxo?.
     Miña nena, miña cativa espida, ven, ven.
     Cativa, ti es cativa, miúda, bulideira, como ha ser
Tés  vida. Cofre, cadea. Ti es min.
     Canta filliña, canta aos teus, aos meus, xoíña.

     Acouga e ven onda min.
     Por moito que se esforzara, ela, filla de nai solteira, non tiña outra saída e iso que aprendera a coser na casa da veciña, aos ratos.
     O señor quedou viúvo. 
     Necesita quen lle quente a cama,  quen lle limpe o que mancha. 
     Unha comida enriba da  mesa, quente. O ferro pasado nas súas roupas.
     E os fillos da señora has de crialos ti, ao tempo que pares os teus.
 
     Ti, a criada.
     ¿Non sabes?, ¡que has de saber ti!. Sen escola, filla de ningures.
     As mans feitas á friaxe, a auga morna non existe. Dálle, dálle ao río, lava, lava.
     Para min, para ti, para os meus, para os teus.
     Eu douche teito, quéntame a cama.
     E marcho, xa virei. 
     Sombreiro na testa. Teño, logo son, e ti , ti………¡filla da nada!.
     Esperta co galo, prende o lume.
     Café para min, teño présa. Dálle, dálle. O café.
     Chiss, chis, calade cativos, voso pai aínda almorza, xa sabedes, chisssssssss.
     Nin un sorriso…el é así.
     “Arrorro caravel, Manoel  meu Manoeliño……. Meu caravel, súa nai mírase nel..”, cantaba preto do berce.
Teño que ir á fonte, deitar a roupa ao clareo, subir a sela coa auga, ao tempo sorrío, canto, din que o mal espanto, non sei. Vai frío hoxe. 

     A escola. .Eu sempre pensei con poder atender a escola.  Os meus pais necesitábanme cas bestas, no campo, coa casa.
     Aprendín a ler e as catro regras. Non todas as mulleres da miña aldea saben,fun muller con sorte.  Aprendeume o meu irmán. 
     E o teu avó deume teito.

     ¿Quérelo avoa?
     ¿Xoia, ti sabes o que é quer?
Quer é moito!. Eu quérote, ti quéresme. Quérese aos  fillos. A el é outra cousa.
     ¡Xa saberás!.
     El chegaba e todos quedos, sen bulir, sen falar.
Os seus berros non son de mal home, soamente que ten vida complicada, e nós, na casa, ao ser tantos, complicámoslla máis. Xa sabes, o seu pai, a súa irmá, os fillos primeiros….eu , o teu pai, os seus irmáns.
     Por iso a miúdo vaise á cidade e distráese. 
     Uns días, cando volta ven canso pero paréceme que máis sereno, non fala , non di, mellor.
     Soamente  come, cea, le o xornal. Vaise  deitar e chámame, para que me deite ao seu lado. Filliña, non durme. Xa verás.
     ¿Que verei avoa?, pregunteille  mil veces. ¿Que verei?.
     Ela pasábame os  seus dedos  polos meus beizos e facía o sinal de calar.
     Tan branquiña ela, tan miúda.
     Co tempo o seu respirar fíxose máis esgotador. Falaba pouco. Pero sorría.
     Ollos azuis coma o mar, pero non tan ceibes. Nas veces ao escoitar o golpe da porta ao pecharse, daba un chimpo, e mudaba a cor.  Xa saberás, dicíame.
     O señor do sombreiro.
     A vara de vimbio que nas veces levaba na man facía ruído. O escarvadentes na boca mirada gris,aceirada,sombreiro de lado. Non sabía ben se miraba de fronte  ou de esguello. Parecíalle un rei.

