lunes, 8 de octubre de 2012

OS ESPIRITOS

OS ESPIRITOS


     O pobo galego creu, e aínda cre, nestes xenios misteriosos por influxo dos cales, segundo sexan bos ou malos, se desexa ou se teme algo. Deste xeito, os campesiños e mariñeiros teñen por certo que o espazo, os camiños, as casas, as augas, os montes, as fragas e as corredoiras están poboados deses fillos da noite que, entre as sombras, camiñan errantes coma as nubes, lixeiros coma o pensamento e fuxidíos coma o lóstrego.

    Os
espíritos que forman o mundo da nosa mitoloxía popular nacen da lenda segundo a cal cando os anxos rebeldes foran expulsados do Ceo, a Virxe intercedeu por unha lexión deles que xa ían camiño de ser sepultados nas profundidades do inferno, e que na caída ficaron suspendidos na terra, no aire e nas augas, onde proseguen vagando invisibles para nós.

 
    Eses espíritos indultados pola intervención da Nai de Deus son, segundo di Murguía, os seguintes:
      Espíritos da casa: As almas, o canouro, o diaño, o tangomango e o tardo.
 
      Espíritos do aire: Os nubeiros e os tronantes. O nubeiro é unha especie de trasno ou espírito maligno, morador dos aires, a quen a mitoloxía popular atribúe o poder de producir a treboada e dirixir os raios, aínda que esta última función é máis propia dos tronantes.



     Espíritos das augas: As donas, as lavandeiras, as sereas e as virxes.

     Espíritos da terra: As damas, as doncelas, as fadas, o meigallo, o trasno, os encantos e os vedoiros.

     Espíritos dos antros: As lumias, as ouvas, os mouros e os negrumantes.



     Espíritos dos campos e das fragas: A Santa Compaña, a estadea, o canouro e a pantasma.

    Algúns destes axentes fantásticos, fillos todos do delirio, dos pesadelos ou do medo do pobo, danlle vida a outros seres intermedios, comunicándolles poder para o ben e para o mal. Uns son riseiros e ledos, outros, pola contra, representan o mal e o pecado, como as meigas chuchonas; outros, por fin, son a síntese da bondade e dos beneficios; e todos ou case todos acadan no maxín das xentes sinxelas personificación propia de seres materiais e activos, podendo dicirse certamente que os espíritos constitúen o ambiente do marabilloso aire que se respira na vida rural galega.

     O animismo: Na acepción aldeá, máis mítica ca científica, o que atinxe á concepción do mundo substánciase en que o home vive envolto en forzas misteriosas e en que seres invisibles poboan o aire, os ríos, as fontes, as furnas e as corredoiras, sobre todo polas noites; seres que andan a carón da xente no curral, no sobrado, na corte, na eira e en todas as súas angueiras.



    As xentes campesiñas teñen por encantados moitos lugares, coma as covas, as furnas, as mámoas, os pardiñeiros dos vellos castelos derrubados, etc., que supoñen mansións de misteriosos seres ou de apocalípticos males en repouso. A dúas leguas de Lugo, preto de Francos, hai dúas penas que separan un camiño que os moradores da comarca non se atreven a quebrar pois teñen por certo que están encantadas: unha chea de ouro, e outra, de alcatrán; e se esta se barrenase a fin de obter as riquezas que se supón que contén incendiaríase toda a contorna. Esta crenza existe con lixeiras variantes noutras comarcas galegas.




SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901