ROMARIA DE OS MILAGRES - AMIL
ROMARÍA DE OS MILAGRES
AMIL
MORAÑA
Romaría que se celebra no lugar da Chan, na parroquia de Amil o primeiro domingo despois do 8 de setembro.
É unha das romarías máis importantes de Galicia, cuxa celebración se remonta ao s. XVIII. Miles de devotos enchen a capela en honor á virxe, a onde acoden para cumprir a promesa feita á virxe ou simplemente gozar da festa.
A orixe desta romaría data do último cuarto do s. XVIII, cando o labrador e arrieiro D. Sebastián de Castro, ante a dificultade de obter a auga no lugar onde vivía para manter os seus animais e a familia, optou por cavar unha pequena mina nas inmediacións do seu fogar e imploroulle á virxe a necesidade de atopar a auga tan desexada. A virxe cumpriulle este desexo, pois comezou a abrollar auga en abundancia, e este en xesto de agradecemento mandou realizar unha imaxe da virxe en pedra duns 80 cm de altura e datada en 1778 que denominou dos milagres.
Rapidamente, extendeuse o milagre por toda a comarca, de aí a peregrinaxe de milleiros de persoas que obrigou a construción dunha nova capela no lugar da Chan (inaugurada en 1892) e que realizou Manuel García Martínez, canteiro do lugar, cun estilo neoclásico e antecedida por unha escalinata construída a mediados do s. XX que lle dan gran maxestuosidade ao conxunto.
Un dos actos principais desta romaría é a procesión da virxe arredor da capela entre milleiros de persoas que a implora e se lle ofrece con ritos, como percorrer o perímetro exterior da capela axeonllados, como agradecemento dos favores concedidos, ir con candeas, ou o xa en desuso costume de portar os ofrecidos en mortallas e dentro de cadaleitos.
A devoción é enorme e as xentes arremuíñanse para intentar tocar o manto da Virxe, onde prenden papel moeda como agradecemento ao cumprimento de pregarias ou ofrecementos.
Pero xunto a estas mostras de gran devoción relixiosa, tamén dentro da multitude que se achega ao lugar da Chan, hainos que veñen a gozar da festa, que paralelamente se desenvolve na carballeira anexa á capela.
MAPA
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901