lunes, 23 de enero de 2017

CASTRO CANDAZ - CHANTADA - LUGO

 CASTRO CANDAZ
CHANTADA
LUGO


 O Castro Candaz
  O Castro Candaz non é un vestixio máis, a súa importancia e peso histórico foi moita nos primeiros anos do devir de Chantada e así o consideraron romanos, reis e familias nobres da comarca. 



     Reafirma este dato o feito de que fose considerado gran Casa de Galicia. 


     Hoxe en día atópase anegado pola augas do Miño debido a construción do encoro de Belesar, pero de vez en cando, en época de seca, aínda podemos admirar esta marabilla histórica e natural.


     O emprazamento do Castro Candaz resulta bastante curioso. Ó contrario que os seus irmáns, atópase nun lugar de visibilidade limitada e bastante arredado de calquera núcleo de poboación. Falamos dun monte cónico, case que regular e que se atopa delimitado en tres zonas por correntes fluviais entre as que destacan o Miño e o Enviande, este último afluente do primeiro. Esta construción sita na parroquia de Santa Eulalia de Pedrafita ten a súa entrada polo Poñente, único lugar libre que deixan as augas. Tras este lugar de acceso, atopámonos con tres mesetas cuxa disposición nos mostra, así o testemuñaba Formoso Lamas, que cumpriron unha función a modo de defensa natural diante de posibles invasores. 



     As mesmas dedícanse na actualidade ó cultivo do viño pero no pasado puideron ser utilizadas como patios por onde se introducía a cabalería e tamén, onde se concentraba a xente para defender o Castro. 


     No resto dos puntos Candaz, dada a súa forma cónica e por estar rodeado de auga, debeu de ser inexpugnable, feito que se reafirma cos restos de murallas aparecidos (unha delas posuía unha altura de 2,10 m . de alto).


      Esta península natural foi morada de nobres habitantes. Destacan os romanos que alí construíron unha fortificación pero, por que neste lugar? Os descendentes de Rómulo e Remo tiveron unha acreditada sona de invasores e fustrigadores pero en Chantada, como noutros sitios, víronse acosados e atacados polos naturais da comarca. 



     Diante desta situación, os romanos pensaron nun lugar para defenderse das acometidas nativas e,  que mellor sitio que Candaz?, ningún e alí se instalaron. 


     Este castro foi solar da nobre liñaxe dos Cambero que segundo relata unha antiga tradición, foron proxenitores das afamadas liñaxes dos Camba e dos Taboada. Dise que no lugar os romanos mandaron erguer, por orde dun capitán chamado Gelión Cambero , un castelo que co tempo se había de converter en cabeza de varios outros da rexión e de moitos dos seus señoríos. Parece ser que este capitán era descendente de nobres patricios de Roma, como tamén o foi Lucio Cambelio Cándido.


      Nas historias da época coméntase que este último foi nomeado capitán en Galicia en tempos dos Cónsules Lucio Licinio e Caio Casio. Nunha das súas obras, Paulo Osorio fainos mención del comentándonos que aínda que a súa residencia estaba sita en Lugo, achegábase temporalmente ata o Castelo do Castro Candaz. Do mesmo tamén foi señor don Lupo Cambero Candad , unha extraordinaria personaxe histórica da que se dí que nun tempo foi o cabaleiro máis poderoso de toda Galicia. Casa coa doncela Marcelina Ruis Tenorio de Villalobos que tiña por proxenitores ó gran cabaleiro Pedro Ruis Tenorio de Villalobos e a María Osorio Carrillo; estes a súa vez eran señores da casa de Villalobos a cal está moi preto da cidade de Astorga. Don Lupo posuía acreditadas habilidades militares e conta a historia que con bastante frecuencia ía acompañado dos seus vasalos na loita contra dos árabes. Tamén se sabe que foi un fiel escudeiro do rei don Pelaio a quen prestou axuda na reconquista de Asturias, de parte de Galicia e da cidade de León. 


     Como recompensa a tan valiosa axuda, o primeiro dos monarcas astures concedeu (ó igual que a outros fidalgos galegos) diversas honras a Lupo Cambero entre as que se atopan: o señorío do Castro Candaz e a súa terra, o das montañas da terra de Camba, o do castelo de Rodeiro e o da terra do Arnego, coas súas montañas ata Horbán; ademais distes bens don Lupo recibiu o señorío do alfoz de Arcos, coa súa torre forte e os seus portádegos e lugares e o padroado dos beneficios eclesiásticos co título de señorío. Todo o comentado acerca desta personaxe aparece reflectido na Crónica de don Pelayo e nun Privilexio existente no Arquivo de Simancas amais de no da Catedral de León.


      Ós romanos sucedéronlles unha familia nobre con acreditada presenza en terras da comarca de Chantada, os Condes de Taboada. Datos históricos confirman que no Castro Candaz se situou a casa solar desta familia, sendo destruída en tempos das invasións normandas. 




     As mesmas produciron unha reacción dende a Corte e o rei Ramiro I acudiu en defensa de Chantada. Dende Candaz dirixiu as operacións que o seu exército e os chantadinos realizaron en contra dos invasores nórdicos; finalmente conseguiron derrotalos e expulsalos da comarca.


   Do comentado anteriormente inferimos que o Castro Candaz tivo dúas importantes funcións: servir de morada e de recinto defensivo. A comezos de século conservábanse dúas paredes do antigo castelo, as cales formando un ángulo recto posuían un ancho de 1,88 m. e un longo de 5m . Ó lado destes cementos, na parte Oeste, ollábase unha bóveda. 



     Este dato, que nun comezo pode resultar perturbador, podería posuír unha explicación lóxica. É plausible o feito de que a parte posterior do castro, onde descansaban os restos do castelo, estivera oca no seu interior. Alí poderían estar as habitacións e estancias nas que descansarían os señores, moradores dun Candaz asilo de nobres e gran casa de Galicia. As xentes de hoxe afirman que ó plantar as vides nos laterais do recinto se atoparon cunha especie de ocos que se poden interpretar como bufardas das estancias citadas con anterioridade.


     Para rematar o relato sobre este formidable recinto dicir que o mesmo non está fora de lendas ancestrais. Na actualidade aínda existen xentes da zona que cren que Candaz agocha no seu interior fabulosos tesouros, feito incentivado pola existencia de dúas entradas subterráneas no castro que na actualidade se atopan asolagadas polas augas dos ríos Miño e Chorente. En definitiva, un importante Castro digno de ser estudado e lembrado.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: Concello de Chantada
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901