viernes, 12 de octubre de 2012

XESTA

XESTA


 



     A xesta é unha planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.

     Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes que corresponden a distintas especies que se citan a continuación, aínda que, como veremos, repítense os nomes para especies diferentes.

  • Cytisus scoparius (L.) Link: xesta negra, xesta das vasoiras; xesta brava. Sinónimos en desuso deste nome específico son Sarothamnus scoparius, Wimmer ex Koch ou Spartium scoparium, Linn.
  • Cytisus striatus (Hill) Rothm: xesta, xesta branca, xesta de vasoiras, xesta fémea, xesta mansa, xesta molar, xesta moura, xesta negra.
  • Cytisus multiflorus (L'Hér.) Sweet: xesta branca.
  • Genista sp: xesta (G. micrantha); xesta das brañas (G.berberidea); xesta branca (G. florida); xesta pudia, pudia, piorno (G. florida).


 

    
     É nativo da Europa Occidental e da central, que se extende desde o Norte da Península Ibérica até as Illas Británicas e a Escandinavia meridional, e polo Leste continental até a Polonia e Romanía, onde se pode atopar en sitios soleados e tamén umbrosos, polo normal sobre solos secos e silíceos e a baixas altitudes; porén, pode resistir temperaturas de até -25º C.


     Foi introducida noutros continentes, nalgúns dos cales é considerada como unha especie nociva e invasiva, así en California e o Noroeste do Pacífico nos Estados Unidos de América e en Nova Celandia. O rápido medre desta especie entre árbores, no momento da reforestación, inhibe a medra dos plantóns, pois compite con este. En Oregón estímase que a xesta é responsábel da perda duns 47 millóns de dólares na produción de madeira cada ano por esa causa. Nalgunhas zonas afectadas tentáronse métodos de control biolóxico, usando algúns insectos que se alimentan da xesta como a Arytainilla spartiophylla, o escaravello Bruchidius villosus, e unha avelaíña, a Leucoptera spartifoliella.

 
     
     A xesta atinxe unha altura de 1 a 3 m, e incluso até 4 m. As ramas principais poden acadar un diámetro de 5 a 10 cm. É un arbusto moi ramificado, con talos verdes angulosos, de pequenas follas caducas, simples e lanceoladas ou ben compostas e trifoliadas, que miden de 5 a 15 mm de longo.

     Na primavera, recúbrese enteiramente dunha multitude de flores amarelas olorosas, duns 15 a 20 mm de ancho e entre 20 a 30 mm de longo, que en pouco tempo deixan ver os estames. No final do verán, as vaxas oblongas, de 2 a 3 cm de longo, 8 mm de ancho e 2 a 3 mm de espesor, vóltanse negras, estoupan con ruído seco e espallan as súas sementes arredor da planta nai.

     É unha planta tóxica para o ser humano, mais non para o gado. A cortiza era usada para curtido de coiros e para a fabricación de cordas e vasoiras; as varas, preparadas, foron usadas como aguilladas para arrear o gado. Tamén se utilizou na elaboración de teas de iluminación.

    Foi tamén usada, en lugar do colmo habitual, en zonas montañosas para cuberta de vivendas xa que repele o paso da auga e permite a transpiración dos fumes que se producen no interior das construcións. En Francia é aínda posíbel atopar casas con ese tipo de cuberta na alta Ardèche e en Lozère.

 


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901