MUIÑO DO TOXAL
RÍO TOMEZA
PEDROUZO
VILABOA
Santa Comba de Bértola
Santa Comba de Bértola é unha parroquia que se localiza no concello de Vilaboa e pertence a diocese de Santiago de Compostela.
Segundo o IGE en 2013 tiña 764 habitantes (445 mulleres e 319 homes), 154 máis ca en 1999. Ten trece entidades de poboación.
Linda co concello de Pontevedra (concretamente coas parroquias da Canicouva, Tomeza e Salcedo), e coa parroquia de Figueirido do propio concello de Vilaboa. Por Bértola pasa a Vía romana XIX, recentemente sinalizada, e o Camiño Xacobeo Portugués.
Patrimonio
A igrexa parroquial é de estilo renacentista concretamente de 1525 século XVI, agás a fachada que é do século XVIII. A planta é de cruz latina. Os dous tramos anteriores ao presbiterio están cubertos con bóveda de crucería con clave colgante, e o presbiterio está cuberto por perpiaños formando bóveda de canón. A ábsida está cuberta con bóveda de canón polo interior, máis baixa cá da nave. Ao norte está acaroada a sancristía.
Na pequena sancristía, cuberta cunha bóveda de canon destaca unha inscrición tallada na pedra, xusto enriba da porta de entrada, que seguramente nos remita ás orixes do templo, xa que comeza dicindo: "Esta obra sihi si" e tamén aparece o nome "Narciso".
Na fachada principal atópase o portón de acceso, destacando unhas puntas de frecha angulares nas esquinas. Sobre a porta hai un fornelo coa imaxe de santa Comba e unha xanela rectangular. Na espadana hai tres ocos con arcos de medio punto, dous con dúas campás de distinto tamaño.
A porta principal atópase cara ao norte, e dende ela podemos observar o muro da casa reitoral. Enriba desta temos un pequeno cruceiro que representa o Cristo crucificado. Xa no exterior, nunha pequena zona axardinada resultante dos muros da igrexa e da Sancristía, atopamos un dos cruceiros mais singulares do noso territorio: o Hábeas. Sobre dous chanzos, sitúase un pedestal de maior tamaño un pouco deteriorado. Sobre este, o varal circular sen ningún tipo de ornamentación, un colariño, e un chapitel, enriba dos cales se asenta unha cruz cos extremos ancorados. Por un lado, temos a figura dun cáliz, e polo outro un elemento non identificado (quizais os restos dun Xesucristo).
A casa reitoral é un pazo composto de perpiaños de granito, seguramente de comezos do século XIX. A planta é en forma de L, cun patio e unha solaina de entrada con balaustrada. No patio interior axardinado atópase un forno de leña en pedra, e na parte baixa podemos entrar á antiga bodega onde se facía o viño. Nunha das ventás do piso superior, concretamente a que da cara o poñente, destaca unha inscrición en pedra no que se cita posiblemente a persoa que mandou construír a casa e o ano en que o fixo (Martínez, ano 66. Estes gravados tamén son visibles dende o xardín que a rodea.
A escasos metros da casa reitoral, está situado un canastro ou paneira de 18 pés, en estado de semiruína coroado por dúas cruces decoradas nos seus extremos. Precisamente cara o nacente, pegado a un camiño parroquial tamén podemos observar un pequeno texto inscrito na pedra, no que se cita un tal "Freire".Trátase dun conxunto arquitectónico único de gran beleza e valor artístico.
A capela de Santa Marta atópase no lugar de Santa Marta. Marca o final do tramo do camiño portugués en Vilaboa, e é por tanto un lugar de paso dos peregrinos que fan o camiño de Santiago. Data do ano 1617, e trátase dun pequeno templo de pedra e teito de madeira restaurado recentemente. En fronte da capela atopamos un cruceiro moi posterior.
A festividade de Santa Marta ten lugar o 29 de xullo, festexado en Santa Comba de Bértola con diversas actividades lúdicas, ademais das relixiosas.
A capela de Santo Antón é a outra capela que podemos atopar en Bértola no lugar de Cerqueiro, nun pequeno alto a escasos metros do núcleo habitado e do camiño parroquial que nos leva ao lugar de Bértola. A súa porta principal non se atopa cara o poñente como é o normal e, segundo conta a lenda, quen a mandou construír quixo que quedara así situada para poder vela tódolos días dende a súa casa.
Lugares de Santa Comba de Bértola
Amproa, Bértola, Cerqueiro, Filgueira, Ganderón, O Outeiro, Pedrouzo, A Ramalleira, O Rial, A Rialiña, Sabaxáns, Santa Marta, Saxosa
MAPA
SÍGUENOS:
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901