martes, 2 de octubre de 2012

IGREXA DE SAN VICENTE DE NOAL DE NOITE

IGREXA
SAN VICENTE DE NOAL

PORTO DO SON
A CORUÑA



     San Vicente de Noal é unha parroquia situada ao norte do concello de Porto do Son, na comarca do Barbanza. Limita ó nordeste coa parroquia de Nebra, ó sur coa de Baroña, ó leste co concello de Boiro, e ó oeste a parroquia está bañada pola ría de Muros e Noia. Nesta parroquia atópase a capital do concello.



     Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 2.587 habitantes (1.311 homes e 1.276 mulleres) distribuídos en 12 entidades de poboación, o que supón un mantemento en relación aos anos 2004, cando tiña 2.577 habitantes, e 1999, con 2.581 habitantes.




     A orografía é chá ó norte do centro urbano da capital do concello, aínda que ó sur e ó leste (ó oeste está o mar), o terreo está basicamente ocupado polo monte, que é sobre todo de piñeiro e eucalipto. Exemplos de montes da parroquia de Noal son A Tarela e Dordo, entre outros.




     A costa da parroquia é moi accidentada, cunha gran cantidade de praias rochosas e con acantilados, como o da Atalaia, onde está a capela do Carme, ou o que está sobre a cova de Fonforrón. Tamén hai longas praias de area fina, como a de Fonforrón, do Cruceiro e Cabeiro.




     A igrexa parroquial, de estilo neoclásico, foi construída entre 1775 e 1790. Reedificada sobre un templo medieval románico, ten planta de cruz latina, cunha nave principal e dúas transversais de diferente ancho. Os muros alternan a cachotería e a cantería, sendo esta última empregada para a fachada principal e para o entorno dos panos. Tanto a nave principal como as transversais rematan nunha bóveda de canón na parte superior.




     O cruceiro leva catro arcos de medio punto para dar acceso ás capelas laterais e ao presbiterio. A decoración limítase á fachada principal, onde destaca o campanario sobre peana cadrada, formada por dous corpos estilizados con ornato aínda de procedencia barroca, con remate nunha cupuliña con pináculo. O resto da fachada leva un arco de medio punto sobre semicolumnas para conformar o pórtico da entrada, lixeiramente atrasado, e unha fornela coa imaxe do patrón, ademais dunha ventá sobre a porta e dúas pilastras nas estremas da fachada con remate en pináculo.




     No interior hai labras heráldicas dos Patiño, Caamaño e dos Lamas, ademais dunha imaxinería coa figura de San Vicente do Altar Maior realizada por Xosé Ferreiro.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901