Unha vez, había un matrimonio nunha aldea que tiña un neno pequeno. Como eran probes, ordenaron de que o home marchase po-lo mindo a gañar a vida.
Marchou o home e, anda que te andarás, chegou a unha casa moi boa e preguntou se o admitían de criado.
Despois das preguntas de rigor, admitírono na
casa, na que traballou vinte anos seguidos. Ó cabo dese tempo, pediu a
conta, porque xa lle entraron ganas de ir ver a súa familia.
O amo preguntoulle que quería mellor, que lle pagara a soldada ou que lle dera tres consellos bós.
— Cónteme logo os consellos —dixo o criado.
— Non fagas unha cousa sen pensa-la tres veces; non deixes arrodeo por atallo; e nunca preguntes o que non che importa.
Ademáis deulle a merenda e unha bola de pan para que partira coa familia cando chegara á súa casa.
Despedíronse e marchou o home cara a súa casa. Indo po-lo camiño xuntouse con el un arrieiro. O arrieiro colleu por un atallo e invitou ó home a que fora por alí, que se atallaba moito. Pero el, acordándose do consello do seu amo, seguiu o seu camiño, sen facer caso do consello do arrieiro. De alí a pouco que se separaran sentiu grandes voces e, ó mesmo tempo, o ouvear dos lobos, que se lle botaron á recua ó arrieiro, deixándolle só as ferraduras das mulas. O homiño pensou para o seu chalecoque fixera ben seguir os consellos do amo.
Despois chegou a unha casa e pediu pousada. Así que cenaron, comezaron a preguntarlle cousas, para ver se el tamén facía preguntas impertinentes. Abriron unha lacena e saliu dela un animal moi raro cunhos pelos moi grandes e lambeu os pratos da mesa. Despois amosáronlle unha cova moi escura onde había moitas cabezas de homes e de mulleres, mais o homiño calaba como un afogado. En vista de que non lle facían preguntar, deixárono en paz e fóronse á cama. Á mañá seguinte, cando se levantou e pediu a conta, dixéronlle que non lle cobraban nada e, ademáis, que lle deixaban marchar en paz, pois todas aquelas cabezas eran de fulanos que non resistiran a tentación de facer preguntas. Marchouse o bon do home para a súa casiña máis contento que unhas Pascuas.
Chegou á aldea xa entrada a noite e púxose a mirar po-lo furado da porta da súa casa. Alí viu a súa muller e máis un cura, que estaban sentado ó redor do lume. Déronlle tentaciós de entrar e mata-lo, pero, acordándose do consello que lle dera o amo, de que non fixera cousa algunha sen antes pensa-la tres veces, rascou a cachola e, cavila que te cavilarás, decidiu pedir pousada noutra casa da aldea.
Como non o coñecían, poido preguntar moitas cousas acerca da familia e contáronlle como o home había moito tempo que marchara po-lo mundo, que a muller criara o seu neno moi ben, que o estudiara para crego e que estaba coa nai na casa.
O home non quixo saber máis. Pasou o día seguinte por alí escondido e, ó anoitecer, foise e pediu pousada na súa casa. A muller non lla quería dar, pero o fillo convenceuna de que debía darlla, pois sabe Deu quen lla daría ó seu pai po-lo mundo. Chegada a hora da cea, a muller puxo un prato de máis na mesa. El preguntou para quen era aquel prato.
—Pois mire, señor, élle para o meu marido, que hai vinte anos que anda po-lo mundo.
— Logo, ese prato perténceme a min, porque eu son o teu marido.
Deuse a coñecer e celebraron un gran banquete para festexar o acontecemento. Ós postres, partiron a bola que lle dera o amo e encontrárona chea de ouro.
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901