lunes, 20 de junio de 2022

REGO DE VALGADA - CASTRO - CERDEDO COTOBADE

 REGO DE VALGADA

CASTRO

CERDEDO COTOBADE

 Castro
     Santa Baia de Castro é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade. 

      Segundo o padrón municipal en 2014 tiña 120 habitantes (55 homes e 65 mulleres) distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 204 habitantes.

Xeografía
     A parroquia está formada polos lugares de Bugarín, Castro do Cabo, Castro do Medio e Filgueira. Situada ó noroeste do concello, o seu nome procede directamente da verba latina Castrum, xa que o seu principal accidente xeográfico é o coto de Castrodiz (681 m).

     Desde o lugar do Medio e o do Cabo pódese desfrutar dunha vista do val do río Lérez, e cara á parte de abaixo das aldeas as casas parecen precipitarse sobre o val do río de Queireza, mantendo a estrutura labiríntica típica do concello.

Patrimonio
     Na cima do coto de Castrodiz aprecianse indicios de asentamentos castrexos. A cima do coto aparece sesgada nun planalto que recibe o nome de Eira dos Mouros. Este planalto está arrodeado dos restos dunha dobre muralla moi similar á doutros asentamentos mellor conservados. Desde alí, nos días claros de verán, pódese ver a liña do horizonte no mar mais aló da Illa de Ons. Tamén hai testemuñas de pinturas rupestres na Cova dos Mouros.

     A igrexa parroquial de Santa Baia de Castro atópase a metade do camiño entre o Lugar do Cabo e o Lugar do Medio. No 1809, durante a guerra da Independencia Española, foi queimada xunto con tódalas súas pertenzas polos soldados de Napoleón, segundo refire o párroco Ignacio de Silva, quen conta tamén como os franceses deron morte a anciáns e enfermos que non foron quen de fuxir.

      Xa na década de 1940 a igrexa foi rexistrada en varias ocasións pola Garda Civil, xa que Lisardino Lois Ventín, o crego de Castro, foi considerado sospeitoso de axudar á guerrilla antifranquista e recibir os guerrilleiros na súa reitoral; se ben fóra o anterior párroco, Jesús Rodríguez Anllo, quen uns anos antes, no 1938, dera chivatazos ás autoridades falanxistas para o apresamento de decenas de persoas e a eliminación de varios líderes agraristas e mestres nacionais da veciña Quireza e de toda a contorna.

     No lugar de Filgueira, son dignas de ver as mostras de arquitectura popular que podemos atopar en todas as casas e no seu fermoso eirado composto dun conxunto de 12 canastros (Eira da Ermida) que está xunto á capela da Virxe dos Remedios (queimada tamén polos soldados de Napoleón), dende onde hai unha gran vista panorámica da parroquia de Quireza e montes do arredor.

     Filgueira é terra de ferreiros e fiadeiras e sobre todo destacan famosos canteiros, como Domingo Matías e Tomás Penelas.

     Outra das aldeas da parroquia é Bugarín, onde está a capela da Virxe da Saleta.

      No antigo camiño que comunicaba o Lugar do Cabo con Bugarín (hoxe un carreiro abandonado que é a única conexión directa existente entre os dous lugares da mesma parroquia) hai unha pedra moi grande na zona que chaman Os Corticiños. Conta a lenda que a un home que pacía as ovellas sempre por aquela zona lle saíu dunha vez ao camiño unha serpe de gran tamaño. A serpe, á que lle gustaba o leite, muxiulle dúas ovellas. Dende aquela, o home asubiaba na pedra todos os días para que viñera a serpe, ata que pareceu que lle collera ata certo achego. Pero o home tivo que marchar fóra uns anos, e atopouse cando volveu que a serpe non acudía ao seu asubío. 

     Volveu ao día seguinte e, desta vez, a serpe apareceu e de tanto que o estrañara abrazouno tanto que o matou. Días despois sete homes de Bugarín fixeron unha batida e mataron a serpe con escopetas.

Lugares e parroquias
     Bugarín, Castro do Cabo, Castro do Medio, Filgueira

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901