ANTIGUA FABRICA DE PAPEL
A LAVANDEIRA
SANTA MARIÑA DE LONGOSEIROS
O CARBALLIÑO
OURENSE
O proceso de fabricación de papel
iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica
segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de
calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto,
como a estraza ou a estracilla.
Acumulada a cantidade de trapos
suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro,
engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis
semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”.
Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos,
con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.
Un apresamento construído nunha revolta
do río permitía derivar as augas a unha canle construída na súa marxe dereita,
que tras un percorrido superior ós catrocentos metros, conducíaas ás
instalacións da fábrica de papel, onde corría polo acueduto e vertíanse sobre cinco
grandes rodas hidráulicas verticais de uns dous metros e medio de diámetro,
máis unha sexta roda ó final do acueduto para o accionamento do satinador.
Estas rodas motrices, do tipo
gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaban os seus eixes erizados de levas
que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se
colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a
estancia no podredoiro.
As instalacións contaban con cinco grupos
de tres mazos cada un diferenciados para os labores específicos de esfiañado (dúas
pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de
homoxeneización da pasta) tralas que se obtiña a polpa ou pasta para a
elaboración do papel.
Como se
ten dito, ó final do acueduto a auga caía por enriba dunha sexta roda, a
encargada de accionar o pesado mazo de satinado para preparación final do
papel.
Unha vez obtida a pasta de papel
procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde
rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a
través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla
de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida,
rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.
Retirados os pregos dos moldes púñanse
en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os
saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para
escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.
O papel xa seco, que pola súa gran porosidade
resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado
co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras
un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o
papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no
mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que
puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á
venda.
A chegada da electricidade supuxo a
modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina
hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a
que movía a maquinaria fabril.
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901