     Soamente sorría cando a fonte da comida aparecía sobre a mesa e o primeiriño que facía era mirar que tallada era máis grosa, para el, primeiro o
señor.
     Non falar na mesa. Non xogar, non moverse. Comede, darlle, botarlle conta!.
     E todos, agás ela, dálle que dálle ao prato, come que te come sen chiscar. 
     Ela non sentaba a comer.  Liscaba onde a cociña e seguía fedellando  nas potas, as tixolas, fritindo as patacas, escaldando os tomates.
     ¿O café, non está?,¿ non está?.
     E á velocidade da luz aparecía na mesa unha  cunca inglesa co prato a xogo, o azucre e o famoso café, café so, ben quente. 
     Se falaba daba un discurso sobre as fincas do veciño, do camiño, das árbores que tiña que mandar talar. 
     Os nenos cos ollos abertos, en silencio.
Pratos baleiros, nada podía sobrar. Parrafeos dos tempos da fame. Na casa, na miña casa, fame non.
     E pasaba os días no café da cidade, xogando, xogando ás cartas, apostando. 
     E nas veces tomaba o camiño cara a outra cidade onde atopaba o que buscaba. 
     El sabería o que.
     Meu café. Miña casa. Miña muller. Meu, non teu.
Todos os recordos  encerellábanse na súa cabeza e ao tempo de sorrir unhas bágoas baixaban  pola súa cara.
      As mulleres que hai en min, ¡en ti xoia!
Que sabia era , sen a penas escola.
     Os fillos que criou fórense.
     Cadanseu a súa vida, medraron e espalláronse polo mundo.
     Apagábase coma unha candea que queda sen pávela, sen ar.
                                                            Os libros compartían, na súa mesa de noite, espazo cos papeliños azuados do Dr. Andreu, queimábanse, e parecía que axudaban a respirar mellor. 
     Cheiraban a herba seca. 
     Repasou unha e outra vez Anna Karenina, Madame Bovarye… e falabadesas persoas.  ¡Dalgunha maneira asemellábanse tanto a ela!.  ¿Ou sería que as mulleres se parecían?.
     No fondo, seguramente, coma se asemellan todas as persoas. 
     Pero nas formas, non. As culturas sinalan os camiños e nas veces lévannos por eidos ben distantes,  e onde está axeitado un costume noutros é unha tremenda barbaridade.
     O mundo é grande, somos moitos, ben diferentes. 
     ¿Quen ten a verdade?
     Preto da xanela do seu cuarto tiña unha randeeira onde adoitaba pasar as tardes. 
     Ao volver da escola  Xoana pasaba un ratiño a vela. A veces peiteaba a súa avoa. Ela  deixábase facer a trenza, para logo liala coma un niño.
     E sen darse conta unha aprendía doutra.
     Estás  fraquiña, filla. ¿Comes ben?, estás medrando e haste coidar.
     Xa non xogas coma antes, ris menos, case non cantas, ¿que che está a pasar?
     Ela baixou a mirada e calou.
     Pasaron os días, os meses e as visitas espazáronse.
Das últimas contoulle  que se estaba a namorar.
     Sorriron ámbalas dúas, e coma sempre, ao marchar  bicouna na fronte.
     Acouga, antes de ficar colle un dos meus libros, é para ti.
     Non sei se me gustará avoa, non  leo case nada.
Lerás. Colle un e lévao, é teu.  Escolle.
     E Xoana colleu  “Anna Karerina”, por iso da Rusia, estaba máis lonxe que París.
     Ficou correndo pois pronto se botaría a noite, comezaba o outono e os días fanse máis cativos. E tiña présa.
     Baixou as escaleiras a todo correr, tropezou e atusou a roupa.
     O seu corazón batía rápido, quería chegar pronto. Alí quería estar, ao seu carón.
     Sentíase noutro mundo, as sensacións eran novas.
     No chaflán da casa agardábaa Anxo.
     Ao chegar deuse conta que as súas pernas tremían, e que non podía falar a penas.
     El tocáballe os cabelos con suavidade, e de cando en vez collía a súa man, entón unha marea de fogo comezaba a percorrer o seu corpo, non sabía que lle estaba a pasar. El faláballe preto das súas orellas, dicíalle o que quería escoitar . Iso que ninguén lle contara dese xeito.
 
     Nas nubes das sensacións transportouse, fóra de toda norma coñecida .
     Camiñaba sen tocar o chan, soamente por onde el pisaba. 
     Enguedellouse coma una vide que medra dando voltas e reviravoltas.
     ¡Vela aquí!.
     Pouco a pouco a escola  esqueceu, e o correr pola vida, querendo ser muller ás présas, nin tempo lle deu a pensar. Nin quería.
     Esforzouse nas artes de dar a volta ás palabras e sen sabelo pasou a formar parte dunha caixa  pechada.
Sentíase cómoda, os días e as horas pasaban  como ela quería. 

