jueves, 11 de octubre de 2012

IGREXA DE SANTA MARIA DE NOGUEIRA

 IGLESIA
DE
SANTA MARIA DE NOGUEIRA 
CHANTADA 
LUGO

     
      O pequeno lugar de A Eirexe, enclavado na parroquia de Nogueira, acolle unha curiosa e interesante igrexa que agocha no seu seo pequenos tesouros artísticos. 


     Erguida na segunda metade do século XII, pertenceu a antiga xurisdición de Chantada e o beneficio eclesiástico presentáballo en tres turnos ó priorado de San Salvador de Asma, ó marquesado de Bendaña e ó vínculo da Casa de Penachá; o Emblema da Orde de Alcántara señorío civil pertencíalle a marquesa de Astorga.


     

     A edificación aparece mencionada nun documento datado o 22 de Xullo do ano 1385. No mesmo, outórgase unha escritura de foro por parte de Núñez Pérez de Campo a favor de dona Elvira Álvarez Osorio, muller de Roy Gómez de Neira, na que se comprenden tódolos aparellos, herdanzas, casas, soutos e viñas que a Orde de Alcántara posuía na parroquia de Santa María de Nogueira.

    
     Este beneficio estendíase a ambos consortes e a un dos seus fillos ou persoa nomeada expresamente. Tamén sabemos que o rei Xoán I actuou sobre Nogueira; este monarca obrigou ó señor da poboa de Chantada a facer abandono do coto de Nogueira, dereito que lle fora usurpado ós monxes beneditinos. 


     Tamén existen referencias desta edificación nun pergamiño do século XIV que se conserva no Arquivo Histórico Nacional.



    Na actualidade sábese que no primeiro terzo do século XVIII se reformou a fachada principal (na actualidade con características barrocas pero conservando o rosetón do románico tardío) e que neste preciso momento tamén se construíu a torre que alberga ás campás. 



     Esta obra románica posúe unha soa nave con cuberta de madeira a dúas augas. Destaca na mesma a porta do alzado sur enmarcada por un arco de medio punto rico na súa profusión ornamental e con columnas apoiadas nunha soa orde que posúen capiteis de fitaría. No muro sur pódense ollar signos lapidarios de sete tipos diversos; son bastante curiosas as lápidas incrustadas nas paredes da igrexa.

     

     A ábsida cuadrangular con bóveda de canón aparece precedida dun arco triunfal de medio punto con columnas apoiadas nun só estilo e capiteis variados. 


     O interior desta igrexa parroquial alberga diversas pinturas murais que están sitas nos parámetros interiores da nave. A pesar do seu deterioro sábese que fan alusión a diversos temas como son o Xuízo Final ou a Resurrección de Xesús. 


     Máis ó interior, na ábsida, atópanse outras pinturas murais que aparecen ocultas ó visitante por estar cubertas dunha espesa capa de cal; as mesmas mostran escenas referentes á Oración no Horto de Getsemaní e o Apresamento de Xesús. Estímase que estas representacións foron feitas a fins do século XV ou a comezos do seguinte.


        En Santa María de Nogueira tamén podemos ver algúns retablos de gran interese que albergan diversas esculturas entre as que se poden salientar as de Nosa Señora do Rosario e San Xoán Bautista pertencentes ó século XVII. A sancristía acolle dentro de si numerosos obxectos referentes á liturxia dos que destaca unha cruz de prata con alma de madeira que data de finais do século XVI ou comezos do XVII. 




     Temos constancia de que sufriu numerosos arranxos aínda que non por isto deixa de gozar de relevancia artística. Na mesma sancristía podemos admirar unhas aceiteiras do s. XVII amais dun incensario de finais do mesmo século. Cálices, caixoneiras, custodias e querubíns son outros dos obxectos recollidos neste habitáculo de Santa María de Nogueira

MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901