FERVENZA DA GRAÑA
A MADANELA
A GRAÑA
FORCAREI
PONTEVEDRA
A Terra de Montes ten
de todo coma en botica
bos canteiros, bos gaiteiros
e bos cregos para dicir misa
Quizais non haxa outra maneira tan sinxela de definir a esta terra, na
que sempre conviviron, conxunta e inseparablemente, o amor pola pedra
labrada, a vida relixiosa xurdida do mosteiro de Aciveiro e as
tradicionais romarías, animadas polos máis avezados gaiteiros.
Santa María de Madanela
Esta parroquia conta tamén cunha importante riqueza arqueolóxica, da
que cabe salienta-lo castro de Sanguñedo, de forma case elíptica e con
fortificacións anexas de considerable tamaño.
Da Madanela tamén proceden dous urcéolos de época romana que se
conservan no Museo de Pontevedra e nun dos cales figura a inscrición
epigráfica AQUILI / DLT. Existen ademais restos dunha necrópole no lugar
coñecido como a Braña dos Mouros, onde apareceron tégulas e laxas de
pedra traballada.
De notable interese resulta tamén a igrexa parroquial, obra de vangarda
legada polo talante altruísta do constructor Alfredo González Barros,
que posuía unha casa de estilo modernista no mesmo pobo de Soutelo de
Montes, erguida no ano 1931 por Manuel González Barros, coa curiosa
característica de te-los azulexos elaborados a man un a un por artesáns
portugueses nos anos 30.
Non se pode esquecer, na visita a Soutelo, o monumento ós Gaiteiros
sito na praza tamén consagrada á súa lembranza, no centro do núcelo
urbano, en fronte do Parque Venezuela, onde se pode ollar un mapa da
Terra de Montes tallado en pedra pola Escola de Canteiros.
Serra do Candán
No corazón da provincia de Pontevedra agáchase un dos recantos
paisaxísticos máis fermosos de Galicia. A Serra do Candán, liña natural
entre os concellos de Silleda, Lalín e Forcarei, é lugar de visita
obrigada para os amantes da natureza no seu estado máis puro.
As paisaxes que compoñen os arredores da Serra do Candán crávanse para
sempre na retina do que os visita. Presidindo a Comarca de Terra de
Montes érguese esta cadea montañosa que baixo a súa rexa aparencia
protexe ó concello que a acolle: o de Forcarei. Territorio de riqueza
ecolóxica e de fértiles terras gracias sobre todo á magnanimidade do río
Lérez.
Son múltiples os camiños polos que paga a pena perderse para chegar a
descubrir recunchos fascinantes. Agora súmase a todos eles o trazado
dunha nova ruta verde que quere levar a cabo a Xunta de Galicia. Gracias
a ela o camiñante poderá coñecer marabillosos lugares sitos entre o
Mosteiro de Acibeiro e a Serra do Candán.
Pero antes de que se leve a cabo esta iniciativa, o visitante debe
saber que son varias as rutas que o conducen a través destas paraxes.
Entre elas a ruta das pontes do Lérez é unha das máis coñecidas pola fermosura das paisaxes polas que discorre.
Non queda atrás a ruta que comeza no mosteiro románico de Acibeiro,
construído no século XII e que chegou a ser un dos mosteiros máis
importantes da zona.
Esta ruta esténdese ó longo de once quilómetros transcorrendo por
lugares cheos de encanto como Masgalán, o cumio de Seixiños Brancos,
Porto Candán ou as aldeas de Grobas e Bustelos.
En espera, polo tanto, de que o ansiado proxecto da Xunta sexa levado a
cabo, paga a pena deixarse caer nestes días de outono por unhas
paraxes, especialmente belas nesta época do ano.
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
Fantastico blog. Solo quería aclara que as fotos que aparecen aquí non se corresponden coa fervenza de Graña, senon que son da pequena fervenza que está ó lado do encoro. Se seguimos o curso do río atopamonos coa fervenza ou freixa da Graña, de máis altura.
ResponderEliminarGracias
ResponderEliminar