     Mudaba Xoana querendo salvar ao mundo e  agromou.
     Dende  hai tempo tomara a determinación de ser única.
     Peiteado de moda, coma as da tele.
     Roupa de marca, e slogans nos seus complementos, muller anuncio.
     O seus aderezos mercados nos centros de moda non deixaban dúbida, era unha muller do seu tempo.
     Casa coa decoración variante. Trastos  que non serven. ¡E que!. Foi caro
     Merco e merco. Isto é o mellor, para min.
     Sempre atenta ás últimas tecnoloxías.
     Ela,  filla dos seus .
     Os seus pais dábanlle o que ela necesitaba.
     Pariu un neno.
     Fillo  criado polo plástico.
     Tan contenta.
     Ben, non tanto.
     Os meus peitos non  poden ser brandos.
     As miñas cadeiras teñen que mudar, ser mais miúdas.
     Os meus ollos  non teñen a cor que quero, merco .
     E os meus cartos son poucos. 
     Medrar cara a non sei onde.
     Os meus fillos serán os mellores, os mellores, porque eu compro, compro, Medro e medro.
 
     As mulleres que hai en min veranse.
     ¿Que mulleres?
     Quero ser coma o señor do sombreiro e atopar a maneira de facer a miña vontade.
     Avoa, coma ti non.
     Aos poucos de ser nai, a avoa xa non estaba. Coma se unha xeración dese paso a outra con toda naturalidade. Sen facer ruído, marchou.
     E pasaron os días, os meses, os anos.
     A idea de retornar a casa dos avós  víñaa tendo dende facía tempo. 
     Converteuse nunha necesidade , coma se nela fora atopar unha resposta ao seu vagar. 
     Non sabía onde ía.
     No tempo das cereixas, volveu cara ao pobo. Atopar  non sabía o que.
     Chegou á casa e nin chaves lle fixeron falla para entrar nela.
Buscaba. Miraba en todos os recunchos posibles. Nos alzadeiros cheíños de buracos que ao tocalos se caían.
     Nos armarios, nos caixóns das cómodas, tras os espellos…, todo se desfacía nas súas mans.
     Nestas alguén chamouna  polo seu nome, dende a rúa.
     Abriu a xanela que daba ao balcón, e sorprendeuse ao ver a unha das súas curmás.
     Díxome o meu pai que estás nestes eidos e paseite a saudar.
     Levaron unha alegría.
     Teño a necesidade de repasar esta casa antes de que a tiren abaixo, non sei, é coma se  puidese atopar algo que perdín.

     Coma cando esquecías os teus tesouros, aos que lles dabas terra na horta, díxolle, Ana.
 

     ¡Tesouros!, agarda uns intres. 


     Subiu ao fallado onde sempre, cando cativa, estaban as patacas espalladas, as mazás, e algúns trastos.


     Cheiraba a humidade. As teas das arañas dábanlle o mesmo aspecto que as películas de medo.


     Alí viu de case todo.  Cestas e cestos. Maletas abertas cheíñas de mofo.


     Dous berces. Roupa, sombreiros de palla, bastón, cordas…


     Moitas botellas, baleiras.  Unha gaiola  grande, recordaba que a utilizaban para as pitas.


      A bañeira de ter o porco no sal.


     Paos onde se penduraban os chourizos para se secar.


     Olas  de barro , unha cana da pesca, anacos do que foran bicicletas e unha carretilla. 


     Comezou a tusir, picáballe a gorxa, o po non lle sentaba ben, sentiu frío. 


     No medio de tanta desfeita, atopou o que buscaba


     ¡Velaí!.  A arca de cando casara a avoa. No seu interior viaxara o seu enxoval , as poucas cousas que lle puidera xuntar a súa nai, iso contaba ela. 


     Abriuno, atopou cousas diferentes, recoñeceu algunhas .


     Libros,  moitos debuxos, un mapa, e o “tesouro”, unha lata que tiña a un rei, e unhas damas,  fóra das galletas.
     Nese momento  achegóuselle Ana. ¿Que fas?
     ¿Recordas?, esta lata estaba sempre á súa beira, preto dela
     Aquí soamente hai trastos vellos, e todo está para se tirar, díxolle.
     Entón a ninguén lle importará que me leve a caixa.
     Claro que non muller, que cousas dis.
     Baixaron á rúa e despedíronse. Xoana tiña présa por se  deter nun recuncho e abrir a lata, a soas. 
     Destapouna, unha especie de melancolía recorreulle o corpo, estaba nerviosa.
     E atopou fotos vellas, do seu pai e os seus irmáns. Outros dous cativos de familia.
     Nunha recoñeceuse, cando era moi cativa, polo revés , a lapis poñía: “para miña avoa, quérote”, imaxinaba  que a súa nai escribira disimulando a letra esa frase, pois ela era moi pequena. Sorría.
  
