lunes, 8 de octubre de 2012

UN DA "COMPAÑA"


UN DA "COMPAÑA"

LENDA




     
     Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgracia de seguir, sen se deporcatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa. 

     Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.
     Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de pocas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. 
     O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampocuco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é ber para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.
 
      O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa Compaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía ó fillo, mais, como era noite, non o viu. 
     Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga benta e mais o heizope. O pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día. 
     Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo porse en pé e as pernas non termaban del. Ó cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e esgumiado, máis semellaba un defunto.
 
      Ó rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. 
      Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.
 
      O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, o porlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga benta e máis o heizope, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, e pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de po-la noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose pouco a pouco.


 
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901