martes, 9 de octubre de 2012

MUIÑOS DA FREIXA - POIO



MUIÑOS DA FREIXA 
POIO 
PONTEVEDRA


 
 
     
     O Concello de Poio conta na parroquia de San Xoán cunha ruta de muíños de auga na zona coñecida como A Freixa

 
     
     Seguindo pola costa desde Combarro en dirección a Campelo, e xusto antes de chegar a esta última poboación, atópase unha cala chamada precisamente Caleta da Freixa, onde desemboca o río Cancela.

 
   
     É precisamente ao longo do leito deste río onde se atopan un total de nove muíños de auga, sete dos cales foron obxecto de rehabilitación por parte do Concello xunto con outros organismos como o Proder. Este proceso de rehabilitación serviu igualmente para o acondicionamento dunha zona adxacente de ao redor de 2 hectáreas, que corresponde ao tramo existente entre a desembocadura do río Cancela e o muíño chamado da Casanova ou Casagrande.

 
     
     Hai que destacar tamén a recuperación íntegra dun dos muíños desta zona. Trátase do denominado Muiño de Arriba, que pertence a un grupo de muíños na marxe dereita do río, e que foi totalmente rehabilitado, incluíndo os mecanismos de rotación e de trituración, así como as pezas e elementos complementarios. Este muíño estaría listo para a súa posta en funcionamento e con capacidade real para moler.

 
     
     Todas as edificacións actuais dos muíños están compostas dunha soa planta, aproximadamente rectangular, de superficie en torno aos 6x4 metros, cun único espazo ou estancia. Os muros (todos exteriores) son de cachotaría de pedra, duns 60 ou 70 cm de espesor.

 
     
     Ao comezo da ruta, aproximadamente a 100 m da desembocadura do río Cancela, atopámonos cun primeiro grupo de catro muíños, os denominados Muiños da Freixa. Este grupo está composto por tres “muíños irmáns” que toman o seu nome da súa situación: Muiño de Arriba, Muiño do Medio e Muiño de Abaixo, os tres situados na beira dereita do río. O grupo complétase co Muiño da Banda, denominado así por estar situado na outra “banda”, é dicir, na beira oposta. Este muíño culmina nunha pequena fervenza de gran beleza.

 
     
     Continuando río arriba, tras camiñar por carreiros ou camiños de carro e pasando vides, ameixeiras e arbustos cargados de amoras silvestres, atopámonos a medio camiño da nosa ruta. Aquí, no centro dunha zona de pradeiras ideais para actividades agrícolas, aparece o Muiño da Bufa. Ten unha fermosa canle duns 40m de lonxitude cun carreiro enlousado que discorre paralelo ao mesmo.

 
     
     Sen parar de ascender seguindo o curso do río Cancela, chegaremos a unha zona con máis árbores e desniveis máis pronunciados, onde destacan o Muiño da Gramalla e o Muiño da Casanova ou Casagrande.

 
     
     En Galicia son bastante habituais este tipo de conxuntos situados ao longo do leito dun río ou regueiro, o que evidencia a grande importancia que tiveron no seu tempo estes enclaves como fonte inesgotable de enerxía. Este conxunto de grande interese etnográfico ten un valor engadido, e é que se enmarca ademais nun espazo natural que invita ao descanso e a longos paseos polos arrededores, e que se presta a unha gran variedade de actividades de lecer moi recomendables para toda a familia.

 


VIDEO
MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901