domingo, 7 de octubre de 2012

A NOITE NA CULTURA GALEGA - CRENZAS


A NOITE
NA
CULTURA GALEGA 
CRENZA 
 
     
     Para o home do rural a noite  é o ámbito poboado de espíritos benéficos ou malévolos, ós que ama e respecta e teme e anoxa, concedéndolles influxo favorable ou adverso sobre a vida e os destinos. As sombras da noite, coa súa escuridade, contribúen a enche-lo maxín aldeán de acontecementos misteriosos, de aparicións fantásticas, de visións terroríficas e de supersticiosas crenzas.  


     
     Pola noite realizan as súas excursións e aventuras pola terra o tardo e o canouro; xorden polas corredoiras o trasno, a pantasma, a Estadea e a Santa Compaña; abandonan os escondedoiros os negrumantes e as lumias, todo o que constitúe, en fin, o mundo sobrenatural da mitoloxía popular. 




      A falta de luz poboa de misterio as fragas, os lagos, o aire e os camiños. Así se explica o culto á lúa, considerada benfeitora, porque cos seus reflexos esvaece un tanto as tebras e os terrores. Por iso, nalgunhas partes aínda as nosas xentes cren que a noite é para os mortos, como o día o é para os que viven; e, por iso, sen dúbida, segue a ser a noite o símbolo da morte.  



     Na cultura galega hai unha noite na que parecen realizarse tódalas marabillas: a noite de San Xoán. Nesta noite acéndense nas cidades, vilas e aldeas as tradicionais lumeiradas, arredor das cales canta a mocidade, baila e brinca por riba das chamas; pasan logo os gandos para que reciban o orballo de San Xoán, cando xa as fogueiras esmoreceron, facendo que as redes reciban o remol aínda fumegante; póñense ó relento herbas e plantas recendentes, mergulladas en auga, e nesta auga sanadoira lávase á mañá seguinte toda a familia, na crenza de ver curadas as erupcións do cute que padecen; tómanse ás doce da noite as nove ondas do mar polos que viven preto; non poucas persoas acoden á praia máis próxima , malia teren que percorrer unha distancia de dúas a tres légoas para recibi-las salutíferas ondas; chimpándose nove veces ó río os ribeiráns do Miño ó dálas doce da noite, cren que esas ablucións lles serán beneficiosas.  




      As mozas solteiras botan a clara e a xema dun ovo nun vaso con auga, que poñen ó relento para observar ó saí-lo sol as formas caprichosas que adoptou o contido e deducir diso a profesión ou oficio que terá o desexado noivo ou o futuro esposo; hai quen cre que as meigas aproveitan a noite de San Xoán para dirixirse polos aires ós seus conciliábulos de Sevilla ou do noso areal de Coiro; e tales virtudes salutíferas e purificadoras teñen as augas nesta noite única, que tamén posúen facultades prolíficas para a moza que acade collela flor da auga fría. 



     En non poucas aldeas galegas moitas persoas adoitan madrugar para ver por un cristal afumado como o sol nace bailando na madrugada dese día vizoso en prodixios. A mocidade das aldeas, aproveitando as sombras, dedícase a cambiar de sitio e saca-las cancelas dos seus gonzos, os carros, os apeiros de labranza e tódalas ferramentas que poden levar duns sitios a outros máis ou menos afastados; deste xeito aparecen pola mañá na eira dun veciño o que estaba recollido no alpendre doutro; e así trasladaban á Veiga vella os efectos dun veciño da Veiga nova; e aínda atrancan as portas de moitas casas para que os moradores non poidan saír doadamente delas.



     Nas poesías dos trobadores medievais fanse referencias adoito a estes costumes que xa entón eran propios de noite e de día tan sinalados.






 
XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901