sábado, 6 de octubre de 2012

A PESCA DO LOBO - CONTO


A PESCA DO LOBO
CONTO




FOTO: XOAN ARCO DA VELLA


    
     Foise un día a raposa xunto o lobo e díxolle:

     -Hoxe levei unha fartura de troitas que comín as que quixen.

     -¿E logo como fixo para collelas, comadre?

     Pois atei unha cesta ao rabo e metínme no río dicindo:"Troitas á cesta e peixes ao rabo" e encheuse tanto que case non podía con ela para sacala.

     -Pois estas noite vou eu -dixo o lobo.

     Aquela noite caía unha xeada que metia medo, máis o lobo tiña tantas ganas de troitas que non se arredou polo frío que podía facer e foi onda a raposa para que lle atase a cesta ao rabo.

     A raposa, de cando en cando, pillaba unha pedra e botáballa na cesta e el dicía:

     -¡Ai, comadre, como pesa!


FOTO: XOAN ARCO DA VELLA
    
     Afondou a cesta co peso das pedras e a raposa dicíalle ai lobo que non tivese présa, que cando máis tempo estivera no río máis se lle enchía a cesta.

     A xeada apertaba cada vez máis de xeito que , cando o lobo se percatou encarambelárase o río e quedara preso polo rabo. entón chamou pola raposa dicíndolle:

-Ai, comadre, vaia buscar os martelos
para romper os caranbelos,
pero vaia por lonxe dos palleiros
que non a sintan os cadelos.

     A raposa, en vez de ir por lonxe dos pàlleiros, ía o máis cerca dels que podía. O lobo, ao ver por onde ía, berroulle desesperado:

     -¡Por lonxe dos palleiros, señora comadre! ¡Por lonxe dos palleiros!

     E a raposa respondíalle:-¿Que vaia por onde os palleiros? ¡Xa vou! ¡Xa vou!

     E fixo de maneira que alborotou a todos os cans do lugar, que se botaron detrás dela. E a condenada, en lugar de ir por lonxe de onde estaba o lobo, colleu dereito a el.

     Cando o lobo viu que ía cara a el quel trupelo de cans, berroulle á raposa:

     -¡Por alá! ¡Por alá con esa xentiña!

     E a raposa respondíalle:

     -¿Que vaia axiña? ¡Xa vou! ¡Xa vou!

     E foi pasando mesmo rentes o lobo. Os cans botáronse todos a el, de maneira que se viu tan apretado que se puxo a tirar con toda forza ata que dou soltado, mais quedouselle arrincado o rabo. E despois, o lobo ía fuxindo por unha costa arriba, vertendo sangue pola ferida en tanto que a raposa lle berraba:

-¿Quen será aquel guilindeiro
que vai por aquel bombeiro
cichando sangue polo traseiro?


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901