lunes, 8 de octubre de 2012

OS BISPO SANTO E OS NORMANDOS

OS BISPO SANTO
E OS
NORMANDOS 
LENDA


     
     
     Aló polos anos 1100 pouco máis ou menos, chegou ás ribeiras de Ribadeo unha grande contía de naos que viñan de terras nordesías. Por outras veces devanceiras que os normandos desembarcaran nas praias e portos de Galicia, sabíase como eran de fortes e destemidos aqueles homes, e como eran tamén de crus e rapiñeiros; por eso as xentes, ó coñecer a mala nova, comezaran a fuxir estarrecidas de medo, levando consigo canto podían daquelo que tiñan de máis valía.
 
      De contado sóubose en Viveiro tamén daquelas embarcacións que se achegaban para roubar canto lles for posible, matando sen dó a quen quixer impedírllo, e, como en Ribadeo, homes, mulleres, nenos e vellos, botáronse a camiñar apavorados para fuxiren daquel perigo que arboraba para eles.
 
      Algúns que ían dacabalo chegaron a Mondoñedo, e fóronlle facer parte da nova ó bispo D. Gonzalvo para que dispuxera os seus homes de armas e botase un apelido para se armaren cantos puideran e así oporse a aqueles piratas.


 
      Mais, o pobre do bispo, xa vello, que endexamais fora amigo de empuñar a espada como outros que o mesmo predicaban que vestían os arreos militares en plan de guerra, xuntou o cabido, mandou chamar ós fregueses de todas as parroquias dos arredores, e botoulles unha prédica.
 
      — Irmáns: Dinme que aqueles temidos normandos veñen de novo sobre as nosas terras. Eles son fortes e nós débiles; eles teñen armas e nós só temos fouces e legoñas para o traballo. ¡Que Deus teña dó de nós! 
     Pidámoslle que El nos axude, e pregándolle humildosamente vaiamos todos xuntos cara ó mar por onde veñen as naos inimigas. A nosa fe é o único que nos pode salvar.
 
      Pediu á seguida que lle deran unha cruz, e con ela ó lombo encetou o camiño paseniñamente, cantando a ladaíña.


 
      Todos seguiron atrás del, acompañándoo no camiñar e nos pregos. E así foron deica un lugar dende o que se albiscaba o mar e, ó lonxe, o fato de navíos que abaneaban sobre os vagallóns que erguía a forte ventanía que comezara a soprar.
 
      As xentes, medosas, dicían:
 
      — ¡Védelos, acolá veñen!.
 
      — ¿Son moitos? —demandou o bispo, que pola súa vedrañeza non vía ben.
 
      — Tantos eles son que non se poden contar 
   —respondéronlle.
 
      — ¡Deus axudará ás seus fillos! —clamou o bispo, e axeonllándose orou ante a cruz que levaba e
sostiña ante si pousada na terra.
 
      Todos o imitaron; e algúns choraban anotados.
 
      Cando despois do rezo se ergueron, viron como, acrudecéndose a tormenta, algúns dos barcos afondaban entre as vagas do mar.


 
      Proseguiron a súa vía cara ó mar, e sempre que pasaban algún outeiro dende 0 que se podían ollar as axitadas augas, volvían a se deteren breves instantes; a facer novas invocacións ós Ceos... e a ver con ledicia como as embarcacións normandas que pouco a pouco ían mergullando asolagadas nos salgados pregos.
 
      Ó cabo chegaron a un coto, xa preto da ribeira do mar.
 
      — ¿Cantos navíos se ven? —preguntou o bispo.
 
      — Soamente tres —respondéronlle ledamente.
 
      — ¡Deus noso Señor amerceouse de nós! —clamou D. Gonzalvo fincando os seus xeonllos no chan, imitándoo a súa compaña toda.
 
      —¡Pidámoslle á Deus que El nos permita sermos libres e poidamos levar por toda a terra de Galicia esa ditosa nova!
 
      E cando se ergueron por derradeira vez, ningun navío frotaba na tona do mar, que ía amainando na súa furia...
 
      E din as crónicas que naquel coto se edificou unha ermida, coñecida pola do Bispo Santo, que disque é moi milagreiro.
 
MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901