A MEIGA E O ZAPATEIRO
CONTO - LENDA
Di a lenda que a noite de San Xoan tódolos bruxos e bruxas do Morrazo debíanse achegar á praia de Areas Gordas de Tirán, onde tiñan unha xuntanza coa xerarquía capital dos adicados á ciencia dos aquelarres: o Demo.
Ás doce da noite púñanse en camiño, cada quen empregando os medios de locomoción característicos da clase bruxeril: a vasoira.
Había por aqueles tempos unha bruxa en Cangas moi sonada, que tiña un amigo zapateiro, tamén en Cangas, e nas vísporas da noite das fogueiras escomenzou a porfiarlle á nosa bruxa que, por forza, tiña que ir tamén el, para ser testemuña da ceremonia que alí tería de ser realizada.
Ela deulle para atrás na teima del de querer acompañala, mais o zapateiro non afrouxaba nas súas intencións. E como a teima pode máis que as razóns, ao fin a bruxa non tivo outro remedio que levalo, non sin antes adoctrinalo sobor da conducta que había de mostrar diante de tales representantes da bruxería galaica, concretamente da do Morrazo.
Chegaron ao lugar prefixado pasada a media noite. Alí xa se encontraban a maioría dos que ían compoñer a xuntanza: meigas e bruxas.
Púxeronse en ringleria, segundo a xerarquía, dispostas a recibir ao Principe das trebas: Belcebú.
Este non se fixo esperar. Apareceuse en forma de carneiro negro, ficando baixo a copa i ao pé dun carballo vello. Os da cabeza da ringleira foron os primeiros en saudalo. A fórmula litúrxica consistía en levantarlle o rabo ao carneiro, ao tempo que dicían, bicandolle no cu:
— Credor do noso benfeitor.
Cando lle chegou o turno á bruxa de Cangas (o zapateiro non saía da beira dela, apegándoselle á saia), bicou ao carneiro do modo sinalado. Ao zapateiro tamén lle levantou o rabo pero, namentras o facía, sacou a subela que levaba escondida, e cravoulla no sitio que xa sabedes.Virouse entón o carneiro, e dixo:
— ¿Quen foi o que bicou agora?
A nosa bruxa sospeitou que o zapateiro tiña feita algunha falcatruada das del, e toda nerviosa respostou:
— Foi o zapateiro de Cangas.
— Pois dille que se afeite, que ten ás barbas muy agullentas — dixo o carneiro.
XOAN ARCO DA VELLA