lunes, 19 de diciembre de 2022

O VEREDO - CODESEDO - SARREAUS

 O VEREDO

CODESEDO

SARREAUS

 O Veredo
     O Veredo é un lugar da parroquia de Codosedo, no concello ourensán de Sarreaus, na comarca da Limia. 

     Segundo o Instituto Galego de Estatística, no 2010 tiña 13 habitantes (9 homes e 4 mulleres), o que supón que variou o número de habitantes con respecto ao ano 2009 cando tiña 10 habitantes.

Codosedo
     Santa María de Codosedo é unha parroquia do concello de Sarreaus na comarca da Limia, na provincia de Ourense.

     No ano 2007 tiña 163 habitantes, deles 75 eran homes e 88 eran mulleres, o que supón unha diminución de 9 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Lugares de Codosedo
     Ameá, Codosedo, Pazos, O Veredo

Sarreaus
     Sarreaus é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Limia. Segundo o Padrón municipal de habitantes en 2015 tiña 1.283 habitantes (1.845 en 2003). O seu xentilicio «sarreaus».

Xeografía
      O concello, de 77,2 km², abrangue nove parroquias. Limita ao norte con Vilar de Barrio, ao sur con Trasmiras e Xinzo de Limia, ao leste con Cualedro e Laza, e ao oeste con Xunqueira de Ambía.

     Cara ao norte ten unha zona montañosa, na serra de San Mamede. Cara ao sur está a depresión limiá, con terras máis chás e fértiles vales determinados polo río Limia, que nace no monte de Talariño, na parroquia de Paradiña, sucando o concello de nordeste a suroeste. Outros cursos fluviais menores son o rego de Valdelobos, Padroso, Sas, Freixo, Lodoselo ou o da Veiga.

Historia
     Se ben na actualidade non hai ningún catalogado, consérvanse topónimos que delatan a existencia de varios megálitos do neolítico, como Os Piñeiros da Anta e A Medorra en Lodoselo, ou o Alto da Madorra en Cortegada. 

     A Pedra Alta (Cortegada) é un menhir usado como marco delimitador entre os concellos de Sarreaus, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía. 

    O Acobillo de Roufeiro (Nocelo da Pena) é da primeira idade dos metais (1800/1500 a. C.), e é usado como referencia para denominar o límite do Bronce Inicial en Galiza.

     Durante a cultura castrexa a zona foi poboada polos Limici nos castros da Cibdá, A Gándara, Tarrazo, A Rocha ou Os Castros de Codosedo. 

     Trala romanización de Galicia quedaron restos de asentamentos e epígrafes en rochas, como o Forum ou Civitas Limicorum da Cibdá, ou homenaxes a Traxano e Adriano e a Xúpiter e Bandua.

     Durante a idade media a zona pertenceu á Terra da Limia. Desa época queda a igrexa románica de Codosedo.

     Na idade moderna o territorio pertenceu ás xurisdicións de Xinzo (parroquias de Perrelos, Santiago de Freixo e Lodoselo, pertencentes ao Conde de Monterrei), Pena da Torre de Portela da Limia (lugares de Folgoso, O Penedo, Meilás, Cortegada, Bresmaus, A Portela da Quinta, Sarreaus, Padroso, Tarrazo e Sas, pertencentes ao Conde de Lemos), e o couto de Santa María A Real de Codosedo, Pazos, Paradiña e Veredo, pertencente á orde de Santiago. Nocelo da Pena pertencía á xurisdición do convento de Santa Clara de Allariz.

     A comezos do século XIX creouse o concello de Cortegada, e en 1822 creáronse os de Codosedo e Lodoselo. Trala División territorial de España en 1833, en 1835 naceu o concello de Sarreaus.

Toponimia
     O nome de Sarreaus procede do latino Sarrianus, "os que veñen de Sarria", debido a que no seu momento se repoboaría con habitantes desta vila luguesa.

Parroquias de Sarreaus    
     Bresmaus (San Bartolomeu), Codosedo (Santa María), Cortegada (San Xoán), Freixo (Santiago), Lodoselo (Santa María), Nocelo da Pena (San Lourenzo), Paradiña (Santa María Madanela), Perrelos (Santa María), Sarreaus (San Salvador)

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901