martes, 12 de abril de 2016

CAPILLA DA ASCENSIÓN - GOTÁN - VEREA

CAPILLA DA ASCENSIÓN 
GOTÁN
VEREA
OURENSE


Gontán
     Santo André de Gontán é unha parroquia do concello de Verea na comarca da Terra de Celanova, na provincia de Ourense. No ano 2007 contaba con 36 habitantes, deles 16 eran homes e 20 eran mulleres, o que supón unha diminución de 6 habitantes en relación ao ano 2000.


Lugares de Gontán
     Gontán



 Verea
     Verea é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.059 habitantes (1.387 en 2003). O seu xentilicio  é «vereense».


Demografía
     Censo Total     1059 (2014)



     O concello ten unha superficie de 94,6 km², e abrangue 11 parroquias e 40 entidades de poboación. A súa capital é Carballo. Está situado a 32 km da capital, Ourense, á que se chega pola estrada OU-540.



     O territorio, eminentemente rural, está atravesado por unha falla en diagonal do noroeste ao sueste, ao leste do río Grande. O extremo sueste da falla divide as vertentes do río Limia e do río Arnoia. Os seus principais cursos fluviais son o Grande, o Cexo e o Orille, afluentes do Arnoia. Neles practícase a pesca da troita.


      Os cumios máis elevados son o monte Penagache e o monte Lobaqueiros. Entre eles hai un abrupto canón.


Historia
     Na serra do Leboreiro, na fronteira con Portugal, consérvanse restos megalíticos, destacando unha necrópole de mámoas con cámara funeraria. Nas ladeiras do monte Penagache estanse a realizar unha serie de escavacións arqueolóxicas na procura de restos anteriores á romanización.



      A etimoloxía do topónimo Verea indica que é un lugar de paso. O concello estaba atravesado por unha antiga vía romana de carácter secundario, que saía de Aquis Querquennis cara ao norte, entrando polo alto do Vieiro. Porén, para outros autores o topónimo procede de Venoriu, relacionado coas minas. Outros restos romanos atópanse nun campamento romano coñecido como A Cividá.


     Preto do campamento atópase a ermida de San Trocado. Segundo a lenda, recollida por Ambrosio de Morales na súa obra Viaxe Santo, uns portugueses que roubaran as reliquias de Celanova quedaron paralizados no lugar onde hoxe se levanta a ermida por mor dun milagre de Rosendo de Celanova. Esta ermida, durante moito tempo esquecida, encóntrase hoxe en vías de restauración.



     Por riba da vía romana, pasa o camiño portugués da ruta Xacobea que vai por Celanova. A comezos do século XII o abade de Celanova e o prior dos Templarios de Veiga proxectaron a construción conxunta dun hospital para peregrinos.


     Durante a Idade Media, debido aos continuos conflitos entre a Coroa de Portugal e a Coroa de Castela, o lugar tivo o carácter de marca.


Patrimonio
     Na igrexa de Albos destacan tres cruces antigas. Unha delas, de finais do século XII ou principios do XIII, é de cobre esmaltado cun Cristo en maxestade. As outras dúas son procesionais, unha delas chapada en cobre, flordelisada e cun Cristo de tres cravos, datada na segunda metade do século XIV.



     A igrexa de San Pedro de Orille consta de tres corpos, cunha fachada principal moi sinxela. No primeiro, o único elemento ornamental é a arquitrabe da porta, lisa e decorada con motivos xeométricos. O segundo corpo, separado do primeiro por un friso liso, é elíptico nos seus extremos, sobre os que se erguen uns pináculos puntiagudos. Posúe un nicho con figura sobre o rosetón. No interior as bóvedas son de canón, e no altar maior hai un retablo barroco decorado.


     A ermida da Ascensión ten un atrio con cuberta a catro augas, no que destaca o seu campanario, rematado con dous pináculos nos extremos e unha cruz sobre base curva na parte central. O campo que rodea a ermida está adornado cunha obra do pintor ourensán Virxilio. O primeiro xoves de xuño ten lugar a festa en honra desta Virxe, sendo trasladada en procesión dende a igrexa de Gontán até a capela, poxando os fieis por levala a ombros en cumprimento dunha promesa por algún favor concedido.


     O cruceiro do Vieiro posúe un Cristo cunha expresión de dor de gran patetismo.


Parroquias de Verea
     Albos (San Mamede), Bangueses (San Miguel), Cexo (Santo Adrao), Domés (San Martiño), Gontán (Santo André), Ourille (San Pedro), Pitelos (Santa María), Portela (Santa Baia), Sanguñedo (San Salvador), Santa María de Cexo (Santa María), Verea (Santiago)


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901