jueves, 4 de agosto de 2022

BASILICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO - FOZ

BASILICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO

FOZ

Basílica de San Martiño de Mondoñedo
     A basílica de San Martiño de Mondoñedo é un templo de orixe prerrománica situado na Mariña Lucense, sé do bispado de Mondoñedo durante moitos anos, que se atopa en bo estado de conservación.

     Atópase na parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz, no norte da provincia de Lugo. Na actualidade, amais de estar aberta ó culto, alberga no seu interior un museo.

     Está considerada como a catedral máis antiga de España, xa que no século IX foi sé de dous bispados do Reino de Galicia, un trasladado desde Dumio, no distrito de Braga (Portugal), e outro trasladado desde Bretoña, na provincia de Lugo.

      O edificio actual é románico de finais do século XI e os recios contrafortes son obra do século XVIII. Desde o ano 1931 está catalogada como BIC e no 2007 obtivo a categoría de basílica.

     Ó lado da basílica está a fonte da Zapata; segundo a lenda, neste lugar o bispo San Gonzalo tirou unha zapatilla e abrollou auga, auga que se considera que ten propiedades milagreiras.

Historia
     A historia desta sé comezou no século VI cando un grupo de cristiáns chegaron fuxindo dos anglosaxóns desde a provincia romana de Britania e establecéronse en Galicia.

      Fixaron a súa capital en Britonia e fundaron un bispado que chegou a ter grande influencia, participando regularmente nos Concilios de Toledo.

      O lugar deste bispado atopábase entre Meira e Mondoñedo, na provincia de Lugo, e adóitase identificar coa actual parroquia de Santa María de Bretoña, no concello da Pastoriza.

      Máis tarde, no ano 866, o bispado de Dumio tivo que abandonar a súa sé por causa da conquista musulmá refuxiándose nun lugar chamado Mendunieto, o lugar actual da Basílica, e que co tempo derivaría ó nome de San Martiño de Mondoñedo.

     Pero entre o ano 966 e o 971 os viquingos destruíron Bretoña e o bispado tivo que trasladarse ó que despois sería San Martiño de Mondoñedo, lugar ofrecido polo rei Afonso III para fundar un mosteiro e como sé episcopal dobre (dumiense de Dumio e britoniense de Bretoña) e cuxo primeiro bispo foi Sabarico.

      San Martiño foi capital até 1112 da terra dos bretoñeses. Investigacións recentes, baseadas en citas de diversas fontes, permiten supor que xa existía no lugar un vello mosteiro chamado Máximo.

      Despois do bispo Sabarico tivo esta sé outros 14 bispos entre eles a Rosendo (que sería San Rosendo, fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova), durante os anos 923 a 942, e a Gonzalo Froilaz, a partir do 1071 até o 1112, bispo moi popular e tido por santo entre os fieis, que fora abade no mosteiro de Sahagún.

     Na parte sur da basílica consérvase o seu sepulcro, e no museo parroquial, e o seu anel pastoral de ouro, que ten unha pedra de cuarzo engarzada por catro cabeciñas de ave cuns brillantes nos ollos, cuxa inscrición di:
    Nolo esse datus neque venundatos.  Non quero ser regalado nin vendido.

      Tamén se atopa no museo o seu báculo, unha vara de madeira de 1,45 m unido a unha voluta de cobre dourado de 10 cm que termina nunha cabeza de animal. Conta a lenda que o bispo Gonzalo conseguiu cos seus rezos que fracasase unha incursión de piratas na ría de Foz.

      Posteriormente no ano 1112 a Raíña Urraca mandou trasladar a sé episcopal a Vilamaior do Val de Brea (ou Vilamaior de Brea), ou Valibria (ou Vallibria), e que co tempo cambiou o seu nome polo de Mondoñedo, en lembranza da antiga sé.

     Tras este traslado, en San Martiño foron substituídos, por bula do papa Hadrián IV, os primitivos monxes por cóengos regulares de San Agostiño que permaneceron até o 1534 en que o papa Clemente VII agregou este priorado á catedral de Mondoñedo, e ordenou que en San Martiño de Mondoñedo quedasen tantos clérigos como cóengos regulares de San Agostiño.

     Esta medida chegou desde Roma para evitar os abusos que os abades comendatarios viñan cometendo, xa que nos últimos anos o abade de San Martiño era tamén dignidade da catedral de León, elixindo esta cidade como residencia e descoidando por tanto as súas obrigacións no mosteiro, cuxos cóengos ó verse sen dirección viviron de maneira pouco ortodoxa.

     No ano 2007 esta igrexa, en bo estado de conservación e na que o culto relixioso está vivo, foi declarada basílica polo Vaticano. No 2008 durante unha campaña de restauración apareceron na bóveda sur da catedral un conxunto de pinturas murais datadas no século XII. O profesor Manuel Castiñeiras atribúe a súa autoría a Bernardo, tesoureiro de Diego Xelmírez e iluminador do Tombo A de Compostela.  

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901