domingo, 4 de octubre de 2015

FERVENZA DE RUXIDOIRA - PARADELA

FERVENZA DE RUXIDOIRA
REGO DA SERRA
PARADELA
LUGO


Loio-Ruxidoira
     Os espazos naturais de interese local, tal e como define a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, son lugares singulares que merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais.



     O ENIL Loio-Ruxidoira ten unha superficie de 437 hectáreas que se localizan nas seguintes parroquias do Concello de Paradela: Loio, Castro San Martiño, Castro (San Mamede), Ferreiros, Francos, Cortes, Laxe, Suar, San Miguel, Vilaragunte e Barán.



     O interese do espazo Loio-Ruxidoira radica na gran diversidade de especies que habitan un bosque de ribeira extenso e en bo estado de conservación que se alterna con extensas áreas de carballos e castiñeiros. 



     A maior parte do ENIL está ocupada por carballos, castiñeiros, bidueiros, salgueiros…etc. Estes bosques de especies autóctonas son bosques maduros e equilibrados que favorecen a biodiversidade e son refuxio dun gran número de especies de fauna e flora. 


     Entre as marabillas botánicas que atesoura o ENIL hai varias árbores singulares como algún carballo centenario que se atopa en pleno sendeiro da ruta do Loio e os castiñeiros centenarios das ruínas de Sta María de Loio, ademais de carballos e castiñeiros dispersos na ruta que sen ser centenarios poderían estar próximos, dado a morfoloxía característica que presenta o seu tronco.


     Hai estudios que sinalan ata 22 especies protexidas por algunha Directiva Europea, entre as que destacan varias especies endémicas de Galicia e da Península Ibérica como p.ex. o limpafontes común ou a lagartixa galega, así como numerosas especies recollidas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas ou no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como p.ex. a píntega e outras recollidas na Lista Vermella dos Vertebrados de España. 



     Este tipo de bosques teñen un microclima que favorece a existencia dunha gran variedade de especies de fauna e flora, no entorno do río poderemos atopar, entre outras moitas especies: ourizos, rás verdes, lucións, toupas, furafollas, morcegos, armiños, donicelas, londras …etc. 


     E tamén numerosas aves como miñatos, gatafornelas, falcóns pequenos, paspallás, rulas, cucos, lavercas, paporrubios, reiseñores da auga, bufos pequenos...etc. e algún que outro raposo, corzo, porco bravo...etc


     O sendeiro PRG-14, coñecido como Ruta do Loio e homologado pola Federación Galega de Montañismo, que conta coa sinaléptica habitual das rutas de sendeirismo é a mellor maneira de realizar unha primeira aproximación ao ENIL e coñecer ademais varios muíños, como p.ex. o muíño do Cabo no inicio ou o muíño da Retorta que acaba de ser restaurado. 



     Desde o roteiro, tomando un desvío podemos visitar os restos do mosteiro onde se funda a Orde dos Cabaleiros a Santiago ou un altar de sacrificios no lugar de “Pena da ferradura do cabalo” onde abundan as matogueiras de acivros (Ilex aquifolium), de novo unha especie en perigo de extinción e catalogada como especie protexida. 


     O feito de ser unha planta que frutifica en inverno dálle un valor ecolóxico moi importante, ó ser unha boa fonte de alimento para moitas especies, especialmente paxaros.
 

     No territorio do ENIL hai tamén abundante patrimonio etnográfico a través do que coñecer a historia do lugar: en Cortes poderemos ver viñedos cos que entenderemos a calidade do viño da D.O. Ribeira Sacra ou os ben conservados muros que dividen as fincas de labor e que son característicos da paisaxe en mosaico propia de Galicia, atoparemos casas de Fidalgos como a que hai no lugar de Celmán ou lugares privilexiados para entender o que supuxo o embalse de Belesar para Portomarín como o miradoiro de Cabodevila…etc. 



     En definitiva, natureza e historia para pasar un día de lecer é o que atoparemos neste lugar protexido.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901