miércoles, 23 de junio de 2021

CAPELA DE SAN ROQUE - A ESFARRAPA - O CAMPO - O IRIXO

 CAPELA DE SAN ROQUE

A ESFARRAPA

O CAMPO

O IRIXO

 A Esfarrapa
     A Esfarrapa é un lugar da parroquia de Campo no concello ourensán do Irixo na comarca do Carballiño. 

     Tiña 68 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 40 eran homes e 28 mulleres.


Campo
     Santa María de Campo é unha parroquia do concello do Irixo na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense.

     Segundo o IGE en 2011 tiña 544 habitantes (277 homes e 267 mulleres), 52 menos ca en 1999.

Patrimonio
     A igrexa parroquial foi construída entre 1776 e 1790, sendo abade Juan Bernardo Bello, segundo se le en dúas inscricións na capela maior e na nave, se ben a sancristía é anterior, de 1676. Conserva a base, a pantalla e as escaleiras de acceso dun púlpito de pedra construído en 1688. O templo, de estilo barroco, é dunha soa nave, con bóveda de arestas na capela maior e de canón no resto. Na fachada hai un reloxo engadido en 1903 e restaurado en 1943.

     O retablo maior é de estilo rococó, deseñado na segunda metade do século XVIII e dourado en 1957. Ten imaxes da patroa, da Nosa Señora da Asunción e dúas de San Xosé. Consérvase tamén un retablo barroco de 1688 obra de Jerónimo de Castro Losada coa imaxe de San Domingos, dourada e pintada por Juan Antonio Prexigueiro.

      Na igrexa gárdase unha cruz procesional de prata feita en 1637 polo ourensán Isidro de Montanos, cun viril de prata sobredourada e un cáliz da mesma época. Hai tamén un relicario de San Ignacio do século XIX, e varios cálices e copóns dos séculos XVIII e XIX. Ata finais de 1833 enterrábase no interior da igrexa. En 1962 engadiuse ao templo un pararraios e un harmonio.

     Na igrexa hai un peto de ánimas, coas ánimas no purgatorio, Santo Antón á esquerda e San Roque á dereita.

     A ermida de Menaz estaba na casa grande dos Taboada. En 1750 a veciñanza dos lugares de Menaz, Casares, Marnotes, O Cardedo e Filgueira procuraron construír unha capela, pola lonxanía da igrexa parroquial. En 1767 Manuel Taboada e mais o seu fillo Juan, que era presbítero, construíron unha capela anexa á súa casa a título privativo, para dicir misa os domingos e días festivos. Para a súa dotación Juan Antonio Taboada, irmán de Manuel e abade de Arcos, doou ao seu sobriño o monte da Xesteira, na freguesía de Arcos. A capela foi bendecida polo cura de Loureiro, o abade Marentes. En 1826 era patrón desta capela o abade de Morgade, Juan Taboada e o seu irmán Andrés.

     A capela de San Roque está situada no lugar da Esfarrapa. Construída posiblemente no século XVIII, ten espadana e pórtico, cuberta con bóveda de canón. Ten un retablo da segunda metade do século XVIII, con imaxes do patrón San Roque, San Pedro e Santo Antón, coa inscrición no ático en letras capitais SAN ROQUE ROGAD POR NOSOTROS.

     A capela da Ermida está consagrada á Nosa Señora da Purificación, San Brais e San Marcos. Ten pórtico, e está cuberta con bóveda de canón. O retablo, do século XIX, ten as imaxes de San Marcos, A Nosa Señora da Luz ou da Candelaria e Nosa Señora da Asunción.

     A capela da Nosa Señora de Fátima está no lugar de Ponte Irixo, e foi construída a mediados do século XX. Ten un peto de ánimas na parede dereita.

     Na parroquia hai seis cruceiros: Na Esfarrapa diante da ermida de San Roque; Na Ermida xunto á da capela de Nosa Señora da Purificación, San Brais e San Marcos; en Menaz xunto á Casa Grande dos Taboada; en Porto da Veiga; en Campo do Estibadón xunto á antiga casa escola e outro con pousa e fuste, cun pequeno habitáculo para as ofrendas ás ánimas do purgatorio.

Lugares de Campo
      Baxín, As Campinas, O Cardedo, Casares, A Condomiña, A Ermida, A Esfarrapa, A Estación, Filgueira, Irixo de Arriba, O Irixo, Laíña, A Lama, Marnotes, Menaz, Orosa, Porto da Veiga, Reguega, O Tellado do Campo, Vila 

Comarca do Carballiño
     A comarca do Carballiño é unha comarca galega situada na provincia de Ourense. Toma o nome da súa vila principal. 

     Pertencen a ela os concellos de San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín.

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901