lunes, 8 de octubre de 2012

MOZAS ENCANTADAS DE TEIXIDO


MOZAS ENCANTADAS
DE
TEIXIDO 
LENDA







     Indo polo camiño do cemiterio chégase a onde está “A Pena do Encanto”, onde hai unha doncela encantada que chama a atención pola súa fermosura, “cun pelo tremendísimo”. Tódolos anos, odía de San Xoán, sae ó raiar o sol e faise visible coa esperanza de que pase algún mozo disposto a desencanta-la. Naturalmente a cousa non é doada, porque así como o mozo se vai achegando, a doncela perde a fermosura ós ollos de quen a mira e acaba converténdose nun monstro repugnante e espantoso. 


     O valente que ouse matar ó monstro desencantará á doncela, coa que poderá casar e tamén gozar dos tesouros da súa esposa, que son moitos pero, polo de agora están tan encantados coma a súa dona.

      Contan tamén que no Coto dos Fondais hai varias mozas encantadas. Para velas hai que ir tamén o 24 de xuño, que é cando se ven os encantos.
 
      Un día un pai mandou ó seu fillo á leña para a larada se quería ir á festa. O rapaz madrugou a mañá de San Xoán e foi buscar a leña ó Cotodos Fondais. Estaba o rapaz recollendo na leña cando, de súpeto, viu unha moza fermosísima que estaba á fronte dunha tenda chea de alfaias. Sorprendidísimo quedou o mozo diante da inesperada aparición e atentamente contemplaba o que na tenda había ata que á fin díxolle a moza:
 
      -Ben, de todo o que hai aquí ¿Que é o que máis che gusta?
 
      O rapaz fixouse nunhas fermosa tixeiras con xoias engastadas e contestou:
 
      -As tixeiras.
 
      Entón a doncela enrabechada exclamou:
 
      -¡ Con elas che saquen a vida!-Xa que a resposta non fora a axeitada.
 
      O que tiña que dicir é que era ela, a moza o que máis lle gustaba de canto vía.
 
      Fuxiu o rapaz a todo correr e nin a leña levou para a casa.
 
      A moza segue, o mesmo cás súas compañeiras, encantada no Coto dos Fondais. Supoño que agardando outra oportunidade.
 
      A razón pola que hai doncelas encantadas nos arredores do santuario non é outra que, sendo estas fillas de nobres familias negáronse a aceptar os maridos que lles estaban destinados. Por tal desobediencia foron encantadas e, dende tempos que xa nin se acordan, seguen na mesma situación agardando o día no que sexan liberadas. Se é que chega.



SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901