martes, 6 de septiembre de 2016

FESTA DO MEXILLÓN - CABO DE CRUZ

 FESTA DO MEXILLÓN
CABO DE CRUZ
BOIRO


 O Mexillón convertiuse no gran protagonista en Cabo De Cruz.

 
     A Exaltación do Mexillón de Galicia celebrouse esta fin de semana por décimo quinto ano consecutivo en Cabo de Cruz. 



     Moitos temían que este ano se precipitase a afluencia ao non coincidir coa regata de traiñeiras, mais resultou todo un éxito. 


     O molusco serviuse por toneladas e estiveron a piques de esgotar existencias, a pesar de ser empregados 4.000 quilos de bivalvo para a súa elaboración.


     Fronte á lonxa de Cabo de Cruz reuníronse centos de persoas co propósito de saborear o mexillón da ría de Arousa a través de catro receitas preparadas polo chef Miguel Mosteiro. 


     Nesta ocasión, ademais dos mexillóns ao vapor e como recheo de empanadas, serviuse tamén unha ensalada a base do molusco con picatostes, aliño e noces, así como un humus de garavanzos e mexillón. Este último acabou converténdose no prato estrela.


     Para moitos resultou unha tarefa bastante complicada atopar unha mesa libre de cara ao mediodía, pois a carpa estaba chea. De feito, calcúlase que ao longo da xornada acudiron a esta festa gastronómica máis de tres mil comensais. Para atendelos, un equipo dunhas trinta persoas estivo traballando desde as 08:00 da mañá co obxectivo de deixalo todo listo e dar saída ás máis de 1.400 bandexas que se distribuíron.


     A inauguración deste evento tivo lugar o domingo a partir das 12:30 do día. Alí estiveron presentes o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, o director xeral de Pesca, Juan Maneiro, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, entre outras autoridades.


      Mais a cita arrancou xa na noite do sábado coa repartición de oitocentas racións de paella que invadiron as mesas dispostas na explanada do porto crucense.


     O Concello de Boiro organizou esta festa coa colaboración da Deputación e o respaldo da denominación de orixe de Mexillón de Galicia, así como das asociacións locais A Marxa, Amebarraña e Virxe do Carme.


Cabo de Cruz
     Cabo de Cruz é unha localidade marítima da parroquia de Castro, parroquia foi constituída no 1929, situada no Sur do Concello de Boiro pertencente á Ría de Arousa. Nos últimos anos o descenso poboacional foi notable, chegando a ter antes do 1999 un número de habitantes de preto de 3.00.



Monumentos
     Ten dúas igrexas, a Capela do Carme, preto do porto e construída no 1960, e a Igrexa do Castro, máis grande que a anterior e que é a igrexa parroquial, do século XVII.



     Canto ó seu patrimonio arqueolóxico, destacan o Castro do Achadizo, o Castro da Jurita e mais os Fornos de Pedra Rubía. Cómpre salientar así mesmo os cruceiros de Romarís e o da Aldea de Arriba, e os hórreos de Romarís e de Carreró. 


     No que se refire á construción civil, destaca pola súa antigüidade a Torre dos Canónigos no lugar de Piñeirón, que se cre que foi construída na mesma época que a Torre de Goiáns, entre o século XV e XVI. Sufriu diversas remodelacións co correr do tempo. Tamén cómpre citar a Granxa do Esteiro, con escudo brasonado.


Economía
     O marisco, parte importante da economía crucense



     A maioría da poboación traballa no mar. O porto de Cabo de Cruz está en fase de expansión debido a grande actividade marítima que rexistra. O sector marisqueiro, coa extración de diversos bivalvos é o sustento dun número importante de familias. Por outra banda tamén está o sector do cultivo de mexillón en bateas (sector maioritario), e o sector conserveiro e transformador de produtos do mar.


     O turismo é un sector dada a calidade recoñecida de praias como a de Carragueiros ou a Retorta, que dispoñen da Bandeira Azul e mais da Q de calidade, amais de outras como Ladeira e a Ribeira Grande ou pequenas calas da costa crucense.


Cultura e deporte
     No eido da fotografía destacar a Suso Torrado.



     Ten un club de remo: o Club de Remo Cabo da Cruz, fundado en 1979, que participa na liga ACT e con diversos premios no seu haber. En fútbol, existe o equipo incialmente chamado Cabo de Cruz S.D., club fundado en 1970 que mudou o seu nome a S.D. Valiño - Cabo de Cruz en 1992.


     En piragüismo destaca o crucense Andoni Larrauri, quen comezou a súa andaina no Clube Morcego e conta con títulos como o de subcampión de España en K-1.


Festas
    Festa de San Xoán: festa que se celebra o 23 de xuño e que está en fase de recuperación.
    Festa do Carme: festa que se celebra o 16 de xullo, cunha importante tradición no tocante á procesión marítima, e de sona na bisbarra do Barbanza, contando con diversas actividades.
    Romaría do Castro: celébrase os días 5, 6, 7 e 8 de setembro. Son as festas parroquiais e celébranse dende o nacemento da parroquia do Castro.
    Exaltación do Mexillón: celébrase no mes de agosto, é unha festa de carácter gastronómico.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901