     Debaixo das fotos un papel pregado, unhas pedriñas, e unhas cunchas. Dous lazos de cor azul clariño.
     Despregou o papel, os papeis, e un deles, un mapa feito a man. Tiña sinalados puntiños que se marcaban a vez con números.
     Na outra folla unha carta .
     A letra era dela, da avoa, recoñeceuna.
     Estaba chea de borróns, e a tinta corrida.
     Meu …. 
     Neses intres parou, mirando as letras pensou en que non  tiña dereito a meterse nas cousas que non lle foran entregadas, a curiosidade era grande pero conformaríase con ler o mapa con atención. Dobrou a carta e gardouna no seu bolso. Deuse conta que os borróns engurraran o papel, eran manchas de auga, quizais de bágoas.
     Esperou a chegar á súa casa. O percorrido  fíxoo con moita calma, era noite, e non  tiña présa, recreouse.
Pasaran anos, moitos, dende que fixera ese mesmo percorrido, todo estaba moi cambiado, algunhas  estradas xa se converteran en autovías, en autoestradas. 
     Certo é que eran máis rápidas pero perdíase o contacto coa paisaxe.
     Amencía cando deixou o seu coche no garaxe.
     Xa na casa preparouse un café co leite ben  quente  e unhas torradas. 
     Sentouse preto dunha mesa e despregou o mapa.  
     Tiña círculos  en cor vermella  numerados  sinalando algúns puntos.
     Miraba con atención coma querendo facerse coa composición dos lugares, non recoñecía ningún. Todo era estraño. Sabía, polo debuxo que uns dos límites   era o mar, ao lado contrario un río.
     O círculo que contiña o número un atopábase ao carón  dunhas escaleiras debuxadas en forma de zig zag. 
     Buscando o dous encontrouno debaixo dunha árbore moi verde, que tiña pintiñas laranxas.
      Cerca do mar apareceron o tres e  máis o catro.
     E xa por fin apareceron o cinco, o seis e o sete, preto do río.
     Na lenda do mapa en  letra moi pequena, poñía:
     “Dende  estes recunchos puiden ver, sentir, vivir, sen nada mercar. Soamente coa  imaxinación voei miles de veces de novo a eles, tantas coma puiden, grazas por mo regalar. A  ti, contemplador da beleza.
     Foi entón cando  se decatou  de que o mapa intentaba debuxar o contorno da vila onde vivira a súa avoa, e os  puntos numerados eran zonas onde  ou ben se vía nacer o día, ou ben a tardiña víaselle fuxir.
Pode que onte, nin hoxe mercase nada, pensou, e sentíase ben. 
     Gardou todo dentro da caixa das personaxes, recordou a carta que tiña no seu bolso, colleuna e engadiuna ao resto das cousas. Atounas cos lazos azuis que tamén encontrara, pensou que quizais foran os que amarraron as trenzas da súa avoa nun día especial para ela, estaba segura de que así fora. Quizais o día que debuxou o mapa.
     Esa tarde  marchou cara o Oeste. Buscou un outeiro, ben situado e  fixo un buraco no chan, meteu a caixiña con moito coidado, ben  envolta en papeis.
     Botou terra, igualou o chan. Agora si.
     E ao caer o sol pensou nela, na nova mensaxe que lle fixera chegar. Dáballe tranquilidade .
     E recordou os bicos roubados, as apertas sinxelas, as entregas sen mais. Nas cousas que ninguén pode mercar.
      Niso pensaba.
     E dende cada punto sinalado no mapa  imaxinaba  ao Contemplador da beleza preto da muller, ela, falándolle baixiño, ou quizais non, soamente buscando o que sempre está aí e poucos ven.
     A cadeira que atopara na súa viaxe, a que lle serrara as patas, agora formaba parte dos mobles da súa casa, pintáraa de cor amarela e nas veces gustáballe sentar nela para poder ler ou simplemente ser.
     Tiña preto dela unha mesa chea de follas garabateadas, unha copia, que fixera de memoria, do mapa atopado na caixa das galletas e moitos debuxos.
     Tomara por costume, sempre que atopaba un lugar onde poder ver o sol, de situalo nun papel. Xa tiña máis de 235 circuliños numerados.
     Hoxe despois de cear, preparouse unha cunca de leite, e aos pasiños foi  coller un libro,o seu libro.
     Sentou na cadeira pequena e  con moito agarimo, lentamente,  pasou a primeira folla.
     Comezou a ler…
     “Las familias felices son todas iguales; las familias infelices lo son cada una a su manera”.

                                       Mi.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901