domingo, 6 de diciembre de 2015

MUIÑOS DE ENTRE OS RIOS - LALÍN

MUIÑOS DE ENTRE OS RIOS
RÍO ASNEIRO
CODESEDO
DOADE
LALÍN


 Doade
     San Pedro de Doade é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín na comarca do Deza. Segundo o IGE en 2011 tiña 157 habitantes (82 mulleres e 75 homes), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 172 habitantes.



Lugares da parroquia de Doade.   
     O Campo, Codesedo, Doade, A Lama, Nogueira, O Penedo, Penelas, San Martiño, San Pedro, Taín.



A comarca de Deza
     A comarca de Deza é unha comarca da provincia de Pontevedra e a súa capital é Lalín. Pertencen a ela os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.



     A súa poboación é de máis de 40.000 habitantes. O Deza coincide coa antiga comarca de País do Deza, isto é, as xurisdicións de Deza, Camba, Dozón, Trasdeza, Carbia e Valquireza.



Xeografía
     A comarca de Deza ven coincidir co centro xeográfico de Galicia. Limita ao norte coas comarcas de Santiago, Arzúa e Terra de Melide, ao sur coa do Carballiño, ao leste coas de Ulloa e Chantada e ao oeste con Tabeirós-Terra de Montes.



     A comarca está estruturada pola Dorsal Galega, coas serras do Faro ao leste, a Martiñá ao sur, Candán ao oeste coa e o río Ulla, que a separa da Terra de Santiago ao norte. O conxunto constitúe unha comarca natural que xa se referencia en documentos do ano 569 ao se conformar o Condado Decense no seo da diocese de Lugo.



     Caracterízase por un clima atlántico, sen temperaturas extremas nin en inverno nin en verán, con paisaxes fluviais que permiten o desenvolvemento de especies vexetais mediterráneas e o cultivo de vides, limoeiros etc.



     Os ríos Deza e Arnego, afluentes do Ulla, cruzan paralelos a comarca do sur ao norte. O Deza e o seu afluente, o Asneiro, nacen no monte Testeiro; o Arnego nace na Serra de Faro. A estes úneselles o río Toxa que baixa desde o Candán e na súa caída ao Deza forma unha das máis significativas fervenzas de Galicia (fervenza do Toxa).



Historia
     Os límites do Deza só experimentaron cambios insignificantes ao longo dos séculos e xa antes do século VI tiveron unha densidade de poboación relativamente alta.



     Pouco ten chegado aos nosos días dos séculos da Alta Idade Media, nos que se sucederon os gobernos dos suevos, os visigodos e nos últimos momentos destes tempos foi gobernado por diversos nobres no nome do rei, ata que no ano 1165 Fernando II doou as terras á Igrexa de Santiago como ofrenda ao Apóstolo Santiago. Porén a maioría das parroquias seguiron a depender da sé lucense, dependencia herdada dende tempos dos romanos.


     Seis freguesías da comarca son mencionadas no testamento do bispo Odoario como repoboadas por el a mediados do século VIII.



     Entre os séculos X a XII os vales da confluencia dos ríos Ulla e Deza acollen a unha numerosa poboación ermitá e monástica.


     Por varias fontes téñense testemuñas da existencia de mosteiros e cenobios nos lugares de:

     Picosacro, San Xoán da Cova, Ledesma, San Xusto de Cornado, Brandaríz, Piloño, Alcobre, Camanzo, Oirós, San Martín do Hermo (Losón), Madriñán, Ansemil, Carboeiro...



     Nesta especie de Ribeira Sacra do Ulla foi onde floreceu o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, aló polo ano 936.


Etimoloxía
     Existen as etimoloxías populares que lle atribúen o nome da comarca a Dhais, fillo de Brigo ou ao xeneral romano Decio Xunio Bruto, que iniciou a incorporación da Gallaecia ao Imperio Romano a mediados do século II a.C. Pode que veña do substantivo latino decius, que significa "dono de terras".



Cultura
     Terra de gran tradición musical, nesta comarca formáronse preto de trinta bandas de música, a maioría no século XIX, aínda que na actualidade só se atopan en activo nove agrupacións.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901