miércoles, 7 de diciembre de 2022

CASTELO DE RIBADAVIA - RIBADAVIA

CASTELO DE RIBADAVIA

RIBADAVIA

Castelo de Ribadavia
     O castelo de Ribadavia é un amplo espazo arqueolóxico e monumental do que foi a fortaleza dos Condes de Ribadavia, da familia Sarmiento. 

     Son os restos dun castelo de grandes dimensións que foi escavado e está na actualidade en proceso de rehabilitación.

Situación
     Sitúase no conxunto histórico de Ribadavia, a súa fachada oeste dá á rua Progreso, debido á súa amplitude forma un conxunto que linda con varias rúas e prazas do conxunto histórico. A entrada a este recinto arqueolóxico de gran valor faise pola oficina de turismo de Ribadavia, sita na Praza Maior, no Pazo dos Condes de Ribadavia.

Historia
     Algúns historiadores como Meruéndano levan a orixe deste castelo aos primeiros anos da Reconquista sendo logo ampliado durante o breve reinado de García de Galicia (1065-1071) que estableceu en Ribadavia a súa corte e a capital do seu reino. Porén outros moitos autores consideran que o castelo foi construído no século XII.

     Tempo despois serviu de refuxio para a Condesa de Traba e o rei neno Afonso VII que alí resistiron o ataque de Arias Pérez partidario dos dereitos sucesorios de Dona Urraca.

     Fernando II concedeulle en 1164 o foro de cidade de Ribadavia, entón chamada Bobou, e entregouna xunto co castelo ao seu tutor a Xoán Arias da Casa de Traba No ano 1375 Henrique II de Trastámara concedeulle o señorío de Ribadavia a Pedro Ruiz Sarmiento, pasando desde entón o castelo á propiedade da familia Sarmiento.

     Foi obxecto de importantes reformas no século XV que lle conferiron a súa imaxe definitiva.

     Foi abandonado no século XVII cando os condes de Ribadavia fixan a súa residencia no Pazo dos condes, na praza maior, e que estaba comunicado co castelo por unha porta.

     Tralo seu abandono o castelo sufriu a perda de moita da súa pedra que foi reaproveitada para a construción de moitas casas de Ribadavia.

Descrición
     Unha das portas de acceso á fortificación co escudo dos Sarmiento na doela do arco.

     Das portas das antigas murallas que formaban parte co castelo dos sistema defensivo: a Porta da Vila (norte), a Porta de Santo Domingo (sur), A Porta da Fonte da Prata ou de San Xoán (oeste) e a Porta Nova de Arriba (leste), só esta última se conserva, xunto con outras dúas portas posteriores, a Porta Falsa da Magdalena (postigo) e a Porta da Tafona, que servía para permitir achegarse as augas do Avia.

     Dous fortes torreóns circulares flanquean a porta principal que presenta un arco de medio punto.

     Un escudo coas armas dos Sarmiento e os Fajardo decora a porta principal.

     No interior, nas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo por Manuel Chamoso Lamas, puxéronse ao descuberto un conxunto de 20 sepulcros antropomorfos que conformaban unha necrópole medieval, datada nos séculos IX e XII. 

     A carón das tumbas unha escalinata circular traballada directamente na rocha nai e que puideron pertencer á capela ou templo que fora o centro do camposanto.

     No interior do recinto amurallado construíuse, no século XX, na parte máis achegada ao río un auditorium, onde se celebra a Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, no mes de xullo.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901