viernes, 27 de enero de 2017

O MARQUESADO - BROCOS - AGOLADA

 O MARQUESADO
BROCOS
EMBALSE DE PORTODEMOUROS
AGOLADA


Brocos
     San Miguel de Brocos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Agolada. 


     Segundo o IGE en 2013 tiña 62 habitantes (36 homes e 26 mulleres) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando contaba con 124 habitantes.


Patrimonio
    Igrexa de San Miguel de Brocos.
    Capela de Santa Cruz.


Lugares de Brocos

     Barrio, Brocos, O Bugallal, O Marquesado, A Ponte, Quintela



     Agolada é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á Comarca do Deza. Segundo o IGE en 2015 tiña 2 585 habitantes (3 875 en 2003). O seu xentilicio  é agoladés ou aqualatense.




Xeografía
     Agolada está situado no centro de Galicia, na punta nordeste da provincia de Pontevedra, entre o río Arnego, a serra do Farelo e o río Ulla. O concello limita cos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla (provincia de Lugo), Santiso (provincia da Coruña), Rodeiro, Lalín e Vila de Cruces.



     O monte Farelo, con 952,6 metros, e situado na serra do Farelo, é o punto máis alto do concello. O río Ulla, que fai de límite norte do concello, é o principal curso fluvial. En Brocos úneselle o río Arnego antes do comezo do encoro de Portodemouros. O seu outro afluente principal é o río Deza.


     Ten clima é oceánico interior, co inverno suave e o verán fresco. As precipitacións anuais son de 1 290 mm.


Demografía
     Censo total 2015

     2 585


Toponimia
     Segundo Fernando Cabeza Quiles o topónimo procede do latín, combinando os lexemas aqua, aquae, "auga" e mais latus, lata, latum (supino do verbo fero, fers, ferre, tuli, latus, "levar"). Así o significado de Aqua Lata sería "auga levada", debido ás conducións hídricas que traían auga doutros lugares. 

  

     O erróneo desagregamento como *A Golada procede da súa interpretación como locución artigo + substantivo, supoñéndolle na etimoloxía popular un derivado de golada ou golete (unha indumentaria medieval), con posible influencia posterior do barbarismo "La Golada".


Historia
     Consérvanse importantes pegadas correspondentes ao Megalitismo pertencentes ao período do 3000 ao 1800 a. C. Estas terras están cubertas de mámoas das cales sobresae o Tesouro de Agolada atopado nunha mámoa do Campo do Xastre, na parroquia de Ferreiroa, e que na actualidade áchase no Museo Provincial de Pontevedra. Este tesouro está formado por dous brazaletes e un torque de ouro; unha louza con gravados en zig-zag, atopada en Coteimil; dúas mazás de pedra puída en Lamas (Trabancas).



     Os campos de túmulos máis salientábeis áchanse en Pereiro en Agra, Monte Luxilde en Artoño, Monte da Carballeira en Berredo, Campo da Mámoa en Brántega, e noutros lugares como Eidián, Esperante, Vidueiros, Ferreiroa, Gurgueiro etc.


     Tamén hai abondosos castros neste concello. Sobresae o Castro Marcelín, situado na parroquia de Merlín, posuidor de mámoas, covas, tesouros e unha lenda sobre a raíña Marcela. A lenda di que nel habitou unha raíña chamada Marcela ou Marcelina, de aí o nome do lugar, e que agochou un tesouro tras dunha porta de pedra e das consabidas trabes de ouro, prata, piche etc. Outros son o Castro do Coto dos Mouros, en Trabancas; o Castro de Vilela, en Borraxeiros; o Castro de Buxel, en Artoño; o Castro de Brocos...


     Neste concello atopouse unha machada con dúas argolas de bronce no Monte Farelo, en Trabancas, pertencente á Idade de Bronce.


