CAPELA DE A LUCÍA
A LUCÍA
VERDUCIDO
A LAMA
VerducidoSan Martiño de Verducido é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés da Lama.
Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 216 habitantes (106 mulleres e 110 homes), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 2004, cando tiña 215 habitantes.
Limita ao leste coa freguesía de Abelenda (Avión), ao sur coa de Barcia de Mera (Covelo), ao oeste coa de Fornelos de Montes e ao norte coa de Antas.
Historia
San Martiño de Verducido aparece citada con 63 parroquianos nas Relaciones de vecindario mandadas por los corregidores, gobernadores, alcaldes y otras justicias, a petición de S.M., para el mejor repartimiento de los moriscos de Granada (decembro de 1570 - xullo de 1571).
No Catastro de Ensenada aparece como pertencente ao señorío da Casa de Soutomaior, anexa á xurisdición de Soutomaior e suxeita á xustiza que o citado duque nomeaba.
Despois dun longo proceso iniciado en 1739 na Laxe, en 1785 o bispo da diocese de Tui Domingo Fernández Angulo creou as parroquias de San Bartolomeu de Xesta, Santa María das Estacas e San Xosé da Laxe, separándoas da matriz de Verducido.
Patrimonio
O actual templo parroquial que data do século XVIII, substituíu un outro edificio anterior do que, posibelmente, fican como únicas pegadas dúas imaxes de granito policromado, representando unha a San Bieito e a outra a unha Virxe co Menino no Colo.
Lugares de Verducido
A Cavadiña, Cortegada, O Cruceiro, O Eido de Baixo, A Feixa, A Fraga, As Gándaras, A Nogueira, O Piñeiro, Portasouto, O Porto, A Rabilonga, O Taraído, Val das Rodas
A Lama
A Lama é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra.
Segundo o IGE en 2016 tiña 2587 habitantes. Padrón municipal de 2003: 2957 habitantes. O seu xentilicio é lamense.
Historia
Consérvanse restos arqueolóxicos das culturas megalíticas, como as mámoas de Portela da Cruz, O Seixo, O Suído, e Antas. Da idade de bronce atopouse na Lama unha espada de tipo argárico de hai 3500 anos, e en Verducido e no castro de Gaxate varias hachas de bronce.
Desta idade son os gravados rupestres en Chan do Campo, Outeiro Seixiño, Val do Gato, e Laxa das Puzas (Verducido). Hai tres castros identificados: o monte do Castro en Gaxate, o monte do Castro na Lama, e o castro de Xende.
Na época medieval a zona norte foi colonizada polos monxes do mosteiro da Armenteira a partir do século XV, e o resto pertencía aos señores de Soutomaior, que contaban cunha fortaleza en Fornelos.
Nos séculos XVII e XVIII aumentou a poboación e a gandería pola introdución do millo, e a pataca procedentes de América. Coas mudanzas que implicaron na agricultura, comezou a desaparecer a emigración a Castela dos temporeiros para a sega do trigo en verán, e aumenta a construción de camiños, igrexas, pazos e pontes. Desta época son as pontes de Verducido sobre o río Parada, a do antigo camiño de Ribadavia a Pontevedra e o de Liñares.
A emigración a América dos séculos XIX e XX fixo posible a compra das terras aos nobres e a construción de edificacións educativas e centros de beneficencia.
En 1998 inaugurouse o centro penitenciario da Lama.
Turismo
A Lama conta coa ruta homologada de sendeirismo PR-G 135 "Roteiro da Escuadra".
É unha ruta sendeirista lineal de 7 km, entre o Peso (A Escuadra) e a área recreativa de Santa Mariña, na Serra do Cando.
Na Serra do Suído atópanse os singulares chozos.
Parroquias da Lama
Antas (Santiago), A Barcia do Seixo (Santa Ana), Covelo (San Sebastián), Escuadra (San Lourenzo), Gaxate (San Pedro), A Lama (San Salvador), Seixido (San Bartolomeu), Verducido (San Martiño), Xende (San Paulo), Xesta (San Bartolomeu)
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901