viernes, 13 de septiembre de 2019

PAZO DA FRAGA - ALBEOS - CRECENTE

 PAZO DA FRAGA
ALBEOS
CRECENTE


Albeos
     San Xoán de Albeos é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Crecente na comarca da Paradanta. 



     Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 476 habitantes (238 homes e 238 mulleres), distribuídos en 25 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 676 habitantes.


Historia
     É a parroquia natal de San Paio, sobriño do bispo de Tui Hermixio, que foi raptado por Abderramán III no ano 920. Na súa memoria erixiuse o mosteiro románico de San Paio, do que se conservan algunhas ruínas.



     Aquí naceu tamén o bispo católico Gilberto Gómez.



Lugares de Albeos

     A Beira do Río, A Boavista, Camán, A Capela, A Carballosa, A Carreira, O Cazapal, O Cerraque, As Chans, O Coto de San Mariño, O Forno Telleiro, A Lama, As Laranxeiras, O Morgado, O Mosteiro, Os Muíños, O Outeiro, Paradela, O Pazo, O Perdigón, A Portela, As Redondas, A Regalada, O Rodo, Santa Marta, O Seixal, A Terranova, A Uceira, Vilameán, Vilapide



Crecente
     Crecente é un concello da provincia de Pontevedra, pertence á comarca da Paradanta. Segundo o IGE, en 2014 tiña 2.261 habitantes. O seu xentilicio é «crecentense».



Xeografía
     Limita cos concellos de Arbo e A Cañiza (provincia de Pontevedra); Melón, Arnoia, Cortegada, Pontedeva e Padrenda (provincia de Ourense) e fai fronteira con Portugal, separado polo río Miño. Ten 57,1 km².



     Cara ao norte está formado por unha zona montañosa, e cara ao sur está formado por un grupo de vales profundos, dirixidos cara ao río Miño, que o separa de Ourense e Portugal.



 

Historia
     No límite co concello de Arbo atópanse uns petróglifos no monte, e nos lindeiros coa provincia de Ourense un túmulo megalítico.


     Durante a idade de ferro, coa cultura castrexa construíronse varios castros: castro da Cidá ou castro de Sabanle, na parroquia de Quintela, onde se atoparon un tríscele (conservado no Museo de Pontevedra) e un torso de guerreiro castrexo (no Museo Quiñones de León de Vigo). 



     Os castros do Cerco (na aldea de Bouza de Padrosos), o de Coutofurado ou de San Sebastián, en Parada de Rebordechán e o do lugar de Castro no propio Crecente están todos eles romanizados. Durante a dominación romana construíuse unha calzada bordeando o río Miño, e unha torre (orixe da de Fornelos).


     Na idade media a zona formou parte do condado de Turonia, fronteira durante o Reino de Asturias e logo demarcación entre os condados de Galicia e Portugal, pertencendo parte dese concello á raíña Tareixa (nai do futuro rei de Portugal Henriques). 



     Ó ser lugar de fronteira sufriu diversas escaramuzas e de aí proveñen as fortificacións de Fornelos e Sendelle, sendo as diversas parroquias posesións de diversos señores feudais, entre os que destacan os templarios (que fundaron o mosteiro de San Pedro de Crecente) o mosteiro de Melón, e a liñaxe dos Soutomaior. Esta familia obtivo numerosos bens e os seus conflitos foron moi soados.



     O rei Fernando IV de España outorgou a Fernando Yáñez o señorío de Crecente. Durante a idade moderna, xa en 1642, o rei Filipe IV de España concedeu o título de conde de Crecente a Baltasar de Soutomaior por intercesión dun familiar seu na corte de Madrid. Durante a Guerra de Restauración Portuguesa Crecente volveu ó ambiente militar, coa refortificación de Fornelos e varios outeiros para impedir ataques e lanzar ofensivas ó país veciño, aínda que estivo lonxe dos grandes conflitos bélicos desta guerra, que sucedían en Salvaterra de Miño.



Natureza
     O contorno natural de Crecente está demarcado polos diversos vales, destacando á vista o encoro do río Frieira. Desde o monte de Chan de Moeiras, en Filgueira, hai unhas boas vistas panorámicas dos meandros do Miño, desde Meréns ata Cortegada.



Patrimonio
     O pazo da Fraga, en Albeos, e o pazo de Barreiro, en Vilar, son de orixe medieval.



     O románico tivo implantación na zona, como se ve no mosteiro de San Paio de Albeos, adicado a San Paio, santo orixinario deste concello. A igrexa de Crecente, antiga colexiata, foi construída sobre as ruínas do mosteiro templario de San Pedro, construído no século XIV.



     O castelo de Fornelos ten a súa orixe nunha torre romana que vixiaba a calzada romana de Crecente e logo ficou en ruínas ata a súa reconstrución durante as guerras de creación de Portugal, entre Afonso VII e Afonso Henriques. Na actualidade consérvase a torre da homenaxe (nela o nobre Pedro Madruga mantivo encarcerado ao bispo de Tui Diego de Murosno século XV) aínda que tiña tamén muralla e varias dependencias anexas, tivo uso ata a Guerra de Restauración ou Guerra de Independencia de Portugal do dominio español.



     A capela da Virxe do Camiño, de estilo románico tardío, sitúase nunha antiga ruta do camiño de Santiago, e conta cun cruceiro ornamental. Na capela de Fátima, no Couto da Cruz, venérase a primeira imaxe existente en España vinculada á Virxe de Fátima, traída a ombreiros dende Portugal.


 Parroquias de Crecente   
     Albeos (San Xoán), A Ameixeira (San Bernabeu), Angudes (San Xoán), Crecente (San Pedro), Filgueira (San Pedro), O Freixo (San Roque), Quintela (San Caetano), Rebordechán (Santa María), Ribeira (Santa Mariña), Sendelle (Santa Cruz), Vilar (San Xorxe) 


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901