sábado, 16 de febrero de 2019

PRESENTACIÓN FESTA DA FILLOA DA BAÑA

PRESENTACIÓN FESTA DA FILLOA
CONCELLO DA BAÑA
PAZO DE CORES


      A filloa, protagonista do evento que reuniu en Cores a asociacións da Baña, Lestedo, Muimenta e Zas


     A cita serviu para resaltar os sabores do territorio e a diversidade gastronómica de Galicia
Cos mesmos ingredientes presentáronse filloas redondas e cadradas de diferentes tamaños
     O 23 e 24 A Baña celebra a XVI Festa da Filloa da Pedra


     A filloa foi a gran protagonista do evento gastronómico que reuniu no pazo de Cores as asociacións que promoven a exaltación deste típico produto galego na Baña, Lestedo, Muimenta (Cospeito) e Zas e que viñeron a corroborar a gran diversidade culinaria que existe en Galicia. Cos mesmos ingredientes (auga, fariña, ovos e sal) pódense conseguir filloas cadradas duns 40x40 centímetros como fan na Baña, ou duns 20 como as de Muimenta; redondas de 60 centímetros de diámetro como as de Zas, ou duns 20  en Lestedo (Boqueixón).



     O evento, promovido pola Asociación Filloas da Pedra da Baña en colaboración co Concello, serviu para dar a coñecer como xurdiron cada unha destas exaltacións gastronómicsa e para establecer vínculos de colaboración para seguir promocionando este produto típico galego. Na presentación, Uxía Landeira resaltou precisamente a “diversidade da filloa nunha Galicia única pero tamén moi diferente”, e agradeceu o traballo de cociñeiros e asociacións que foron quen de poñer en valor este produto. “Hai que vivir a filloa e celebrar o noso”, dixo a presentadora, unha afirmación que corroborou máis tarde o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, ao resaltar a importancia de recuperar tradicións e “compartir experiencias” para seguir facendo destas exaltacións gastronómicas un atractivo turístico e dinamizador do territorio.
     Mónica Tomé recordou como no ano 2004 nacía a festa da filloa da pedra da Baña promovida dende o Concello e, tres anos máis tarde, a Asociación Filloas da Pedra da Baña, que segue a organizar esta exaltación gastronómica xunto con moitos voluntarios. “Hoxe o Concello da Baña é coñecido en moitos lugares grazas a esta festa. A filloa quere devolverlle parte dese esforzo e axudar a saír adiante”.
     Ana Pereiro, da Asociación de Veciños Barolo, de Loroño (Zas), sinalaba que levan 5 anos organizando a festa da filloa. En Zas fanas nunha plancha redonda de ferro fundido, duns 60 centímetros de diámetro. A características desta filloa é que parece unha peza de encaixe, polos numerosos ollos que ten, e cada unha necesita case un litro de amoado. A festa celebrase o vindeiro 16 de marzo e conta con 24 pedras, dixo unha das promotoras desta festa e a filloeira de maior idade.      O ano pasado reuniron a 600 persoas nunha cita na que os homes se encargan de facer o cocido que acompaña ás filloas.


     José Rus, coordinador da Asociación de Empresarios de Muimenta, que organiza a festa da filloa a través das Comisións de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta) sinalou que levan organizando esta exaltación dende 1992. Eles utilizan una plancha cadrada de ferro fundido de 50 centímetros, na que se van catro filloas pequenas de cada vez. “Hoxe, esta e a única festa da provincia na que se exalta só a filloa, noutros municipios sempre aparece acompañada doutros produtos”. Recordou como esta festa xurdiu dentro da Mostra Exposición de Muimenta como fórmula para recuperar a filloa e recadar algúns cartos. “En Muimenta sacamos a festa do entroido e celebrámola o 1 de maio. Temos a 184 persoas traballando na organización. Hoxe vemos que se fan filloas  nas festas do verán e incluso en bodas”. Declarada de interese turístico dende 2008, contan cunha escola de filloeiros e filloeiras, “hoxe, das 56 persoas que están na escola, uns 20 son homes”.


     Mari Carmen Rey acudiu en representación da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, que celebrará a súa 36 edición (é a máis antiga) o vindeiro 10 de marzo. Declarada Festa de Galicia de interese turístico, a Filloa de Lestedo reúne cada ano a milleiros de persoas, e é coñecida polas máquinas que inventou Orlando Vázquez. “A máis grande é quen de facer ata 1.500 filloas cada hora, atendida só por seis persoas, e, a máis pequena, fai unhas 500”, dixo Carmen Rey, quen convidou a todos os presentes a acudir a Lestedo o vindeiro 10 de marzo.


     Pola sua banda, o chef José Manuel Mallón, que se presentou como “un dos filloeiros da Baña” e firme defensor da filloa e que inclúe tamén nalgúns dos pratos do seu restaurante, amosouse partidario de “recuperar a tradicións e compartir receitas tradicionais entre veciños de diferentes parroquias”. Isto é o que están a facer os alumnos e alumnas asistentes ao Curso de cociña tradicional que organiza o Concello da Baña, no que deu clases Mallón e que esta mañá serviron diferentes pratos para acompañar ás filloas, entre elas cocido, callos, carne asada, cordeiro, empanada, e diferentes doces.
Con esta iniciativa, dende o Concello quérese aproveitar o potencial da Baña para facer da gastronomía, ademais dun reclamo, unha forma de vida e unha forma para poñer en valor a economía da zona e a riqueza turística. Uns recursos que se encarga de promocionar tamén o alumnado de turismo do Obradoiro de Emprego Barcala, Xallas Dubra IV, que hoxe estivo amosando os trípticos promocionais que están a deseñar, ademais de recoller información para o programa de radio que cada mércores emiten en Radio Negreira.


     Na organización do evento desta mañá no pazo de Cores tamén colaborou o GDR Terras de Compostela a través da submedida 19.4 de promoción territorial.



XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña
     Durante o evento presentouse o vídeo promocional e o programa da XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña, que se celebra o 23 e 24 de febreiro, ampliando a dous días o programa de actos, que se desenvolverán no polideportivo municipal de San Vicenzo.
     Por primeira vez dende a súa creación, a Festa da Filloa da Pedra da Baña incluirá una Foliada Filloeira o sábado pola tarde. A partir das 16.30 horas actuarán As Xoubas e os Viracunchos do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, de Santiago;  a agrupación  Tíralle do Aire e integrantes da  Escola de Gaita da Baña. A organización promete algunha que outra sorpresa para este día. Ademais de gozar da boa música, os asistentes poderán ver xa en vivo e en directo as filloeiras e filloeiros da Baña elaborar filloas da pedra que se servirán ao día seguinte


     O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación Filloas da Pedra e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.
Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animarán a verbena.
      O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas os asistentes, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.


MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


 Fuente y fotos: Concello da Baña
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901