     Desde o século VI, Agolada pertenceu ao Condado do Deza e até o século XIV pertenceu aos Condes de Deza, cando pasou aos Suárez de Deza, máis coñecidos como os Churruchaos. Máis tarde, estas terras pasaron a mans do Conde de Lemos, Pedro Enríquez de Castro.


     Constituíuse como concello trala caída do Antigo Réxime. A capital estivo situada na Guillerma (parroquia de Borraxeiros), até que pasou ao lugar de Agolada, na parroquia de Ferreiroa.


Patrimonio
     Atópanse numerosos restos do Megalítico, como o monte das Mámoas, o Tesouro de Agolada, así como machados de pedra. Hai dous castros notorios, o castro de Buxel e o castro de Marcelín.



     No Monte Farelo hai constancia da existencia noutro tempo dunha capela chamada de San Silvestre. Atópanse varias construcións notorias, aínda que en certo estado de ruína, como a fortaleza dos condes de Borraxeiros, do século XVI, a torre dos Vilar de Ferreirós, a casa de Quintela dos Arias Loureiro e a casa dos Traspenas.


     Na vila de Agolada consérvanse os pendellos da feira, que se celebra o día 12 de cada mes.


Algunha das igrexas do concello:
    Igrexa de Ventosa.
    Igrexa de Ferreiroa.
    Igrexa de San Andrés de Órrea.
    Igrexa de Berredo.
    Igrexa de Ramil.
    Igrexa de Vilariño.
    Igrexa de Santa Comba.
    Igrexa de Brántega.
    Igrexa de Santa María de Val de Sangorza.



Economía
     A economía do concello é eminentemente agraria, sector no que se ocupa o 60% da poboación. As terras máis fértiles, que se dividen en parcelas de tamaño medio superior ao doutras zonas de Galicia, atópanse no fondo dos vales, onde a pendente é menor, a uns 300 m. de altitude. Ademais da agricultura de autoconsumo (millo, hortalizas, centeo e vide), comercialízanse noces, castañas, patacas e trigo.



     Nas últimas décadas aumentou a cabana gandeira, especialmente vacas e porcos. Existe unha incipiente industria de transformación da madeira (serradoiros).


Festas
     As Festas Patronais de Agoladas, na parroquia de Ferreiroa, son o 30 de xuño, festividade de San Pedro. Todos os días 12 de cada mes celébrase Feira, tanto de gando, coma de alimentación, téxtil, ferramentas etc. Amais, previa á Feira do 12 de agosto celébrase a Romaría Medieval, e o día 11 de agosto acompañada da Mostra de Artesanía. Outra festa salientábel en Agolada é A festa dos chofers que adoita celebrarse na derradeira fin de semana do mes de xullo.



Feira
     As primeiras pegadas da Feira son as celebradas en Chaos de Aián, ao pé do Monte Farelo, pasando a Agolada por xestións realizadas polo entón escribán Don Ramón Barrio de Losada no ano 1788. 



     Na actualidade presérvase un monólito de pedra adicado a Constitución da Vila, situado na Rúa da Constitución. Hoxe o novo mercado, de rexistro comarcal, substitúe as funcións do vello Campo da Feira onde gandeiros de toda Galicia acoden todos os días 12 de cada mes, o cal considérase coma un dos máis importantes de Galicia. Aquí é onde se realiza a Romaría Medieval e a Mostra de Artesanía o día 12 de agosto de cada ano.


A comarca de Deza
      A comarca de Deza é unha comarca da provincia de Pontevedra e a súa capital é Lalín. Pertencen a ela os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. 



     A súa poboación é de máis de 40.000 habitantes. O Deza coincide coa antiga comarca de País do Deza, isto é, as xurisdicións de Deza, Camba, Dozón, Trasdeza, Carbia e Valquireza.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA


2 comentarios:

  1. En Palas de Rei, parece que hai un castro nun lugar chamado a Estrela.
    Sabedes algo destesitio?
    Haberá algun dolmen ali?
    Saudos

    ResponderEliminar

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901