domingo, 8 de noviembre de 2015

FARO DE OZA - A CORUÑA

FARO DE OZA
OZA
A CORUÑA


     O Faro de Oza é un faro situado na Punta de Oza, lugar onde tamén se sitúa a nova praia de Oza, na parroquia de Oza (A Coruña). Está construído no Forte de Oza, levantado no século XVI e que albergaba unha batería costeira. A construción do faro rematou en 1915 e entrou en servizo en 1917. 


     Deixou de prestar servizo en 1963, sofrendo abandono e ruína ata 1996, data na que foi rehabilitado. Porén, dende aquela non se lle ten dado uso e o estado de abandono que padece ten causado continuas protestas. Forma parte do Conxunto Histórico-Artístico do antigo Sanatorio de Oza.


Historia
     A Comisión de Faros decidiu proxectar a instalación do faro en 1904. 



     Daquela os únicos que servían para guíar o acceso ó porto da Coruña eran a Torre de Hércules e o Faro de Cabo Prioriño, pero a posición de ámbalas dúas luces non formaba un ángulo o suficientemente axeitado como para garantir a correcta posición dos barcos durante a manobra de entrada, polo que se decidiu instalar un faro na Punta de Oza que serviría de guía para os buques que entrasen no porto a través da canle norte da ría do Burgo. 


     Complementariamente, tamén se planeou a construción do Faro de Mera, de xeito que tamén ficase sinalizada a canle oeste da ría.


     A elaboración do proxecto foi asignada ó enxeñeiro Salvador López Miño pola Dirección Xeral de Obras Públicas a día 4 de xaneiro de 1908, aprobándose en xullo do mesmo ano que o faro fose edificado no antigo Forte de Oza, que fora construído a finais do século XVI tralo ataque de Francis Drake de 1589. 



     A versión final do proxecto foi aprobada o 17 de xaneiro de 1911, sendo adxudicada a obra a Juan Mosquera Morano nunha poxa realizada en setembro por unha cantidade de 24.500 pesetas, ás que logo se engadiron 4.992 máis por tarefas de cimentación e accesorias. 


     En 1914, cando o faro xa estaba a piques de ser finalizado, houbo que acrecentar 10 cm máis a altura da torre, posto que era necesario para que coubese a lanterna, que finalmente era de maior diámetro do que se determinara inicialmente no proxecto. O faro foi entregado en 1915, comezando o prestar servizo a partir do 20 de agosto de 1917.


     No ano 1932, aumentouse a potencia da lanterna e foi levantada unha nova luz nunha posición máis alta, montada nunha torre de aceiro nas Xubias, por detrás do Sanatorio Marítimo de Oza, a 294 m do faro, coa pretensión de formar un sistema de enfilación que servise ós buques para evitaren o baixo das Xacentes (onde embarrancou o Urquiola en 1976) e a restinga do Seixo. 



     En 1955, o faro deixou de actuar como sistema de enfilación e pasou a funcionar soamente como luz de referencia por causa da construción do dique de abrigo, o cal mudou o rumbo de entrada no porto herculino, empregándose a partir dese momento unha nova enfilación situada na Punta Fieiteira. 


     Deixou de prestar servizo en 1963, e durante décadas estivo abandonado, ata que o lugar do antigo Santario Marítimo de Oza foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1992, declaración que fixo que a Autoridade Portuaria rehabilitase o faro en 1996. 


     Con todo, non se lle deu un uso continuado dende aquela e non tardou en caer no abandono e sofrer vandalismo, o que provocou que asociacións culturais e veciñais teñan protestado reiteradamente pola situación.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901