martes, 13 de febrero de 2018

PUERTO DE A GUARDA - A GUARDA

PUERTO DE A GUARDA
A GUARDA
BAIXO MIÑO


A Guarda
     A Guarda é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE no ano 2016 tiña 10.133 habitantes (4.937 homes e 5.196 mulleres). O seu xentilicio é guardés.




Xeografía
     Sitúase no suroeste de Galiza, onde desemboca o río Miño. Limita co océano Atlántico polo oeste, co concello do Rosal polo norte e o leste, e ó sueste con Portugal, a través da fronteira natural do río Miño. 



     Pódese chegar por estrada desde Tui e desde Baiona pola estrada PO-552, e desde Caminha por transbordador. Atópase a 50 km de Vigo e a 120 de Santiago de Compostela.



Patrimonio
Arqueoloxía
     Entre os abondosos restos arqueolóxicos destaca o castro de Santa Trega. Un poboado amurallado con portas ó norte e ó sur. Nel atópanse restos do trazado viario, de vivendas, canles e depósitos de auga, fornos e outros materiais arqueolóxicos.



     Posúe un museo arqueolóxico, onde se expoñen distintas elementos das diferentes culturas antigas asentadas na Guarda. Desde pezas do paleolítico (coitelos bifaces ou picos), do neolítico (coitelos pulidos, cerámica...), da idade de bronce (fouces, puñais...), da cultura castrexa (pedras labradas, cerámica e ourivaría de bronce e ouro) e da Roma Antiga (terra sigilatta, tellas, ánforas, moedas...).



Arte relixiosa
     O conxunto artístico máis importante está situado na Igrexa Parroquial de Santa María Asunción da Guarda, no centro da vila. Aparece documentada no século XII. Conserva elementos do románico no muro norte. A planta é de cruz latina, con tres naves e con capelas laterais (da Trindade e das Dores). No seu interior destaca a gran variedade de retablos barrocos, o conxunto de pinturas manieristas sobre táboas e o conxunto de frescos rococós. A fachada é barroca con lenzos murais brancos debido á influencia portuguesa. A fachada sur obedece a esquemas renacentistas, cun tímpano que realza unha furna cunha imaxe barroca da Virxe. O campanario é moi monumental, sendo unha fusión entre o barroco con aspectos neoclásicos.



     A igrexa parroquial de Santa Isabel de Camposancos data de 1816, e a de San Lourenzo de Salcidos de 1530. Tamén existen varias capelas: a de Santa Trega (século XII), a da Virxe da Guía (século XVI), a de San Caetano (século XVIII) e a de San Roque (século XX). A capela de Santa Trega ten un Viacrucis con medallóns do escultor Julio Vicent Mengual, realizados a partir de 1922.



     Outro conxunto significativo é o Convento de San Bieito, construído entre 1558 e 1561 como Mosteiro da Transfiguración do Señor. Fundado por catro irmáns: Álvaro, García, Isabel e María Ozores de Sotomayor, naturais do Señorío de Teáns, Salvaterra de Miño, bisnetos de Pedro Madruga. A carta fundacional, asinada polo nuncio de Pío IV en Portugal, é do 7 de setembro de 1561. A inauguración foi o 5 de agosto de 1567 e estivo presidida polo bispo de Tui Diego de Torquemada. O edificio sufriu unha reforma importante no século XVIII, cunha portada barroca na porta norte da igrexa. A comunidade de beneditinas ocupou o convento durante 417 anos, ata 1984.



     Destaca a Torre do Reloxo, antiga homenaxe medieval, que foi parcialmente destruída, reerixida no século XVI. Tamén destaca o Centro Cultural, edificio de estilo rexionalista deseñado polo arquitecto Tomás Bilbao Sertucha a finais da década dos anos 20 do século XX.



     En 2009 abriu o Museo do Mar, no porto, ó final do paseo marítimo, nunha réplica da antiga atalaia, que alberga unha colección malacolóxica de máis de 18 000 cunchas.


     Entre os monumentos de recente construción destaca a escultura adicada ao mariñeiro desaparecido, de Maxín Picallo; a adicada ós mariñeiros, de Antúnez Pousa, nas proximidades do peirao, e a dun rapaz sentado nun banco cun libro na man, ao carón da igrexa, de Cuqui Piñeiro.


Festas e tradicións
     Desde 1913 celébrase a Festa do Monte, o segundo domingo de agosto. A festa culmina coa ascensión ó monte de Santa Trega. En xullo de 2009 foi declarada festa de Galicia de interese turístico.



Turismo
     A Guarda conta dende o 2010 cunha ruta homologada de sendeirismo, o PR-G 122 "Camiños do Trega", apta para o turismo de natureza. Ascende ata o Monte Trega e ten magníficas vistas da Guarda, do Esteiro do Miño e de Portugal e o Atlántico.



Parroquias da Guarda    
     Camposancos (Santa Isabel) - A Guarda (Santa María) - Salcidos (San Lourenzo)


MAPA
VIDEO
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901