domingo, 13 de octubre de 2013

JUAN DE JUANES - CONTO

JUAN DE JUANES
CONTO

 Iglesia de Estacas

     Xa hai moito tempo había un vello crego na parroquia de Troáns, no concello de Cuntis (Pontevedra), máis coñecido pola súa tacañería que polas virtudes cristiás.

    Era pola Coresma, e a caixa de caudais da rectoral estaba ateigada de cartos procedentes do cobro das bulas, que algunhas familias podentes pagaran para eludir a prohibición de comer carne. 

      Chegou un día en que o cura, a pesar da obsesión que tiña por contar os cartos todas as noites antes de deitarse, coidando que o diñeiro non estaba demasiado seguro na casa, resolveu que conviría levalo o antes posíbel para Compostela. O sancristán da parroquia, Bieito do Folgar, alertou ao señor cura da presencia na zona de Vea dun grupo de bandoleiros liderados por un sonado bandido asturiano coñecido como O Fabián. A pesar da insistencia de Bieito de levar o diñeiro nun coche de cabalos, o crego xulgou máis discreto e económico que un pequeno grupo de veciños os levasen a pé aquela mesma noite.


 Iglesia de Estacas

      Seis homes saíron a iso da media noite. Dous deles eran da Hervés, un da Sobrada e o resto de San Ildefonso. O que levaba o fardo era un tal Xan García, un home honrado e cabal, moi respectado en toda a bisbarra. 


      Despois dun bo percorrido, cando xa estaban chegando á Ramallosa, viron achegarse ao lonxe a dous homes de hábito, e pensaron que serían romeiros de regreso á súa terra. Cando chegaron a onda eles, o máis vello, un home de barba branca e un pouco rubio de cara, faloulles deste xeito:


      —Boas noites, meus señores, desculpen que os interrompa pro ¿importaríalles dicirme a onde se dirixen nunha noitiña tan fresca?


      —Por suposto que non. Somos veciños da parroquia de Troáns, aló en Cuntis, e imos a Santiago por encarga do noso abade, a levar o diñeiro das bulas —respondeu Xan confiadamente.


      -Home, pois precisamente eu son Carlos Bernal, coengo do Bispado de Santiago, e este home que me acompaña é persoa de confianza da nosa institución. O propio bispo mandou que viñesemos ao seu encontro e que nós mesmos levasemos, como é costume, eses cartiños tan necesarios para a causa cristiá.


      Ao escoitar Xan ao bondadoso vello non dubidou un instante.


      —Tomen, pois, señores os cartos que a mellor recaudo estarán nas súas mans, e ademais así aforraremos un bo treito de camiño. Mais supoño que me darán vostedes algún recibo, pois o noso crego é home moi severo para estas cousas das contas.


 Capilla de San Idefonso - Troans

      —Non faltaría máis —dixo o tal Bernal— Por certo, ¿sabe algún de vostedes ler?


      —Non, señor.


      —Cada ves millor... ¿E como se chama vostede? —dixo Bernal collendo un papel e facendo nel unha anotación.


      —Chámome Xan García. Son home de moita sona na miña terra, como tamén o foi meu pai e máis o meu avó, que tamén levaban o mesmo nome. Saiba que aló en Troáns pode contar comigo para todo aquilo que precise...


      Xan colleu a nota e regresou camiño de Troáns coa satisfacción do deber cumprido. Ao chegar á rectoral e contarllo todo ao abade este, encarnado de ira, púxose a berrar como se toleara.


       —¿Que fixeches, papán? ¡Se eu non tiña avisado a ninguén en Santiago de que iades aló! ¡Déixame acá ese recibo!


     O crego caeu ao chan esvaecido cando leu o papel, que dicía: Juan de Juanes, de la parroquia de Troanes, dio el dinero de las bulas a dos malandranes.
 
Capilla de San Idefonso - Troans
MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901