IGLESIA DE SANTA MARÍA DE BERMÚN
BERMÚN
CHANTADA
Estamos diante doutro dos múltiples exemplos de arquitectura románica no concello de Chantada.
Temos constancia de que o seu nome primitivo foi “Beremundus”, termo que se cre provinte do visigótico. Co transcorrer dos anos pasou a denominarse “Bermudus” evolucionando con posterioridade cara “Bermuy”, topónimo co que aparece citada nun codio datado no ano 1223.
En canto á titular desta freguesía argumentar que a mesma sufriu unha precoz cristianización nos escuros anos da Alta Idade Media.
En termos históricos subliñar que esta edificación pertenceu, ata época bastante recente, ó arciprestado de Castro Bermún aínda que un reaxuste rexional agregouna ó de Navego; con este feito o nome do arciprestado foi trocado polo de Castro Carballedo.
Agás a parte superior do frontis, que presenta diversas modificacións, esta igrexa ten traza totalmente románica. Dunha soa nave, presenta teitume de madeira a dúas augas reforzada a tella exterior por unha estrutura de uralita sen ningún tino artístico.
No interior, podemos observar como o pavimento se atopa lixeiramente máis elevado que o primitivo; este feito referéndase ó ollar as bases do arco triunfal que se atopan un pouco soterradas.
Dito arco presenta columnas adosadas nunha orde amais de diversos capiteis historiados; destaca un deles que recolle a figura de Sansón loitando contra uns leóns. A ábsida, de sección rectangular, tamén presenta unha teitume de madeira a dúas augas e ten unha sancristía adosada ó alzado norte.
Neste lugar atópase un pequeno tesouro; falo dunha cruz antefixia que descansa sobre un “Agnus Dei” cuxo emprazamento orixinal foi o testeiro da ábsida.
A maior xoia artística de Santa María de Bermún esta sita no tímpano da porta central de acceso ó templo que, a diferenza do habitual, está formado por tres pezas.
O mesmo recolle a figura dun neno que presenta unha cabeza desproporcionada en relación co seu corpo; á súa esquerda sitúase un cordeiro ergueito sobre as súas catro patas e á dereita un entrelazo esquemático.
Esta decoración máis que esculpida aparenta estar incisa.
Todo este conxunto aparece enmarcado por un arco que descansa sobre columnas apoiadas nunha soa orde. As mesmas presentan uns capiteis de cuadrúpedes e follas con cabeza humana.
En canto a datación dicir que Ángel Castillo sitúa este templo na segunda metade do século XII aínda que as afinidades que esta igrexa ten ca obra do mestre Pelagio, que Izquierdo Perrín sitúa nos capiteis do arco triunfal, levan a situar esta obra nos derradeiros anos do século XII.
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: Concello de Chantada
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901