HORREOS EN A FENTEIRA
A FENTEIRA
FEÁS
BOBORÁS
A Fenteira é un lugar da parroquia de Feás no concello ourensán de Boborás na comarca do Carballiño.
Tiña 48 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 19 eran homes e 29 mulleres. Iso supón un aumento da poboación respecto a 2010, cando tiña 42 habitantes (16 homes e 26 mulleres).
Lugares de Feas
Borraxas, As Costiñas, O Curro, Feás, A Fenteira, A Vesada, Vilachá
Feás
Santo Antón de Feás é unha parroquia do concello ourensán de Boborás. A parroquia abarca os núcleos de poboación de Feás, Borraxas, Vilachá e A Fenteira.
A capitalidade parroquial está na aldea de Feás. No século XX sufriu un gran descenso de poboación pola emigración, maiormente a México, pero tamén a Panamá, Venezuela, Suíza, Alemaña e incluso a Suráfrica.
Segundo o IGE, en 2012 tiña 427 habitantes (186 homes e 241 mulleres).
O nome da parroquia ten orixe na palabra latina fenales, é dicir, lugar de feno, de herba seca.
Xeografía
Para chegar a Feás débese usar a estrada N-541 (Ourense-Pontevedra), desviándose á altura de Brués.
A parroquia de Feás está situada ó abeiro da cadea montañosa do Testeiro, ó agarimo do norte nas estribacións da serra. A parte máis alta da parroquia localízase no lugar da Fenteira, situada arredor dos 800 metros e chega nas cotas máis baixas ata os 450 metros de Borraxas, atopándose nunha zona de transición A Vilachá e Feás, que teñen unha altitude próxima ós 500 metros. A disposición destes dous últimos lugares semella a dunha zona de aterrazamento formadas nesa transición das terras de montaña cara ós fondos vales que describen os ríos Cardelle e Lodairo, xa en altitudes próximas ós 320 metros. Son estes cursos fluviais os que permitiron a construción de muíños e propician a aparición das primeiras paisaxes de viñedo na zona do Foxo e Amarante.
Cunha superficie de 12,6 km², o seu terreo está constituído por rochas xistosas que modelan un relevo típico que se prolonga ata as veciñas terras de Beariz e ata o río Lodairo, onde se produce o contacto co dominio granítico, predominante na súa marxe esquerda.
Historia
A parroquia de Santo Antón de Feás nace oficialmente o día 11 de xullo de 1789 ó segregarse xunto coa de Cardelle da de San Miguel de Albarellos á que pertencían as dúas. O primeiro párroco de Feás foi Agustín Otero, natural da mesma. Inicialmente quedou constituída polos lugares de Feás, As Costiñas, A Vesada, Puzós, Vilachá, A Fenteira e Antas Portas.
En 1893 produciuse por parte do Bispado de Ourense un arranxo parroquial que afectou á configuración dos seus lindes, incorporando nesa data o lugar do Curro, que pertencía a Moreiras, e o de Borraxas, que dependía da parroquia de Cameixa.
Na Idade Media e Moderna, a súa dependencia á Encomenda de Pazos de Arenteiro, da Orde de San Xoán, condiciona a súa vida e a dos seus habitantes, marcada pola existencia dos chamados foros ou arrendamentos de terras, constituíndo un territorio agrícola e gandeiro e lugar de paso de arrieiros e comerciantes cargados de viño do Ribeiro con dirección a Pontevedra.
Este paso dunha importante vía de comunicación fai dela unha parroquia puxante e así, no ano 1842, comeza a realizarse cada día 5 -máis adiante pasará ó día 8- unha importante feira á que concorren as xentes do seu contorno a comerciar co gando e demais especies da zona. Esta feira mantivo certo pulo ate a década de 1980.
Patrimonio
A presencia do home nesta terra vén dende moi antigo, quedando como testemuña milenaria desta pegada humana a existencia de numerosas mámoas espalladas por todo o seu territorio: 4 na Vesada, 3 no Curro, 5 en Vilachá e 1 na Fenteira. Estes indicios prehistóricos son tamén visibles no chamado Castro de Meimón, en Vilachá.
A parroquia mantén, aínda que cada vez máis deturpada, unha rica arquitectura tradicional que se observa nas zonas máis antigas da mesma e que está presente en toda a zona montañosa conformada polas serras do Testeiro e do Suído. É unha arquitectura cunha tipoloxía básica de casa de cachotería de xisto, tellado de grandes lousas, corredor pétreo e patín.
En moitas delas vese un curral que pecha por diante a casa e que recibe o nome de quinteiro. O cruceiro situado no lugar da Cruz é o único vestixio artístico do seu pasado máis recente. Estas arquitecturas tradicionais, completadas con eiras e numerosos hórreos, víronse alteradas coas novas edificacións construídas polos numerosos emigrantes, que racharon cos modelos tradicionais.
Testemuña interesante das súas tradicións é a figura do felo, personaxe asociado ó entroido desta parroquia, que por esas datas percorrían disfrazados de tal figura os camiños e casas os mozos de Feás. Ían dotados dunha vestimenta na que destacan as colchas coas que se cobren, a carauta e o gorro con numerosas fitas de cores.
Eran personaxes dotados dunha certa "agresividade", xa que zoupaban coas varas que portaban facendo fuxir coas súas carreiras a quen se lle puña por diante. Actualmente acoden anualmente ó Entroido de Boborás.
Parroquias de Boborás
Albarellos (San Miguel), Astureses (San Xulián), Brués (San Fiz), Cameixa (San Martiño), Cardelle (San Silvestre), Feás (Santo Antón), Laxas (San Xoán), Moldes (San Mamede), Moreiras (Santa Mariña), Pazos de Arenteiro (San Salvador), O Regueiro (San Pedro), Xendive (San Mamede), Xurenzás (San Pedro), Xuvencos (Santa María)
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901