lunes, 8 de octubre de 2012

A VIRXEN E O NENO EN PORTOMARIN


A VIRXEN E O NENO
EN 
PORTOMARIN 
LENDA


     E a carón da Capela de Santa Mariña, que segundo as crónicas xa era un pequeno mosteiro de monxas no século IX, había un pouco "río arriba" un longo treito de Río Miño -máis ou menos un quilómetro- onde as angas sempre van mainiñas, gardando un silencio sosegado. E tamén, uns grandes penedos que semellan botarse no río para gañar o retiro pacífico de tantos anos, parecen querer gardarse baixo as augas, despois de exercer de inmóbiles pedras, inspiradoras de lendas e contos de mouras e cristiáns, de "cestas de ouro", de tesouros agachados, etc.
 
     Pois ben nese mesmo lugar había unha peneda que xa estaba entre as augas metida e que ten a súa lenda.

     A metade da peneda estaba cuberta pola auga e a outra metade fóra. Nunca desaparecía da vista dos que por alí andaban anque houbera secas importantes .ou grandes enchentes. Alí estaba como mostra de .veracidade do que vos vou contar:

     María, San Xosé e mais O Neno estiveron en Galicia fuxindo de Herodes. A Virxe levaba ó neno durmidiño no colo. San Xosé tiraba pola corda do burro no que ían María co Neno en brazos.

     Ó chegaren a aquel sitio de Portomarín, á beira do Río Miño, os tres quixeron cruzar. As augas facían moito ruído ó pasaren entre os penedos e os cachóns, porque estes imprimíanlle aínda máis velocidade.
María, non querendo que lle espertaran O Neno, dixo:
- Río Miño, Río Miño, pasa quedo e caladiño.
Non espertes ó Neniño que xa o levo durmidiño".

-E o río voltouse calmo, pousado e silencioso naquel tramo do seu curso en contraste cos cachóns que hai catro ou cinco quilómetros máis abaixo.

     Contan as xentes de Portomarín e Comarca que A Familia pasou o río sen problemas e que O Neno non espertou. Naquela peneda do río aínda está a pasada do burro cando, para facer pé, pousou alí unha pata.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901